top of page

Suxestións na Avaliación Ambiental Estratéxica do PERI Beiramar-Alfageme

O proxecto divulgativo do Patrimonio Industrial da ría de Vigo, Vigo Industrial presentou tres "suxestión" no trámite de "Avaliación Ambiental Estratéxica" do "Plan Especial de Reforma Interior SUNC 232 Beiramar-Alfageme, Vigo" co obxecto principal de protexer e conservar tres elementos do conxunto histórico de conservas Alfageme de Bouzas:
1- As naves do serradoiro e almacén de madeira.
2- O depósito elevado de auga.
3- O xardín anexo a vivenda dos donos.

 Antecedentes.

Lamentablemente o Concello de Vigo non atendeu totalmente as nosas peticións e ao sentido común, e en ningún momento da tramitación do novo PXOM de Vigo apostou pola conservación e reutilización integral do complexo Alfageme de Bouzas.

Neste longo trámite, o Concello de Vigo sempre apostou por diferentes solucións mixtas, nas que xogou a combinar en diferentes fórmulas as partes adicadas a equipamento público e a aproveitamento lucrativo, así como o volume de elementos a conservar polo seu valor cultural e os que podían ser demolidos para dar paso a novas edificacións. 

Na Aprobación Inicial do PXOM, dentro da parcela principal do complexo industrial, residencial e portuario da familia Alfageme en Bouzas (que tamén debería incluír as naves portuarias, en Dominio Público Marítimo Terrestre) foron protexidos catro edificios: o principal, a nave anexa, a vivenda dos donos e as naves almacén; todos eles con nivel "Estrutural". En datos numéricos, esta protección dada inicialmente significaría a protección de aproximadamente o 90% da superficie ocupada e o 0% da superficie libre da parcela principal. 

Durante a exposición pública desta versión inicial do PXOM, Vigo Industrial presentou alegación pola conservación integral do conxunto (incluídas as dúas naves portuarias) así como outras medidas para a pronta conservación e rehabilitación do conxunto histórico da Alfageme de Bouzas. Nesta alegación, pediamos amais que se especificase que a protección tamén comprendía elementos "menores" do conxunto como son o depósito elevado de auga, o cruceiro, o hórreo... así como os espazos libres (xardíns e vías internas).

Na versión da Aprobación Provisional (despois convertida en Definitiva) atendéronse parcialmente as nosas peticións, aínda que tamén foron parcialmente subvertidas. Na parte positiva hai que considerar que no Catálogo de bens culturais deuse protección específica ao sector leste do xardín, o hórreo, o cruceiro e a garita do control de accesos e o muro de feche. Na parte negativa hai que lamentar que agora se excluíse de calquera protección á nave máis occidental das "naves da madeira", así como o extremo norte das outras tres; pero amais, nesta versión definitiva tamén se reduciu o nivel de protección da parte aínda protexida destas tres naves. Así pois, en datos numéricos, a protección dada definitivamente abrangue o 60% da superficie ocupada e o 35% do espazo libre da parcela principal. Pero compre sinalar que a redución a nivel "Ambiental" da protección das parte restante da "naves da madeira" posibilita que (se a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia o permite) os promotores realicen a demolición e substitución das mesmas.

A razón desta estraña mudanza no Catálogo de bens de interese cultural da Aprobación Definitiva do PXOM hai que buscala noutras partes da fórmula urbanística, concretamente na parte dos intereses inmobiliarios.

Na Aprobación Inicial a parcela principal da Alfageme dividíase en tres ámbitos distintos de Solo Urbano Non Consolidado, organizados de tal xeito que os actuais propietarios podían dispoñer da metade oeste da parcela para adicala totalmente a aproveitamento lucrativo (cunha edificabilidade de 6.356 m2, aínda que conservando as "naves da madeira", daquela con protección "Estrutural"), mentres que a metade leste pasaría a mans públicas se algún día algún outro promotor daba sacado adiante o grandísimo e complicado PERI do SUNC 237 Camiño Barciela-Esturáns-Tomás Alonso.

Afortunadamente, tal e como Vigo Industrial pediu na alegación, na Aprobación Provisional desbotouse esta fórmula con tres ámbitos que probablemente significaría unha intervención en dúas fases, cunha pronta nova edificación lucrativa na metade oeste e unha lenta e tortuosa rehabilitación pública da metade leste. 

Sen embargo, a fórmula dada na Aprobación Definitiva tampouco se pode considerar idónea, principalmente porque outorgou unha grandísima edificabilidade lucrativa (17.978 m2) e tamén porque implicou a exclusión ou redución da protección dada as "naves da madeira" e outros elementos de interese cultural dese sector occidental (xardín, "naves da madeira", depósito elevado, edificio de servizos múltiples...) para que esta parte do solar quedase case expedita para a nova construción residencial e comercial. Isto é, na versión definitiva do PXOM o Concello de Vigo fixo unha catalogación dos elementos do complexo atendendo os intereses dos promotores (Abanca SA, Aliseda SA e Inversiones Inmobiliarias Canvives SA ) e non ao seu interese cultural ou utilidade pública. 

Non obstante, coa aprobación definitiva desta fórmula tan acorde cos intereses dos propietarios da parcela non estaba todo perdido para aqueles que queremos a pronta conservación e rehabilitación do conxunto histórico da Alfageme de Bouzas. Máis aló do PXOM, moitos aspectos urbanísticos e culturais aínda poden redefinirse no desenvolvemento deste PERI Alfageme. Así, a Lei do Solo de Galicia permite modificar as disposicións do PXOM para a "eliminación de usos non desexables ou a incorporación doutros necesarios" (art. 65.1); e máis concretamente, o Regulamento do Solo de Galicia especifica que "usos non desexables" son tamén aqueles que supoñan un risco para o "patrimonio histórico-artístico" (art. 157.1 ).

Pero aínda máis especificamente, hai que sinalar que durante a exposición pública do PXOM, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia emitiu un informe vinculante que implicou que na ficha definitiva do PXOM deste PERI SUNC-232 Beiramar-Alfageme se incluíse no apartado "Outras Determinacións" un "Criterio ambiental e de integración" moi importante: "Deberase realizar un estudo específico para identificar o resto de elementos e construcións que deben manterse, fachadas do local de vestiarios e outros que se detecten". Isto é, durante o desenvolvemento deste PERI aínda cabe a posibilidade de revisar o Catálogo de bens culturais deste ámbito asi como tamén a edificabilidade e aproveitamentos da parcela principal do complexo Alfageme.

108 alfageme naves casa.jpg

Ficha do Catálogo na Aprobación Inicial do PXOM para o sector oeste da Alfageme.

107 alfageme principal.jpg

Ficha do Catálogo na Aprobación Inicial do PXOM para o sector oeste da Alfageme.

IC.00.002 FÁBRICA DE CONSERVAS ALFAGEME.jpg

Ficha do Catálogo na Aprobación Provisional do PXOM para o conxunto da Alfageme.

 A proposta dos promotores.

O pasado 30 de setembro o Concello de Vigo presentou perante a Consellería de Medio Ambiente solicitude para realizar a Avaliación Ambiental Estratéxica do devandito PERI, acompañada, como é de lei, polo Borrador do plan.

Este Borrador confirmaba a falcatruada municipal previa, a caprichosa catalogación de bens culturais deste ámbito acontecida na Aprobación Provisional do PXOM correspondíanse cun plan predefinido polos promotores urbanísticos, polo cal eles obtiñan un enorme aproveitamento lucrativo a cambio de ceder ao público o edificio principal, a vivenda dos donos e maior parte do espazo libre da parcela. Nos case 18.000 m2 de aproveitamento lucrativo concentrados na metade oeste da parcela apenas hai concesións aos bens de interese histórico e cultural: unicamente serían conservados e reaproveitados con uso terciario os 730 m2 da "nave taller", construída a carón do edificio principal en 1939. As "naves da madeira" e as súas ampliacións serían totalmente demolidas (incluso a parte protexida con nivel "Ambiental") para dar paso a dous bloques de vivenda, un patio interior semicuberto e unha pequena cesión duns 350 m2 para crear unha pequena praza pública no lugar do depósito elevado de auga, na esquina nordoccidental da parcela.

A pesar do evidente valor do conxunto histórico e da devandita determinación na ficha do PXOM deste PERI, o Borrador do plan presentado polos promotores non realiza correctamente o "estudo específico" esixido pola DXPC. Pola contra, os promotores presentaron unha “Memoria: Catálogo de bens do patrimonio” moi deficiente historiográficamente, incorrendo en múltiples erros de identificación, datación e relacións dos diferentes edificios e outros elementos do conxunto; esquecéndose nesta “Memoria” publicacións de referencia no asunto como o libro "Alfageme. Historia e memoria". *1

Para opoñerse a isto, Vigo Industrial presentou tres "suxestión" no trámite de Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Especial de Reforma Interior SUNC 232 Beiramar-Alfageme, Vigo co obxecto principal de protexer e conservar tres elementos do conxunto histórico de conservas Alfageme de Bouzas: as naves do serradoiro e almacén de madeira, o depósito elevado de auga e o xardín anexo a vivenda dos donos.

 "Suxestión" nº 1: "As naves da madeira".

Sen dúbida, as grandes damnificadas da conxunción dos intereses do Concello de Vigo e da propiedade do inmoble son o grupo de naves almacén que se estenden no cuarto nordoccidental da parcela. Estas naves que agora se propón demoler por completo non son correctamente identificadas e datadas na Memoria: Catálogo de bens do patrimonio do Borrador do plan presentado. Esta eiva historiográfica quizais sexa ignorancia, pero sen dúbida aos promotores lles interesa devalar o valor histórico e arquitectónico destas naves para xustificar a súa demolición e acadar a máxima rendibilidade no seu negocio inmobiliario.

Estritamente, entre o conxunto de naves que serviron maiormente como almacén de seco (produto elaborado, latas, cartonaxe...) poden diferenciarse tres partes:

- As tres naves do serradoiro e almacén de madeiras de importación para a construción, inauguradas en 1927, coas que a empresa de Bernardo Alfageme empezou a súa instalación neste lugar.  Teñen uns 5 metros de altura de cornixa e miden uns 45 m de longo e uns 13.75 m de ancho cada unha (uns 41 m en total), resultando uns 1.856 m2. A xulgar polas fotografías do precioso reportaxe publicado o 16 de outubro de 1927 en El Pueblo Gallego (ver galería infra) estas tres naves conservan a estrutura orixinal de piares de ladrillo perforado sen revestir, con vigas dobres en celosía e tesoiras de madeira *2. As dimensións destas tres naves primixenias tamén pode deducirse polo plano presentado no expediente de obra do ano 1939 conservado no Arquivo Municipal de Vigo.

- Unha cuarta nave, de igual calidade construtiva e amplitude que as tres anteriores, pero máis longa (54 m), que foi acaroada cara o oeste do conxunto nunha data incerta anterior a 1945, cando xa aparece na fotografía aéreas máis antiga que coñecemos. 

- Unha quinta nave transversal, duns 30 de longo, situada ao norte deste conxunto de naves, que xunto con outras construcións menores ateigaron o espazo dispoñible neste lado da parcela cara 1945-46.

Por último, compre sinalar que cara o sur e leste, as tres naves primixenias están fechadas por un muro de perpiaño de granito, cun interesante tratamento arquitectónico de zócolo, piares, fiestras, lintel e encintados, que entra en discreta correspondencia coas fachadas da vivenda dos donos, nave anexa e edificio principal. Probablemente esta fachada vista foi erixida arredor de 1936, en paralelo coas obras da vivenda dos donos coa que está fusionada e comunicada.

Como dixemos anteriormente, a totalidade deste conxunto de naves almacéns foi inicialmente catalogado no PXOM como elemento a conservar con nivel de protección "Estrutural" (como o resto de edificios do conxunto Alfageme que se protexeron), pero na versión definitiva do PXOM foi recortada a protección, tanto en extensión (pasou a protexerse só 1.600 m2) como en nivel (rebaixouse a "Ambiental"). Incluso na ficha do Catálogo incluíuse a especificación que estas naves "poderían ser reemplazadas por nova edificación que manteña similares características de integración ambiental e mesmo tratamento dos materiais existentes".

E así estase a propoñer neste Borrador de PERI: demolición da totalidade deste conxunto de naves para erixir dous bloque de vivendas cun patio parcialmente cuberto cunha "reinterpretación das edificacións fabrís".

Na "suxestión" que Vigo Industrial presentou, amais de sinalar as eivas historiográficas e outros prexuízos contra este conxunto de naves na documentación presentada polos promotores nesta Avaliación Ambiental Estratéxica, solicitamos que:

A) As primixenias naves do almacén de madeira do complexo Alfageme de Bouzas non sexan totalmente demolidas, e pola contra, sexan protexidas co nivel “Estrutural”, conservadas e reutilizadas debido ao seu innegable interese histórico, cultural, técnico e paisaxístico.

B) A totalidade destas tres naves sexan positivamente consideradas e integradas nos diversos obxectivos e aspectos do desenvolvemento do devandito PERI, incluídos o seu correcto tratamento nos diversos documentos, planos, catálogo, estudos e memorias.

C) De acordo co coñecemento historiográfico actual, se refaga a “Memoria. Catálogo de bens do patrimonio”, especialmente no tocante a estas tres naves primixenias, para que sexan correctamente identificadas, datadas e postas en relación co resto de elementos arquitectónicos e o seu contexto histórico.

D) Un equipo independente realice unha inspección e avaliación do estado de conservación destas tres naves, e súa información sexa incorporada á documentación do desenvolvemento deste PERI,

E) Se estude a integración entre estas tres naves e os proxectados cuarteiróns “C.2b” e “C.2a”, para que sen renunciar basicamente aos usos, pasos e aproveitamentos propostos, se consiga manter a práctica totalidade dos piares de ladrillo, e as vigas e tesoiras de madeira da cuberta, así como cando menos a maior parte dos muros de perpiaño e cristaleiras que fan “fachada principal” cara o sur e o leste.

 "Suxestión" nº 2: Depósito elevado de auga.

Neste mesma zona nordocidental do complexo Alfageme atópase outro elemento con gran valor histórico e cultural en perigo de desaparecer: o depósito elevado de auga. Feito integramente en formigón armado, ten uns 30 metros de altura. Como moitos outros de características similares que xa desapareceron da nosa paisaxe, este depósito foi erixido para asegurar un subministro regular de auga a presión para actividade industrial. Non temos data certa da súa construción, mais xa aparece en fotografías anteriores a apertura do treito final da Avenida de Beiramar, isto é, antes de 1950; é probable que sexa bastante anterior, do mesmo momento no que se constrúe a nave transversal do conxunto de naves almacén (antes de 1946).

Acontece que o depósito esta precisamente sobre a nave transversal das "naves da madeira" das que falamos anteriormente, e os piares do depósito atravesan a cuberta e se integran nos muros dunha das naves. No plano da ficha do Catálogo de bens culturais da versión inicial do PXOM o espazo no que está o depósito elevado apareceu debuxado como protexido con nivel "Estrutural"; mais non se especificaba nada máis sobre el. Durante a exposición pública desta versión inicial do PXOM, Vigo Industrial solicitou a protección explícita deste depósito. Pola contra, na versión final, o Concello de Vigo non so non quixo protexer explicitamente o depósito, senón que amais decidiu desprotexer a devandita nave transversal, quedando o depósito totalmente desprotexido.

Sen embargo, na versión final introduciuse a nova determinación de que o espazo no que se atopa o depósito debe converterse nunha praciña pública peonil, comunicada coa rúa Simancas e a canella que da a Avd. de Beiramar. E así tamén é proxectado agora no Borrador do PERI.

Así pois, a conservación do depósito elevado de auga (en caso de atoparse aínda en boas condicións) non significa ningún problema para este novo espazo público, ao contrario, sería incluso un elemento que o enriquecería, prestándose como infraestrutura para novos usos de utilidade pública, como poderían ser, facer de: pérgola, abrigo, miradoiro, soporte artístico... A conservación do depósito tamén sería enriquecedora para os novos usos públicos doutras partes do conxunto cualificadas como dotacionais e públicas (edificio principal, vivenda dos donos, xardín e vías internas) xa que podería servir como soporte artístico e publicitario dos servizos e actividades que alí se vaian desenvolver. Por suposto, conservar este depósito tamén ten gran importancia histórico-cultural, xa que é unha peza importante do complexo industrial, residencial e portuario e ten unha gran presenza e visibilidade dende moitos puntos da contorna.

Por todo isto, Vigo Industrial presentou "suxestión" na Avaliación Ambiental Estratéxica, solicitando que:

A) O depósito elevado de auga do complexo Alfageme de Bouzas, sexa protexido (incluído no “Catálogo de bens do patrimonio” do devandito PERI), conservado e reutilizado debido ao seu innegable interese histórico, cultural, técnico e paisaxístico.

B) Este depósito sexa positivamente considerado e integrado nos diversos obxectivos e aspectos do desenvolvemento do devandito PERI, incluídos o seu correcto tratamento nos diversos documentos, planos, catálogo, estudos e memorias.

C) Concretamente, neste sentido, deberíanse refacer a “Memoria. Catálogo de bens do patrimonio” e o “Estudo da paisaxe e da paisaxe urbana” no tocante a este depósito elevado de auga.

D) Se considere a posibilidade de facer visitable este depósito para o público xeral, a xeito de miradoiro histórico, así como outros posibles usos compatibles como pérgola, abrigo, pantalla, letreiro, soporte artístico...

E) Se estude a relación entre o depósito e o extremo suroeste do cuarteirón “C.2b”, e se acaso este bloque sexa rebaixado nese extremo en alturas e formas, para permitir unha mellor visibilidade desde/cara o depósito.

Amais, estamos a recoller sinaturas para apoiar estas demandas, PARTICIPA!.

 "Suxestión" nº 3: Xardín anexo á vivenda dos donos.

A pesar que no trámite de exposición pública do PXOM Vigo Industrial presentou alegación pola conservación do conxunto histórico conservas Alfageme, e que nesta alegación pediuse especificamente que  a totalidade "do xardín de estilo francés con árbores medradas, sebes, farois e hórreo" e as "vías internas empedradas" fosen protexidos co nivel de protección "Integral", o Concello de Vigo finalmente decidiu protexer unicamente o sector de xardín que se atopa enfronte do edificio principal. Isto é, o Concello decidiu protexer apenas uns 1.400 m2 dos 4.300 m2 do espazo libre que se estende entre os edificios e a rúa Tomás Alonso. Sen embargo, no PXOM tamén se determinou que cando menos 3.624 m2 da superficie do PERI Alfageme debían adicarse a "Espazo libre público".

No Borrador do desenvolvemento do PERI os promotores axustáronse a estas determinacións, e definiron nesta parte da parcela cara a rúa Tomás Alonso un "Espazo libre e zona verde" de 3.627 m2.; incluíndo aqueles 1.400 m2 protexidos de xardín fronte ao edificio principal, amais duns 1.800 m2 das vías internas e uns 400 m2 de xardín repartidos en pequenas tiras lindeiras coas rúas internas do complexo Alfageme; resultando que, neste mesmo desenvolvemento do promotores, hai dúas partes dos actuais xardíns sen protección ningunha e que pasarían a mans privadas e deixarían de ser zonas verdes: uns 680 m2 ao oeste da rampla de entrada, e outros 200 m2 ao oeste da vivenda dos donos (ver plano).

Na Memoria: Catálogo presentado polos promotores, asegúrase tendenciosamente que o único xardín con valor é que merece ser protexido e conservado é o que está fronte a fachada do edificio principal. Literalmente, deste sector dise: “Se observamos as imaxes históricas o único xardín que se proxectou como tal, con carácter ornamental e propósito de recreo”; cando en realidade, se observamos as imaxes históricas, os tres sectores con xardín foron sempre tratados con igual esmero e evolucionaron de forma conxunta, e os tres sectores por igual e conxuntamente cumprían as funcións de ornamento, recreo e representación empresarial.

Ao noso parecer, unha vez aprobado definitivamente o PXOM e concedidos semellantes aproveitamentos lucrativos neste PERI, é moi difícil reverter a situación e acadar a protección, conservación e aproveitamento público da totalidade destes dous sectores de xardín. Isto é especialmente así polas 12 alturas que se propoñen edificar sobre uns 680 m2 do sector ao oeste da rúa de entrada. Trataríase de suprimir neste lugar uns 8.160 m2 lucrativos, que dificilmente poderían acadarse noutras partes da parcela. Tampouco parece probable que os promotores estean dispostos a renunciar a semellante negocio. Se acaso, para converter estes aproximadamente 880 m2 de xardín en espazo público, sería preciso que houbese unha ousada e xenerosa vontade política, e que o Concello de Vigo decidise realizar agora unha Modificación Puntual do PXOM aprobado recente para definir neste ámbito un novo planeamento con menor aproveitamento lucrativo.

Sen embargo, cremos que coas actuais determinacións é posible modificar a proposta dos promotores no tocante aos aproximadamente 200 m2 do anaco de xardín ao lado oeste da vivenda dos donos. Neste espazo, que agora os promotores están a propór o "uso terciario en planta baixa", non se está a proxectar edificar sobre rasante, se non unicamente baixo rasante. Suporía se acaso apenas un recorte de 200 m2 de aproveitamento lucrativo. Por outra banda, suprimir as 4 plantas de aparcamento soterrado privado tampouco sería ningún óbice, xa que aínda sen elas seguiríase a superar amplamente as 180 prazas de aparcamento do mínimo legal esixido (na proposta do Borrador acádanse as 227 prazas).

Lembremos que a Lei do Solo de Galicia permite modificar as disposicións do PXOM para a "eliminación de usos non desexables ou a incorporación doutros necesarios" (art. 65.1); e máis concretamente, o Regulamento do Solo de Galicia especifica que "usos non desexables" son tamén aqueles que supoñan un risco para o "patrimonio histórico-artístico" (art. 157.1 ).

Este anaco pequeno de xardín xunto a vivenda dos donos é explicitamente minusvalorado na documentación presentada polos promotores, del dise literalmente que é “un elemento residual que non aporta interese dentro do conxunto", obviándose as súas particularidades e o seus valores, e a súa relación co resto do conxunto fabril e residencial. Hai que comprender que este anaco de xardín é realmente o “xardín da vivenda”, o xardín da familia Alfageme, e o acceso principal á vivenda. Obsérvese o "cenador" que aparece nas fotografías aéreas das décadas 1950, 60 e 70; repárese na varanda baixa de cantería que delimita o xardín do sector da casa, e repárese tamén como esta mesma cantería esténdese polas escaleiras do acceso principal á vivenda.

Amais, compre ver o interese de que este anaco do xardín agora pase a estar vinculado a nova dotación pública que se vai facer na vivenda e aos dos servizos e actividades que alí se poidan desenvolver (poderían ser escola infantil, ludoteca, centro para a terceira idade,...), en vez de estar subordinado á nova superficie comercial proxectada polos promotores.

Por todo isto, Vigo Industrial presentou "suxestión" na Avaliación Ambiental Estratéxica, solicitando que:

A) O xardín que rodea a vivenda dos donos no complexo Alfageme de Bouzas , sexa protexido co nivel “Estrutural”, conservado e reutilizado debido ao seu innegable interese histórico, cultural e paisaxístico.

B) A totalidade deste espazo axardinado que rodea sexa “Sistema Local Espazos Libres”. Isto é, que se inclúa no “Sistema Local Espazos Libres” os aproximadamente 200 m² deste xardín que se está a proxectar integrar no cuarteirón “C.2c” con “Uso lucrativo: terciario, dotacional e outros usos compatibles”.

C) Non se permita a construción de ningún aparcamento no subsolo deste sector do xardín ao oeste da vivenda,

D) Tamén se protexa e conserve o gran magnolio existente neste sector de xardín ao oeste da vivenda dos donos, impedíndose a construción de aparcamento soterrado ou outra instalación soterrada nesta área do xardín e incluso nunha área circundante que se determine segundo un estudo ou criterio técnico axeitado.

Citas e notas

*1: CARMONA, XAN; IGLESIAS, XOSÉ RAMÓN e LÓPEZ, MARIÑA. Alfageme. Historia e memoria. Ed. Instituto de Estudios Vigueses. Vigo. 2020. 

Do texto: (CC BY-NC 4.0) Daniel Uxío Reinoso Maset. 
Das fotos: (CC BY-NC 4.0) e Copyright segundo apareza sinalado.

Adicado a Mariña López Rodríguez, curadora do legado Alfageme.

Vigo, 12 de xaneiro de 2026.

bottom of page