Ficha 009

PONTESA

Tipo

Cerámica

Sector

Cerámica

Uso actual

Almacén de penso 

Concello

Pontevedra

Parroquia

Pontesampaio

Lugar

O Vao

Enderezo

N-550 p.k. 133

Coord.

N 42º20'53'' O 8º36'50'' GPS: 42.3481, -8.6139

Aérea anos 60
Foto aérea de PONTESA; coa 1ª ampliación rematada, iniciándose a 2ª e en proceso de recheo da parcela. Foto do Arquivo da familia López, arredor de 1962.
Interior
Vista do interior, na curva da 5ª nave. Foto: Iria Garrido, do traballo "PONTESA, lembranzas dunha fábrica" do CPI Padín Truiteiro de Arcade, dentro do proxecto "Fotografía en curso". Ano 2014. © CGAI-A Bao A Qu.
Nave da 2ª ampliación
Interior da prolongación da 1º nave feita nos anos 70, cos alumnos do CPI Padin Truiteiro de Arcade. Foto: Marta Moreiras, do traballo "PONTESA, lembranzas dunha fábrica" do CPI Padín Truiteiro de Arcade, dentro do proxecto "Fotografía en curso". Ano 2014. © CGAI-A Bao A Qu.

Historia

Fundación

1960

Feche

2002

Fundador

Alfares Pontesampayo SA

Aérea 1ª fase
Vista aérea de PONTESA na súa primeira fase, cando ainda non tiña rematado o recheo e comezaba a 2ª. Foto do Arquivo da familia López, circa 1962.
Recheo
Vista aérea de PONTESA nun momento igual ao anterior, pero dende o Oeste. Foto do Arquivo da familia López, circa 1962.
Construción entrada
Vista da fachada de entrada de PONTESA, co encofrado do edificio de entrada. Foto do Arquivo da familia López, arredor do ano 60.
Recibimento a Franco
Momento do día da inauguración oficial, coa multitude recibindo as autoridades. Foto da familia López, 14-IX-1961.
Saúdo a Franco
Asistentes á inauguración oficial de PONTESA, saúdan o coche do dictador. Foto do Arquivo da familia López, 14-IX-1961.
Festa inauguración
Entrada de PONTESA a festa na noite da inauguración oficial. Foto do Arquivo da familia López, 14-IX-1961.
mostrar máis

Reseña

A fundación de "Alfares Pontesampayo SA" (máis coñecida polo acrónimo comercial, PONTESA) foi unha máis importantes do gran conglomerado industrial de "Manuel Álvarez e Hijos SA" (MAHSA).

Despois da morte no 1938 do pai fundador (Manuel Álvarez Pérez), un dos seus 10 herdeiros, Moisés Álvarez O´Farril, colle o liderado e control da empresa familiar. Gracias as oportunidades do contexto bélico e o novo estado franquista, Manuel e Moisés Álvarez (e nos comezos tamén Manuel junior e Julio) converteron en pouco máis dunha década a unha pequena empresa local (en orixe só de comercio e pintado decorativo de cerámica doméstica), nunha gran produtora industrial, gran provedora do estado franquista e comercializadora minorista cunha ampla rede de locais. As fundacións industrias desta primeira etapa localízanse en Vigo: primeiramente créase a sección de cristal "Casablanca" (dende o 1937 no barrio vigués do mesmo nome), e seguidamente, a de porcelanas "Santa Clara" (1941), e a de louza "Royal China" (inaugurada no 1939 e ampliada ata o 1948), ambas en Barreiro. (1 e 2) 

Aquela expansión fíxose gracias ao recurso preferente, continuado e excesivo ao financiamento bancario, recurréndose ao aval hipotecario dos inmobles industriais e comerciais. Trala obrigada conversión de "Manuel Álvarez e Hijos SL" en Sociedade Anónima no 1952, os bancos (nomeadamente o Pastor) intervirán a empresa. Non obstante, a partir do 1956, a boa relación de Moisés coa xerarquía franquista, abrirán a MAHSA as portas da banca pública (Banco de Crédito Industrial e Caixa de Aforros de Vigo, principalmente), para continuala expansión da empresa mediante unha moderna factoría con capacidade de crear mercancía exportable. (3) 

Non obstante, o caso da fundación de PONTESA é un tanto peculiar na historia do Grupo Álvarez: nesta ocasión, Moisés Álvarez O´Farrill creouna en asociación con outros pequenos empresarios do sector: dous de tipo técnico, os enxeñeiros madrileños Carlos Abollado e Abelardo Martínez, e un singular empresario local, Antonio Medal Carrera (4 e 5).

O pontareano Antonio Medal (nado no 1902) comezou sendo un artista (pintor e ceramista) de orixe humilde, espírito bohemio e certa fama en Galicia. Durante a Guerra Civil houbo de refuxiarse en Salvaterra, onde montou un pequeno obradoiro de xoguetería (6). Non sabemos moi ben como, pero a comezos dos anos 40 introdúcese no comercio minorista de feldespato e arxila, e seguidamente comeza a negociar concesións mineiras. Cara 1945 instálase en Arcade, e comeza solicitar e obter permisos de minas de feldespato, caolín e cuarzo en diferentes localidades da contorna: Meis (1948), Salvaterra (1950), Portas (1951), Pazos (1955), Tui (1955 e 1959), Vilaboa (1958),....

Quizais a escolla da instalación da nova factoria do grupo MAHSA en Pontesampaio derívese da intercesión de Antonio Medal: a autorización para facer un recheo de 33.000 m2 no lugar do Vao (xuño de 1959) está ao seu nome. Era aquela marisma un lugar con grandes vantaxes: estaba a beira da estrada nacional 550, o ff.cc. do eixo atlántico e mesmo da Ría de Vigo, e tamén tiña doada conexión á rede de alta tensión (cousa importante para esta "cerámica sen cheminea" que funcionaba exclusivamente con electricidade). 

Semella que as obras xa comezaron no verán do 1958. E aínda que a inauguración oficial foi a feita por Franco en setembro de 1961, en PONTESA a produción comezou moito antes: no mes de Nadal do 1960 xa traballaban alí "300 obreiros dos 400 previstos", e en agosto do 1961 vóltase ampliar o cadro de persoal. Segúndo declaracións de Pedro González Fusé, (enxeñeiro director da factoría), feitas en xuño do 1961, a idea da creación de PONTESA nacera "fai cinco anos, e nunha viaxe que fixemos a Inglaterra fará cousa duns tres anos tomaron forma os planos, e sen dubidar, lanzámonos a poñelo en marcha". Xa nesa data a factoría ocupaba "uns 100.000 metros cadrados; deles 13.000 cubertos", e xa fabricaba"louza fina e ordinaria... e tamén producimos azulexos de pasta vitrificada e pensamos producir sanitarios". En realidade, PONTESA era un "work-in-progress", e apenas un ano despois da "inauguración", acometíase unha ampliación de 6.000 m2 para aumentar a sección de vitrificación. 

A fundación de PONTESA transcende incluso o industrial e empresarial, atinxindo ó social en tres dimensións: por unha banda o asistencial (do patrón cara os seus empregados/as e o pobo en xeral); por outra, o de representación e influenza entre as elites franquistas; e por último, a publicitaria-comercial, na que habitualmente se misturaban as dúas anteriores. Isto último, nótase especialmente nas celebracións de Nadal, onde amais de iluminar a factoría, en PONTESA facíanse diferentes festas para o persoal, as autoridades e o público xeral: e todo saía notoriamente na prensa. En certa medida, PONTESA tamén foi un moderno centro comercial e recreativo, chegando incluso a ser unha pequena atracción turística.

Sen embargo, aínda que a comezos dos 60 MAHSA pregoaba que ía construír nalgún lugar de Vilaboa "un novo pobo modernamente deseñado...nada menos que 400 vivendas...coa súa igrexa, mercado, grupo escolar, gardería, lavadoiros, teatro-cine, campos de deportes e círculos recreativos e formativos" o proxecto non se chegou realizar; pero si moitos outros como o comedor da factoría, a asistencia sanitaria, equipos deportivos, (entre eles un equipo feminino de baloncesto, pioneiro na bisbarra), cursos,...

Descoñecemos os detalles contables e financeiros da evolución de PONTESA, pero semella que xa nos primeiros anos de funcionamento o triunfo do proxecto era total. No ano 1962, PONTESA, acada os/as 442 empregados/as (7), e no 1966 chega aos 640; significando o de PONTESA arredor do 12-15 % do persoal de MAHSA. No ano 1963 PONTESA acada un capital de 30 millóns de pesetas, e ao ano seguinte MAHSA consigue outro crédito do BCI e incorpórase ao "Polo de Desenvolvemento de Vigo-O Porriño". Entre tanto, na prensa repítense as noticias de grandes lotes de exportacións de PONTESA a todas as partes do mundo (incluído o outro lado do "pano de aceiro"), e apertura de novos "Establecimentos Álvarez" (chegando a ter 36 en 25 cidades distintas en España no ano 1964), e de asociacións industriais e comerciais establecidas con países como Italia, Reino Unido e os EUA

Así pois, nos anos 60 o apoio estatal a MAHSA é total: de tal xeito que nos anos 1964-66 as empresas de MAHSA representaban o 46% do investimento do "Polo Vigo-Porriño". Foi nesta xeira cando se fundaron: "Vidrios Automáticos del Noroeste" (VANOSA, 1966), en Barreiro, que fabricaría servizos de mesa de vidro irrompible, marca “Dural”; “Moisés Álvarez e Hijos” (MOAHSA, 1966), en Coruxo, especializada en louza "dura", de baixo prezo para hoste lería; e “Porcelanas Sanitarias de Pontesampaio” (PONTASANI), no Porriño, deseñada para fabricar duchas, lavabos,...pero que foi reorientada a complementar outras liñas de produción de MAHSA . Amais, neses anos tamén créanse, "Porcelanas Vigo" (POVISA, 1964), adicada a fabricación de calcomanías para a industria cerámica; "Refractarios Álvarez" (REALSA), para fabricar tixolos refractarios para fornos industriais; e "Cromolito SA", que tamén fabricaría "calcomanías vitrificables, cerámicas, serigráficas e litográficas". Por outra banda, o proxecto "Azulejos de Galicia", que se ía instalar en Porriño, fracasou; e no ano 1970, Moisés adquiriulle ao seu irmán Manuel "La Ibera Tanagra" (Santander), que fabricaba ouriñais de louza e estaba en proceso de quebra.

Nesas datas comezan os auténticos problemas para o emporio Álvarez, o gran volume de facturación nunca conseguiu vencelo permanente endebedamento. No ano 1969 comezan as demoras no pago a Seguridade Social. Os cambios políticos e a morte de Moisés Álvarez no 1975, dificultan o acceso ao financiamento público e tratos de favor gobernamentais. Amais, a crise do petróleo e a folga do 72, lastraron a unha industria cun gran consumo enerxético e peso da man obreira.

Pouco antes dos finamento de Moisés, MAHSA é refundada como "Grupo de Empresas Álvarez SA" (GEASA) e pasa as mans dos seus fillos Alberto e Moisés (8 e 9). No 1976, o goberno decide intervir e adquire o 45% da empresa, ficando os Álvarez cun 29%, e o resto nos acredores privados. Pero o devalo de GEASA xa era imparable, con perdas anuais de 2.000 millóns, nin a reestruturación da empresa acometida polo INI no trienio 1977-80, nin o investimento público de máis de 20.000 millóns de ptas. feito ata 1991, nin a drástica redución de persoal (4.200 empregados/as no ano 1972, 3.000 no 1987 e 1.170 no 1990) salvaron o grupo. (3 e 7)

No 1991, o INI decide vender, por tan só 100 millóns, as 5 factorías de GEASA a Estudesa, un holding finaciero-industrial que de seguido mostrou unha tremenda rapacidade sobre os recursos de GEASA . Nos anos seguintes producíronse impagos e problemas financeiros que levaron as/os traballadoras/os á folga e a intervención da Xunta (10).  No 1996, tras recibir máis axudas públicas e recortar aínda máis o persoal, GEASA (nun lote conxunto coa cerámica sevillana "La Cartuja") pasa a mans do empresario Enrique Tatay Huici por 203 millóns (11). Pero os plans presentados por Tatay fracasan, e o empresario valencián dimite a comezos do 1997, e pouco despois véndelle GEASA a familia Pérez Maglano por 700 millóns. Esta familia estivo ao fronte de GEASA outros poucos anos, entretanto conseguiron máis axudas públicas e no 1998 executaron un plan prexubilacións (reducindo o persoal a 800), ata que en marzo do 2001 presenta a suspensión de pagos cunha débeda acumulada de preto de 8.200 millóns. Neste tránsito (no que tamén se pretende que o Estado volte asumir o futuro de GEASA), uns 300 empregados constitúen unha Sociedade Anónima Laboral "Alfares Santa Clara" para manter certas liñas de produción durante un tempo e liquidar os stocks. O corte de subministro da FENOSA acontecido en marzo do 2002 remata definitivamente co traballo nos fornos e alfares do Grupo Álvarez.

Procesos

e

productos

As citas marcadas con (*) pertencen a entrevista feita por El Pueblo Gallego a Pedro González Fusé, enxeñeiro director de PONTESA, o 25-06-1961.

A factoría de PONTESA caracterizouse pola súa alta tecnificación e automatización, que lle permitía producir ata "millón e medio de pezas ao mes". Entre os equipos cabe mención especial os fornos: "Dous fornos-túnel eléctricos automáticos...de 750 KW cada un. Ademais contamos con seis fornos eléctricos intermintentes de cámaras xemelgas que sirvennos de auxiliares, con 180 KW, cada un" (*).

Ainda que inicialmente tamén se chegou a fabricar azulexo de pasta vitrificada; e secundariamente, tamén vaixelas "finas", pintadas a man, (ou incluso pezas de exhibición), dende o comezo a liña de producción principal de PONTESA foron as vaixelas domésticas decoradas por calcomanías; artigos modernos e económicos, de "louza fina e ordinaria... máis branca, máis compacta e que ten un son que da impresión de ser porcelana"; trala ampliación do 1962, tamén fabricouse en "louza vitrificada, transparente")(*). Sen pararnos a detallar as formas e motivos dos centos de artigos producidos en PONTESA, simplemente sinalar que nesta vaixelas primaban os deseños motivos florais, zoomorfors e xeométricos; deseñados e producidos en Vigo (na sección POVISA), e que no periodo final incluíronse deseños de prestixiosos profisionais como Antonio de Felipe e Pierre Cardin. (1) 

Boa parte da producción de PONTESA era exportada ao extranxeiro, chegándose distribuir aos 5 contientes, a lugares tan exóticos como Zambia, Nueva Zelanda ou Filipinas.

As materias primas empregadas eran arxila, caolín, feldespato, pedra calcarea, cuarzo e a dolomita; que tanto o director Pedro González Fusé (*), como Moisés Álvarez, fachandeaban que era de orixe galego, ainda que tamén a houbo de orixe extranxeiro.

Son moitas as variantes de procesos, tácnica e artigos cerámicos que se deron en PONTESA. Algúns deles están maravillosamente recollidos no NO-DO do 1 de Xaneiro do 1962, "Navidades en Puentesampayo". En forma de texto recollemos aqui unhaa descripción sintética feita por Maite Pena Rodríguez en Mulleres entre arxila (7):

"Moíase a materia prima e mesturábase con auga, en tambores xiratorios eléctricos, disolvéndose despois en cubas previa extracción das partículas de ferro mediante electroimáns. A masa resultante era filtrada e prensada, formándose a galleta da pasta, que era levada ás prensas por aspiración mediante bombas. A pasta amasábase posteriormente de forma mecánica en presas de baleiro, nas que se lle extraia o aire, logrando o que se denomina churro. Logo o churro era trasladado ós tornos en carretillas automáticas. Nos tornos a pasta sólida cortábase automaticamente en toros, cada un dos cales caía sobre os moldes de xeso que, co movemento da mesa xiratoria, quedaban baixo o torno, que lle daba a forma de prato, pratillo ou cunca. Na empresa había tornos automáticos, semiautomáticos e manuais. Despois as pezas depositábanse, unha vez calibradas, en secadoiros de aire quente. Cando o secadoiro completaba un xiro de 360 graos, íanse extraendo as pezas secas, que eran colocadas nunha cinta mecánica, que as trasladaba á sección de bordeado, onde, en tornos xiratorios, arranxábanse os bordes, aspirándose totalmente o po producido. Posteriormente pasábase a sección de colaxe, onde se traballaba con pasta líquida, a cal era vertida en moldes de xeso, realizándose as pezas de maior volume (sopeiras, ensaladeiras, etc), as cales tamén eran secadas por aire quente. Unha vez bordeadas e retocadas as pezas, situábanse en carretillas refractarias e introducíanse nos fornos, recibindo a primeira cocción a 1.100 grados. Cocidas as pezas, bañábanse en verniz, previa limpeza da poeira en máquinas. Xa vernizadas, as pezas volvían a un segundo forno, noutras carretillas refractarias, onde se cocían a menos temperatura que na primeira cocción, sobre os 850 grados. Esta segunda cocción fundía o verniz e dáballe a peza o característico brillo da louza. Saídas do forno de verniz as pezas eran clasificadas segundo a calidade, rectificándose aquelas que o necesitaran, nun torno xiratorio de aire comprimido. Escollidas e clasificadas, as pezas eran decoradas (a man, a pistola, mediante cromos). Unha vez decoradas, eran novamente cocidas de maneira intermitente no forno, para así marcar a fogo o decorado. Despois de esta última cocción  volvíanse  a clasificar as pezas por calidades. E finalmente as pezas eran almacenadas e embaladas."

O proceso de producción seguía a disposición liñal, SE-NO, da factoría: a matería prima era descargada no extremo SE, na salas inmediatas a entrada facías a pasta cerámica, no parte central da fábrica estaban os obradoiros e fornos,...e finalmente, a mercancia era almacenada e expedida polo extremo NO.

En PONTESA o cadro de persoal era maiormente femenino (do 60% no 1969), incluso nalgo máis que no caso do conxunto de MAHSA. No caso de PONTESA, a segregación sexual do traballo propia da época franquista traducíase en que: as mulleres eran maioria nos postos de traballo directo coa peza (modelado, decorado, empaquetado...) que eran calificados como os máis básicos do obradoiro (peona, axudanta,...); mentres ques os homes tiñan a total exclusividade dos altos cargos directivos (presidente, director, enxeñeiro,...), a práctica exclusividade dos técnicos e administrativos (entrando algunha muller na oficina ou na enfermería), e eran ampla maioria nos postos mais duros (carretaxe, fornos, turno de noite,...), e tamén dos postos calificados como especializados ou de dirección do obradoiro (ofical, xefe de grupo,...).

Concretamente, os postos superiores do cadro de PONTESA o integraban inicialmente "dous enxeñeiros Moisés Álvarez González e eu (Pedro González Fusé), e con nós colaboran un químico e catro peritos, un deles como xefe de fabricación" (*); pouco despois, o posto de xefe de fabricación o ocupará un enxeñeiro británico William Lunt, i é que boa parte da producción de PONTESA imitará o británico.

Maquinaria

conservada

Despois do ano 2003, parte da maquinaria foi trasladada polo novo propietario Jesús Fuentes (Itaipú-Trade SL) a outras factorías no estranxeiro; descoñendose o seu estado e lugar actual. (13)

Materalia

Pratos
Prato co logo moderno de PONTESA, ao lado dun cos típicos motivos florais. No museo veciñal de PONTESA, no Centro Cultural e Social de Pontesampaio. Foto Uxío Reinoso, ano 2018.
Vaixela Imperial
Xogo da vaixela "Imperial". No museo veciñal de PONTESA, no Centro Cultural e Social de Pontesampaio. Foto Uxío Reinoso, ano 2018.
Vaixela Real
Xogo da vaixela "Real". No museo veciñal de PONTESA, no Centro Cultural e Social de Pontesampaio.
mostrar máis

Arquitectura

Superficie parcela

60.000 m2 (principal)

Sup. ocupación

22.000 m2

Descriptiva

O actual solar de PONTESA está feito co aterraplenamento dun pequeno promontorio e veigas (duns 26.000 m2) que coa construción dunha nova variante da estrada nacional 550, ficou illado entre esta, a ría, e as desembocaduras dos ríos Verduxo e Ulló, ao que se lle engadiu un pequeno recheo no extremo sudoriental (duns 2.000 m2) e outro moito máis grande (duns 32.000 m2) no noroccidental. A parcela adáptase a percorrido da N-550, resultando unha forma de "búmerang", na que, esquematicamente, dúas grandes pezas rectangulares (cun ancho duns 120 m, e un largo de 215 m, a noroccidental-, e de 185 m, a sudoriental), están unidas por un sector en forma de "abano", cun ángulo de 33º. No extremo sur, se lle engade outra parcela con forma de abano, con menos ángulo, e máis estreita (100 m). A lonxitude da parcela é duns 570 metros no lado da estrada, e de 440 no lado do mar. A groso modo, os 14.000 m2 da primeira edificación da factoría, así como uns 5.000 m2 da ampliación do ano 1962, foron feitas sobre a terra firme, é unicamente foi erixida sobre terreo de recheo a longa nave que corre paralela a estrada. Así mesmo, a parte do aterraplenamento é un chisco máis elevada que a de recheo, resultando un pequeno desnivel dun par de metros en sentido SE-NO.

O edificio de PONTESA conta cunha arquitectura moi moderna e funcional. Os elementos sustentadores, contrafortes, piares e arcos feitos de formigón armado, foron disposto para crear un módulo duns 15x6,3 metros e unha altura duns 10-11 metros no intradós, que repetido sucesivamente nun mesmo sentido, crea un grupo de naves de desenrolo lonxitudinal facilmente ampliables.

A cuberta, de fibrocemento ondulado (con amplos sectores de fibra de vidro translúcida), susténtase sobre os arcos e un gran número de viguetas lonxitudinais. Basicamente, os piares son de dous tipos: uns máis robustos, de sección rectangular e duns 1,2x0,5 metros, que se dispoñen na liña central,entre a 3ª e 4ª nave, e outros máis lixeiros, de 0,5x0,5 m, entre as naves interiores; os contrafortes exteriores, tamén de sección rectangular, teñen un desenrolo trapezoidal, moito máis grosos na base (duns 1,6x0,5 m) que na cima, e así mesmo están levemente inclinados cara o interior. Mención especial merece a composición dos arcos, moi rebaixados, e compostos de dúas pezas de formigón prefabricadas e incardinadas cun orixinal sistema semellante a unha rótula.

As fachadas subordínanse á orde imposta polos elementos sustentadores, ata o punto, de que nas fachadas laterais os contrafortes sobresaen sobre os lenzos. Estes lenzos exteriores tamén están composto por un elemento modular, composto por un zócolo de albanelaría (revestido de falsa cachotería cara o exterior) duns 1,4 metros de alto, sobre o que se colocan tres cristais duns 1,5x0,7 sobre alma de formigón armado, ata chegar un pouco por debaixo da liña de cornixa, onde se remata con tapia de tixolo revestimento de cemento. No caso das fachadas laterais, os vans son cubertos enteiramente por lenzos onde o módulo repítese 9 veces; mentres que nas apicais, sobre o zócolo continuo, érguense 3 cristaleiras de 6 módulos, entre as que se coloca un falso piar de tapia de tixolo; nestas vans apicais, a tapia de tixolo revestido prolóngase ata a liña de intradós. Nos laterais, a cuberta ondulada remata nunha ampla cornixa de formigón que sobresae dos lenzos da fachada e a prominencia dos contrafortes. As tapias, actualmente en verde claro, noutro tempo estaban pintadas de branco.

Descoñecemos quen foron, arquitectos ou enxeñeiros, que deseñaron ou asinaron os planos das dúas fases de PONTESA; unicamente, podemos dicir que o deseño do portalón e caseta de acceso é atribuída ao ilustre Agustín Pérez Bellas, e que na prensa da época, sinálase a Moisés Álvarez junior e a Pedro González Fusé como os responsables da parte de enxeñería. Amais, podemos sinalar que as pezas de formigón pretensado foron feitas por "Pretensados do Louro SL" ("Viguetas Castelo"), e que a firma arousán "Atlántica SL", de construcións metálicas e instalacións industriais, tamén tiña como cliente a PONTESA.

Podemos diferenciar tres partes no edificio principal, coincidentes coas tres fases construtivas:

- Edificación orixinal. Construída entre o 1958 e o 1960. Composta por 6 naves, cun ancho total duns 90 metros, e un desenrolo lonxitudinal no 1ª grupo de 3 naves duns 150 m, e de 165 m no 2º, do que resulta unha planta duns 14.200 m2 . No saínte do 2º grupo de naves, entre o 2º e 3º módulo, eríxese un cubo duns 17 metros altura e 45x6 m de planta, con 2 sobrados; o extremo nororiental deste cubo revestido de falsa cachotería, e que na fachada que da cara a entrada conta con elementos rechamantes como o logo de PONTESA, unha vidreira de desenrolo vertical e dous mastros que sobresaen sobre a cuberta plana; sinalando que este é o espazo central, de referencia, ao que dirixirse: as oficinas da factoría. No interior deste volume hai algunhas divisións e entreplantas (vestiarios, comedor, laboratorio, almacéns,...), pero o principal é un gran espazo diáfano no que tempos acollía fornos, máquinas e obradoiros.

- 1ª Ampliación. Iniciada no 1962, co obxecto de ampliala sección de vitrificación. Esta "pequena" ampliación  duns 5.100 m2, foi o comezo dun proxecto maior que permitiría que a factoría acadase o "medio quilómetro de longo" . Este volume, está formado por dúas seccións de características distintas. Unha primeira con forma de "abano", cunha amplitude duns 33 graos e un radio de 90 metros; as dúas primeiras naves prolongan as naves e formas da factoría orixinal seguindo a curva da N-550; en troques, a 3ª e 5ª nave rompen o módulo estrutural empregado no resto da edificación, cuns grandes piares con forma de trapecio invertido que sobresaen un par de metros sobre as outras, e sobre os que se apoia unha armadura de celosía e a cuberta (de 2 augas, tamén de fibrocemento) de tal xeito que se crean unhas amplas e luminosas galerías nos flancos; as naves 4ª e 6º (moi exigua esta última) tamén teñen armadura de celosía e cuberta a 2 augas, pero teñen a altura ordinaria. Na segunda sección, de apenas 19 metros de desenrolo, recupérase o módulo e volumes da edificación orixinal, pero, co engadido dunha 7ª nave, de tal xeito que se acadan os 105 metros de ancho; así mesmo, nesta parte, dado o desnivel entre a parte de desmonte e a de recheo, créanse uns sotos, con aceso mediante un portalón para vehículos rodados. 

- 2ª Ampliación.  Descoñecemos a data exacta de execución desta ampliación, pero debeu acontecer a comezos dos anos 70. Trátase dunha prolongación da 1ª nave duns 170 metros de longo. Nesta ocasión, aproveitase o desnivel da parcela para crear un soto, que no lado da explanada do recheo ten varios portalóns para rodados. Así pois esta nave ten dúas plantas completas duns 2.600 m2 cada unha: a superior para fabricación e almacenaxe das pezas soltas; e o inferior para a almacenaxe e expedición da mercancia empaquetada. A única diferenza constutiva deste "apendice" respecto as feitas anos antes atópase no cumio do arco, que en vez de ter a claraboia de chapa translúcida, ten unha pequena bufarda coa función de respiradoiro; dado que ambos laterais teñen vidreiras ao exterior a luz natural inunda todo o espazo.

A suma total (aproximada) da superficie construída útil (contando entreplantas, sotos e os 2 sobrados das oficinas) do edificio principal de PONTESA estará arredor dos 26.500 m2.

Amais cabe sinalar os seguintes espazos e pequenas edificación:

- A caseta da entrada e enfermería. Como dixemos, deseñada por A. Pérez Bellas. A entrada conta cun aceso separado para peóns e vehículos, e ambos portalóns son de reixa e chapa de metal, pintadas nun xogo xeométrico bicolor; xogo que se repite no valado exterior, pero en troques de chapa metálica soldada, trátase de ousadas formas de formigón. A caseta en realidade son dous estancias independentes baixo unha mesma placa de formigón duns 190 m2 con forma de "L": a estancia máis grande (duns 90 m2), está disposta cara o exterior da parcela, i está dividida para servir enfermería e como recepción das persoas de a pé,servindo a placa de formigón de marquesiña; xa no interior, hai unha garita para o control dos vehículos rodados.

- O estacionamento. A esquerda da entrada, en tempos, foi unha explanada parcialmente axardinada na que  había unha ancha pista de xabre; hoxe en día atópase en proceso de renaturalización. No extremo sur hai un peirao de rampla de pedra duns 30 metros de longo e 4 de ancho.

- A explanada do recheo noroccidental. Un gran espazo chairo e rectangular duns 18.000 m2, que foi paulatinamente recheado nos primeiros anos de PONTESA. En orixe non era máis que unha reserva de solo para os proxectos de Moisés Álvarez, pero tralas dúas ampliacións, e coa apertura de sotos e peiraos de descarga, a explanada de terra colleu a función de espazo de manobra para os camións de carga, así como de escombreira. Esta explanada ten dúas vías de acceso: un directo a través dun amplo portalón no extremo noorcidental, e outro pola rúa que percorre o bordo sudoriental da fábrica. No extremo norocidental, hai un sector reservado para os depósitos de combustible. Unha vez terminada a vida industrial de PONTESA, esta explanada foi asfaltada para favorecelo seu uso loxístico.

- A explanada norte. Da outra beira da estrada N-550, e coa liña de ff.cc. coma límite norte, PONTESA contaba cunha explanada duns 21.000 m2. Nos anos 60 foi paulatinamente recheada, e no sector norocidental fíxose unha pista de atletismo, posteriormente anulada par construír unha caseta duns 320 m2, e xa máis recentemente un cuberto de semellantes dimensións; momento no que tamén se asfaltou parte da explanada. O extremo sudoriental, o inmediato a entrada principal da fábrica, foi gradualmente "colonizado" como estacionamento para o persoal; a este sector está conectado cun paso a nivel co barrio da Rabaleira de Pontesampaio.

Planos

Plano 1992
Plano de "Planta Xeral con ampliación; nova disposición". Escala 1:200. Asinado por G. Bastos. Datado: "Debuxado" 24-9-92; "Calcado" 24-8-90. Numerado: 1830.
Plano 1995
Plano de "Planta Xeral con ampliación". Escala 1:200. Asinado por G. Bastos. Datado: "Debuxado" 12-6-95; "Calcado" 24-8-90. Numerado: 1834-860-172.
Mostrar mais

Estado de

conservación

Estado xeral: regular.  

Sen ter feito unha inspección do interior do edificio, a evaluación xeral do estado de conservación de PONTESA califícase como "regular", contrapesando o "bo" ou "moi bo" estado de conservación da edificación (ainda en uso esporádicamente), e a total desaparición da maquinaria e elementos de enxeñería que houbo no seu interior (fornos, obradoiros,...) despois do seu feche industrial.

(evaluado en outono de 2018)

Vista aérea
Ano 2008
Entrada
Vista da entrada e fachada sur. Foto: Manuel Lara 2014.
Exterior, estremo norte
Estremo norte da 1ª nave, feita na 2ª ampliación, feita a comezos dos anos 70. Foto: Iria Sobrino & Rai Iglesias; NonCommon. Ano 2008.
Exterior, sector central
Sector central da 1ª nave, segindo a curva da N-550. Apréciese a bufarda do sector da 2ª ampliación. Foto: Iria Sobrino & Rai Iglesias; NonCommon. Ano 2008.
Vista xeral
Vista dende a canteira de Paredes das dúas parcelas de PONTESA e a súas edificacións. Foto: Uxío Reinoso, 2018
Interior naves
Interior do espazo principal de PONTESA, cos alumnos do CPI Padín Truiteiro saltando na metad da 4ª nave. Foto: Marta Moreiras. do traballo "PONTESA, lembranzas dunha fábrica" do CPI Padín Truiteiro, dentro do proxecto "Fotografía en curso". Data 2014. © CGAI-A Bao A Qu.
mostrar máis

Cívica

Visitable

Só exteriormente

Uso actual

Almacén xeral, esporádicamente.

- As parcelas e inmobles de PONTESA son propiedade Itaipú-Trade SL.

- Uns 29.000 m2 (maiormente os "explanada de recheo" e o "estacionamento") son Dominio Público Marítimo-Terrestre en concesión privada. Ver Plano.

- Estes terreos artificias están actualmente sometidos a un dobre proceso administrativo, que decidiran, se son "terreos innecesarios", e se non o son, se son DMPT en concesión privada ou de titularidade privada. 12 

Propiedade

Proteccion

histórico-cultural

Ningunha

Afectación 

urbanística

O PXOU do ano 1989 de Pontevedra califica os terreos de PONTESA coma "Industrial"; excepto a "explanada norte", que é calificada como "solo non urbanizable común". Ver plano.

En maio do 2017, o Concello de Pontevedra manifestou o seu interese en que deixase de ser solo industrial e pasase a ser un espazo de "aproveitamento cidadá". 12

Proxectos de

reutilización

Coñecer máis 

* Industrias do Grupo Álvarez:

- Santa Clara (Lavadores).

- Casablanca (Lavadores).

- Royal China (Lavadores).

- Vanosa (Lavadores).

- MOAHSA (Coruxo).

* Outras cerámicas:

- Telleira de Cesantes

- Porcelanas Arcadia (Arcade)

* Coleccións de pezas:

- Do Centro Cultural e Social de Pontesampaio.

- Do Museo Quiñones de León de Vigo.

* NO-DO do 1 de Xaneiro do 1962, "Navidades en Puentesampayo".

Patrimonio

relacionado

Dentro do progrma "Fotografía en curso" e o proxeco "PONTESA, lembranzas dunha fábrica" do CPI Padín Truiteiro de Arcade, recolleronse as seguintes testemuñas:

-A entrevista (texto) feita a Eva Bouzas, decoradora de PONTESA; por Aitor Amoedo e Sergio Cabaleiro en "A Voz de Soutomaior". 

- A entrevista (audio) feita a Manuel Fuentes Agulla e María Dolores Landeiro Blanco.

- Verbas de varios/as ex-traballadores/as, no video "PONTESA, entre lusco e fusco", feita polo departamento de Ciencias Sociais.

- Entrevista a varios/as ex-traballadores/as, no video "Pontesa, un lugar vacío lleno de recuerdos", feita polo departamento de Lingua Castelá.

Testemuñas

Bibliografía

* LIZ DE CEA. BEATRIZ. "A colección Álvarez. Unha primeira Aproximación", no catálogo da exposición Xoias da Colección Álvarez. Esplendor cerámico de Vigo. Vigo: edita Concello de Vigo, coordina o Museo Quiñones de León. 2010. 1

* TORRES CARBAJO, FERNANDO. "Como salvar tu fortuna cuando todo parece perdido", na páxina de VigoE , publicado o 14-02-2015. Consultado o 12-11-2018. 2

* NAVAS NOVAS, ANA Mª. "Manuel Álvarez Pérez; Moises Álvarez O´Farril: A Grande Empresa Galega do Vidro e a Cerámica", en Empresarios de Galicia (coord. Carmona Badía, Xoán). A Coruña: CIEF. 2006. 3

* "Antonio Medal Carrera", na páxina da Real Academia da Historia. Consultado o 12-11-2018 4

* TORRE, RAFAEL L. "Medal", no Faro de Vigo do 28-8-2014. Consultado o 12-11-20. 5

* "Historia de Antonio Ameal en Salvatiera". No blog Largando lastre y letras de JESÚS PRESA. Consultado o 12-11-2018. 6

* PENA RODRIGUEZ, MAITE. "Mulleres entre arxila. As traballadoras do Grupo de Empresas Álvarez",  no Master en Educación en Igualdade de Xénero e Políticas de Igualdade. Universidade de Vigo. Cátedra Caixanova de Estudios Feministas. Ano 2004-05. 7

* TORRES CARBAJO, FERNANDO. "Moisés Álvarez O’Farril: el continuador de la obra paterna", na páxina de VigoE , publicado o 4-09-2015. Consultado o 12-11-2018. 8

* ANTÓN, SOLEDAD. "En casa no se hablaba de más que de la fábrica ", en "La Voz de Galicia" do 20-02-2010. Consultado o 2-12-2018. 9

* CARBAJO, PRIMITIVO. "Los trabajadores denuncian al fiscal la presunta venta fraudulenta de GEA", no El Pais do 22-04-1996. Consultado o 12-11-2018. 10

* CARBAJO, PRIMITIVO. "Los platos rotos de Santa Clara", no El Pais do 10-03-1996. Consultado o 12-11-2018. 11

* BARRAL, SERXIO. "Los propietarios de la nave de PONTESA piden Costas que desafecte el suelo"en "La Voz de Galicia" do 19-05-2017. Consultado o 2-12-2018. 12

* GÓMEZ, HILDA. "Grupo de Empresas Álvarez: así se forjó un imperio". Galería de imaxes en ww.farodevigo.com, Consultado o 19-XII-2018.

* Ficha 31 do "Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca" de BEREA, EDUARDO e GARCÍA MOVILLA, C. Ed. MOPU. Ano 1993.

Ficha 058 do "Proyecto COAG/VIGO: patrimonio arquitectónico moderno y contemporáneo en Galicia ‘Arquitectura industrial en Vigo" de SOBRINO FAGILDE, IRIA e CALVIÑO IGLESIAS, RAI . Vigo: ed. COAG Vigo. Ano 2008.

Ficha 384 do Inventario da "Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa"   www.asociacionbuxa.com. Consultado o 30-XI-2018.

Ficha 54 do "Invetario de recursos turísticos da Enseada de San Simón". Feito por "A Citania" para o proxecto "MARISMA" do Concello de Redondela. 2010. 

- Ao Centro Cultural e Social de Pontesampaio, especialmente a Estrella que amosou e explicou o seu museo veciñal e sobre a historia de PONTESA (13), así como ao resto de ex-traballadores/as que o crearon e conservan. 

- A familia López que cedeu as fotografías históricas 

- Aos alumnos/as e profesores/as do CPI Manuel Padín Truiteiro que crearon a exposición “Pontesa lembranzas dunha fábrica”.

- A Pedro Vidal de "Entre Ruinas", por ter recuperado e conservado so planos de PONTESA, e telos prestado a Vigo Industrial.

Agradecementos