A industria pontevedresa ao cabo da Guerra Civil: a visión da propaganda fascista. 

Nunha noite de decembro, Miguel Ángel Gozalo Rodrigo atopou ciscado xunto a un colector de lixo da zona de Churruca de Vigo un xornal de grandes dimensións que lle chamou a atención: na portada, "EL PUEBLO GALLEGO, edición extraordinaria"; titulando na páxina 1, "Galicia en la Cruzada Nacional, Aportación de la provincia de Pontevedra. Julio de 1939-Año de la Victoria".

Con bo criterio, recolleuno e levouno para a casa, onde mo ensinou, quedando eu abraiado da antigüidade e o tipo de publicación. Tras comprobar que o exemplar non estaba no catálogo de Galiciana (Biblioteca Dixital de Galicia), puxen o achádego en coñecemento da Biblioteca de Galicia, que tras estudalo caso, aceptou o noso ofrecemento para dixitalizar e divulgar este "tesouro hemerográfico".

Visto por min a cantidade e calidade de referencias a nosa industria, decidín facer aquí este artigo ao xeito de panorama (máis con ánimo ilustrativo que historiográfico) para que sirva (amais de para coñecer e ilustrar unha etapa do pasado industrial de Vigo e comarca) para difundir o achádego dun tesouro hemerográfico, que consideramos que pode ten un gran valor para coñecer e ilustrar outros aspectos deste momento crucial da nosa historia, aínda próxima, e en certo modo, presente.

Cabeceira da "Edición extraordinaria: Galicia en la Cruzada Nacional: aportacion de la provincia de Pontevedra" 

A edición extraordinaria de EPG pola vitoria do bando nacional, en xullo do 1939. 

O xornal "El Pueblo Gallego" naceu o 24 de Xaneiro de 1924 en Vigo. Os seus primeiros directores foron os xornalistas Ramón Fernández Mato e José Rivas Montenegro. No 1927, o político liberal-centrista (e masón) Manuel Portela Valladares, fíxose coa súa propiedade e dirección. Tralo golpe de Estado, despois dunha fuxida a Francia e certas vacilacións na cor da súa lealdade, M. Portela Valladares recae no bando republicano, e os seus bens en Galicia confiscados polo bando nacional. Despois dun breve ínterin baixo o control das autoridades militares, en xaneiro de 1937 "El Pueblo Gallego" pasa a ser propiedade e "Órgano" da Falange Española y de las J.O.N.S., signo baixo o cal estivo ata practicamente os seus últimos días, que rematan o 17 de xuño de 1979. 

Na primeira etapa o xornal tivo un espírito liberal e progresista, que en prol dunha renovación cultural e política de Galicia e España, abriuse a posicións republicanas, agraristas e galeguistas. Entre os innumerables xornalistas e intelectuais que traballaron ou colaboraron con "El Pueblo Gallego" ata xuño 1936, cabe nomear: entre os galegos, a Castelao, Rafael Dieste, Alexandre Bóveda, Vicente Risco, R. Otero Pedrayo, A. Vilar Ponte, V. Paz-Andrade,...; e entre os foráneos a Azorín, Lorca ou J. L. Borges.

Así pois, aínda que o xornal mantivo a cabeceira, entre os contidos e a liña editorial do nº 4037 do 19 de Xullo de 1936, que alertaba do "levantamento en Melilla y Ceuta", e o nº 4038 do 31 de Xullo de 1936, hai unha abismo que podemos dicir que ten o seu fondo precisamente nesta "Primeira edición extraordinaria - Julio de 1939 - Año de la Victoria". Sendo quizais este xornal de gran formato (follas de 51x32,5 cm, portada satinada a cor e cando menos 140 páxinas; o noso exemplar perdeu a contraportada e un número indeterminado de páxinas finais), retórica épica, fabulosamente ilustrado e pretensión documentalista, unha das máximas expresión da propaganda fascista no noso ámbito.

Portada da "Edición Extraordinaria" de EPG de xullo do 1939.

Análise formal de Galicia en la Cruzada Nacional

Tal e como indica o subtitulo, "Aportación da Provincia de Pontevedra", esta publicación ten como obxecto manifesto principal a homenaxe, memoria e reconto das achegas de Galicia en xeral, e de Pontevedra en concreto, á Cruzada Nacional.

A estrutura xeral desta publicación é a seguinte: comeza prestando atención individualizada aos persoeiros protagonistas da Victoria a nivel español; é ata a páxina 25 cando preferentemente aparecen as verbas, fotografías e sinaturas de Franco, Mola, Aranda, Millán Astray,... e outros xerarcas político-militar (máis militar que político)... trufadas (como no resto da publicación) con alusións e invocacións aos espírito e rexión galega dentro da nación española ("La Raza Gallega", Santiago Apóstol,...).

A partir de aí comezan a abundar as páxinas adicadas exclusivamente a labor da Falanxe, tanto na fronte coma na retagarda, das que se da unha fonda reportaxe das súas seccións civis (Feminina, Xuvenil, Auxilio Social,...) e militares ("Como la Falange abrió paso a San Sebastián", "En Huesca y sus tierras"...). 

Nas páxinas centrais (da 25 á 90), amais de abundar na crónica episodios bélicos, toman protagonismo os aspectos económicos e de encadramento de masas. É nesta parte cando aperecen amplos reportaxes monográficos de empresas e localidades que nutriron ao Bando Nacional, así como a labor e posicionamento de diversos colectivos e organizacións sociais (encabezados, real o artificiosamente, pola Falanxe); resultando esta parte da publicación unha especie de "paso de revista" ás contribucións dos diversos sectores sociais e asociacións á España de Franco (Cruz Roja, Círculo Mercantil e Industrial, Agrupación Artística, Sindicato de Pontesampayo,...).

Este "paso de revista" conclúe cunha especie de "enquisa-catastro-homenaxe" provincial, no que todos e cada un dos concello de Pontevedra (excepto Lavadores, Bouzas -sic- e Vilaboa) reportan o seu número de combatentes, bens e diñeiro aportados á Cruzada Nacional. Semella que dentro deste "catastro-homenaxe", as últimas páxinas ían adicadas aos retratos fotográficos dos falanxistas mortos (conservamos só 3 páxinas, adicadas aos de Marín, Arbo, Vilagarcía, A Guarda, O Rosal, Covelo, Porriño, Baiona, Lavadores, O Grove, Xeve e Mos...quizais a nómina continuase con outros concellos)  

Debuxo alegórico que acompaña o sumario, na que a paisana Galicia (Gallaecia nutrix) brinda os seus froitos á águia imperial española.

 A táctica propagandística da Falanxe. 

Así pois, aínda que a primeira vista poida semellar que os actores homenaxeados nesta publicación sexan Galicia (no material e no espiritual), Franco e outros xerarcas militares; en realidade a protagonista desta publicación é a Falanxe (unha veces explícita e outras subrepticiamente). A Falanxe sitúase así mesma como gran organizadora, responsable e meritoria do Alzamiento: amais de ocupar  maior número de páxinas, nestas a Falanxe dáse a si mesma un irreal papel protagonista no Alzamiento Nacional (incluso dende a xestación e os primeiros momentos, cousa especialmente incerta no caso galego) (1).

Así o proclama Jesús Suevos (director de El Pueblo Gallego), no épico colofón do seu artigo "José Antonio, Falange y Galicia":

 !Galicia por la Falange! La Galicia marinera. La Galicia viril que quiere romper la trama letal del caciquismo. Oid, gallegos de toda Galicia, así como la Falange contra viento y marea, contra izquierdas y derechas hizo posible el Alzamiento nacional, también ahora, contra dificultades y turbias maniobras, levanta su anunciando los nuevos tiempos inexcusables. Y dice

!Revolución e Imperio!

Amais, con esta monumental e extraordinaria publicación, a Falanxe pretendía facer alarde do seu coñecemento da realidade galega, así como mostrar a súa capacidade organizativa, técnica e cultural. Este programa propagandístico da Falanxe, polo cal a súa capacidade de auto-homenaxe preténdese lexitimadora do liderado socio-político, certifícase nos artigos editorias da páxina 2: así, xa nos dous primeiro artigos (uns grandilocuentes "Explicaciones al lector " e "Solo un paso en la tarea") móstrase a intención monumentalistas desta publicación:

Lo extraordinario es esto: no el haber realizado la obra (desta publicación), por muy ardua que el lector la halle, sino el haberla realizado contra viento y marea, venciendo cada obstáculo con la vivacidad juvenil y falangista de nuestros cuadros,...

Nestes artigos, a pluma falanxista comeza vanagloriándose da súa propia e sacrificada obra editorial, porque precisamente ese é o cometido principal desta obra: loar e exaltar ata o paroxismo, as obras, funcións, sacrificios dos diversos actores que participaron (e deben continuar participando) na Cruzada Nacional (da cal a Falanxe, foi, é e será a vangarda):

Con todo, la obra aquí está: nuestro primer extraordinario dedicado a Galicia, dedicado, mas que nada, a que ella misma sepa lo que hizo y a mantener en alto y vigilante su espiritu ante las grandes empresas de la reconstrucción y de la unidad de la Patria;...

Paradoxalmente, a guerra, é ao mesmo tempo causa de mérito e de escusa das deficiencias da labor xornalística dos falanxistas;

Quizas sea pronto aún, demasiado recientemente concluida la guerra, para intentar una buena, exactísima demostración...: la estadística no puede todavía hacerse.

No pretendemos -conviene insistir- haber hecho ya una crónica completa, aunque sí veraz, sincera y exacta, de lo que hecho por España nuestra provincia. Una labor completa es, hecha en estas circustancias, una obra de titanes irrealizable en el tiempo de un mes.

Efectivamente, esta consubstancialidade da desgracia-heroismo da nación española, é unha idea que aparece repetida nas páxinas desta edición extraordinaria. Será este un dos eixos ideolóxicos do franquismo (da cal a Guerra Civil sería un capítulo máis; despois sumouse a "sequía pertinaz", a "conspiración judeo-masónica",...): un sistema político-cultural, un réxime, que precisa colocar no centro do discurso político causas alleas ao seu sistema, para exculpase da evidente cara sinistra e mísera que presentaba España neses tempos.

Páxina da Editorial. Apréciese a versión mais potente, viril, da Cruz de Santiago acompañada por un par de cunchas de vieiras.

Ilustración do artigo de José Vidal de Bustamante: Los hijos del dólmen.

Friso da cabeceira do artigo adicado á "Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia".

A economía produtiva no discurso de Falanxe na Galicia en la Cruzada Nacional

Así pois, dentro dese eixo discursivo, no que se funde a miseria co heroísmo, na que se subsumen as penurias e traballos do conxunto da sociedade de Pontevedra e Galicia como sacrificio necesario e importante da Cruzada Nacional; as actividades produtivas adquiren nesta publicación un carácter épico dunha importancia semellante (en extensión e tratamento) as campañas bélicas propiamente ditas.

Deste xeito, xa na "Editorial", despois de presentar un estereotipo do pobo galego ("Galicia -la brava, la silenciosa, la buena-;...la nativa suspicacia gallega, sus nostalgias,... " ) e da evolución política recente ("Llego un momento en que todo parecio perdido, el liberalismo cayó como bandada carnicera sobre una Galicia paralítica y escéptica...Galicia pasó entonces por la tentación separatista"), a pluma falanxista, incluso antes revisar o aporte de combatentes e lideres, presenta a misión fornecedora e sacrificada de Galicia no Alzamento Nacional:

Y todo cuanto hizo y todo cuanto dio está en la memoria de las gentes "(Galicia) Despensa inagotable de la España de Franco", pudo llamarsela. Y en efecto, lo fue de la honrada pobreza del gallego salieron para la causa riquezas formidables...

É esta unha idea que en forma mistificada xa é presentada ao comezo do artigo "Franco primer español: Gallaecia Nutrix...." (efectivamente, Franco era a primeira orgullosa contribución de Galicia). Despois, no artigo da redacción titulado "La provincia, gozo y exaltación de la ofrenda humilde", reincídese nesta idea que, cunha visión máis crítica, podemos tamén poderiamos chamar "honra da miseria e o sacrificio":

Galicia en entrega total para España...sin medir -de tan ancha y tan honda- el alcance del sacrificio impuesto por voluntad generosa y constante, reclamando para si, como el de más honor, aquel puesto en el que es precisa la mayor suma de renunciaciones...

Y Galicia -esto también- hórreo inagotable, fuente nutricia del Imperio en hombres, víveres y trabajo entusiasmado... 

Esta "honra da miseria", é unha desas máximas retóricas contraditorias, paradóxicas, tan habituais da ideoloxía fascista. Ideoloxía irracionalista, que amais, no caso español, gracias súa idiosincrasia negra, e a propia experiencia da Guerra Civil, acadou as máximas expresións tétricas; entre elas, a antolóxica Muera la "intelectualidad traidora"! ¡Viva la muerte! de Millán Astray. Así, o mesmo Millán Astray recorre a outro oxímoro para redundar nunha Gallaecia nutrix un tanto sinistra:

La avaricia gallega, demostrada está también en las ofrendas magníficas, en su generosidad de víveres y de ropa que Galicia envió a nuestros heroicos combatientes. También fueron avaras en el número las mujeres gallegas que marcharon a los hospitales de los frentes y en derramar su dulcísimo amor... 

Amais, esta publicación da Falanxe contén outra concepción "ética" da economía, a patriótica. As actividades económicas non só serven pola a utilidade do seu produto (neste caso á guerra e o estado fascista), se non tamén como mostra cuantificable da adhesión particular (aínda que ao mesmo tempo, na páxinas seguintes, dígase que esta xenerosidade, en canto que espiritual, é inconmensurable).

Dado que é preciso un recoñecemento público da honra da miseria; ao "pasar revista", ao entrar en detalle das "achegas" (1), a Falanxe tenta imprimirlle certo carácter deportivo, festivo, aos sacrificios e xenerosidades feitas por cada parte; como se a Cruzada Nacional fose unha saudable competición social e rexional. Así por exemplo, Luis Legaz di:

Pero Galicia, que en todos los órdenes -frente y retaguardia- se ha batido como la primera de las regiones españolas...

Mentres que no artigo da redacción "Pontevedra: Umbral", que prologa as páxinas adicadas ao "paso de revista" por localidades e organizacións civís e paramilitares (que ocupan preto da metade da publicación), a pluma falanxista con prepotencia, converte as estadísticas (as elaboradas pola mesma redacción), nun marcador dun partido tolo, de números incertos, pero que sen dúbida se gañou por malleira (2):

Pontevedra en esto de las aportaciones no puede ser tan localista como en todas sus cosas.

Sin embargo, en pocas de sus cosas supo ser tan localista como en esto de las aportaciones...

Todas las cifras que consignamos pueden aumentarse sin temor a error... 

Quizais o cumio do esperpento fascista o atopamos no subtítulo do artigo adicado a "Bueu: Ricos y humildes rivalizaron en generosidad".

Non obstante, baixo (ou aparte) desta concepción ética da economía produtiva, escóndese a disciplina nacional-sindicalista, na que os factores capital e traballo, empresarios e productores, conviven harmoniosamente polo ben nacional común: división de clases, pero sen loita de clases.

Exemplo da conxunción da honra da miseria, coas concepción patriotica das actividades económicas e a disciplina nacional-sindicalista (con aquel toque festivo-deportivo) é o artigo "Entrega Pontevedra a las Españas el Pan y la Justicia de nuestra Obra Nacional-Sindicalista", no que amais de indicar a honra de ser Pontevedra, sobre todas las provincias de España, quien ha lanzado la voz más adelantada, en la Obra Nacional-Sindicalista,... cunha simpleza maxistral exponse que gracias a organización dun sindicato vertical, unha vez vencidos todos ...los impedimientos, los ataques e insubordinaciones alentadas por los residuos de un periodo decadente...no se intentó llegar a la entraña de la producción con palabrería y promesa..., a Falanxe pasa aos feitos, consigue Sulfato y Cáñamo (para o labrego e o mariñeiro), e intervén ...en la distribución de abastecimientos en colaboración con las autoridades de Gobernación...para salvar la crisis que se advertía en los de primera necesidad,... obrándose así que...Con tan importante actuación pudo llegar a ser Pontevedra, entre todas las de España, quien conservase su tradicional abundancia.... Finalmente, preténdese ilustrar o falanxista "milagro" de dar a unos y otros el pan de cada día, cunhas series estadísticas de tres seccións do sindicato vertical durante os anos de guerra: o Centro de Contratación de Cueros, o Comité Sindical del Curtido, e o Sindicato de las Ostras de Pontesampayo.  

Friso empregado en varias das páxinas adicadas a industria.  

Os contidos de temática industrial en Galicia en la Cruzada Nacional. (3)

As actividades industrias aparece recollida nesta publicación en tres tipos de contidos: 

A) Como xa explicamos, a economía produtiva é un contido trasnversal en artigos ideolóxicos que teñen como asunto principal a exaltación da Gallaecia Nutrix, a achega provincial á Victoria ou a nova organización fascista da sociedade. 

B) Artigos monográficos sobre industrias ou sectores industriais concretos.

C) Os anuncios publicitarios.

A) Dentro dos do primeiro tipo, podemos atopar os que falan da industria con xeneralidades, ...

por exemplo, na páxina baixo o título "Vigo, Siempre Fiel, Leal, Valerosa y Benéfica", dícese:

En los tiempos en que la España Nacional, por su extensión apenas significaba algo...entraron en la balanza los peblos que algo representaban, los que aportan mercancía física...Vigo tenía la primera industria de conservas de pescado de España, Vigo tenía buenos talleres mecánicos, Vigo tenía obreros especializados en los mil oficios que la variedad de la guerra moderna precisa.

...e outros que tendo outro asunto como principal, si que falan con maior detención e aportan datos concretos da industria.

Así nas páxinas adicadas a "Mujeres de la Falange", que amais de reportar a súa labor nos servizos sanitarios e loxísticos, tamén hai espazo para falar da organización e produción nos talleres de confección de Bouzas e Vigo:

Número de prendas confeccionadas por la Sección Femenina de Vigo hasta el año 1938 inclusive:

Camisas, 77.736.

Capotes, 4.000.

Guerreras, 3.000.

Monos, 10.000, etc...

Tamén se fai referencia estadística desta produción de roupas para a fronte e a retagarda nalgúns dos pequenos artigos adicados ao "paso de revista" das localidades. 

B) Esta é a lista das empresas e sectores industriais recollidos en artigos monográficos (entre paréntese o nº de páxina):

- Fábrica e talleres de fundición "Pazó", conversión bélica; Pontevedra. (38)

- Laboratorios "Maber", Pontevedra. (39)

- "Margarina Porto Santo", de Manuel Comesaña Giráldez; Poio. (44)

- Frota de Bous, conversión bélica. (52)

- Porto de Vigo. (58)

- "Hijos de J. Barreras", conversión bélica; Vigo. (70)

- "Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia". (75)

- "Industrias Pecuarias Gallegas"; O Porriño. (76-77)

- "Hijos de Garra", fábrica de curtidos, conversión bélica; Ponteareas. (125)

- "Industria conservera F. Lores"; O Grove. (129)

- "Industria Maderera de Villagarcía de Arosa". (131)

- "Sociedad de Estaños de Silleda", conversión bélica. (132)

- Manuel Balado González, curtidos, conversión bélica; Lalín. (132)

- Eliseo Cortizo Villanueva, curtidos, conversión bélica; Lalín. (132)

- "Cervezas de Santander SA"; Vigo. (132)

- "La Peninsular Ltda.", fábrica de galletas; Tui. (133-34) 

C) Nesta edición extraordinaria de El Pueblo Gallego hai unha maior espazo publicitario que nas ordinarias. Amais, case todos os anunciantes son empresas locais (ás únicas excepcións son dúas empresas de importación de peixe, que tamén operaban na comarca viguesa).

Nótase que non son anuncios cun claro sentido comercial, en moitos casos (incluso entre os grandes anunciantes) os anuncios non son pouco máis que sucintas tarxetas comerciais: coa razón social, o enderezo e o nº de teléfono (as veces nin iso, como no caso de "Regojo / Fábrica de Camisas / Redondela" ). Trátase mais ben anuncios de representación social, de demostración de adhesión ao novo réxime; así, non son estraños os lemas de políticos (como o "Saludo a Franco / Conservas de pescados / Cervera / son las mejores / Cangas" ), dentro deste espazo teoricamente comercial. Quizais a mellor mostra deste momento de submisión política, económica e comercial sexa o anuncio das conservas "Gandara y Haz", que sen necesidade de maiores explicacións, presenta a súa patriótica marca "El legionario".

Entre os anunciantes hai unha ampla maioría de actividades industriais, entre as que os únicos grupos significativos están os das conservas de peixe (en espazo, preto da metade), e os serradoiros (nunha medida moito menor). O resto dos anunciantes industriais son unha pléiade de actividades, entre as que destaca o gran tamaño dos anuncios de tres empresas químicas ("Hispano-Belga", de Lavadores, "J. Grimberghs", de Vigo; Laboratorios Maber" de Pontevedra).

Entre o resto de actividades económicas (dentro unha relativa escaseza de anunciantes do sector servizos), só é notable a presenza dun poucos grandes anuncios de servizos portuarios, e un gran número de pequenos anunciantes de comercio local (ultramarinos, almacéns de xénero, cafés, padarías,...). É chamativa a mínima presenza de profesionais liberais (non hai avogados, médicos, notarios,... ).

Vigo é única localidade cun presenza publicitaria ao longo de todas as seccións e páxinas desta publicación; mentres que os anunciantes do resto de localidades (salvo unha poucas excepcións) aparecen nas páxinas finais, acompañando os artigos da súa localidade no "paso de revista".

Como estudo estadístico superficial, fixemos esta análise dos grandes anunciantes (os que ocupaban 1/4 o máis de páxina):

Sector:

-Conserva, 12.

-Química, 3.

- Construción, 2.

- Servizos portuarios, 2.

- Resto, 5.

Localidade:

- Vigo-Lavadores, 17.

- Pontevedra, 2.

- O Grove, A Illa da Arousa, Vilagarcía da A., Cuntis e Cangas: 1 cada unha.

Anuncio a páxina completa, no reverso da portada, da conserveira de F. Lores, o Grove. Abaixo, detalle do novo lema desta industria.

Páxina 27 e 93, adicadas a loar as aportacións da Provincia de Pontevedra e a marcar o programa para unha etapa profundamente construtiva.

Nótese a abundacia da representación de alimentos, ao xeito de cornucopias.

Gráfica do artigo La potencialidad económica de Vigo expresada en cifras. Apréciese a sobredimensión de Vigo, en parte pola falla dos datos de boa parte do sector mediterráneo.

Fotografía do amplo artigo adicado a factoría "Hijos de J. Barreras S.A.".

Ilustración do anuncio da Especialidade da marca da conserveira viguesa "Gandara y Haz Ltda."

Artigos a páxina completa

Artigos pequenos

Publicidade: Vigo

Publicidade: varias localidades

© Uxío Reinoso Maset; Licenciado na especialidade de Hª Contemporánea.

Adicado a Miguel Gozalo Rodrigo, electromecánico segoviano afincado en Vigo.

Vigo, 22 de xaneiro de 2019.

Citas e notas

(1) O termo empregado en castelán polos falanxistas, é "aportación", evidentemente sen especificar sin distiguir se foi de tipo voluntario ou forzosa/obrigada (as dúas primeiras acepcións dicionario da RAE xiran precisamente nesa ambivalencia). En galego non existe a palabra "aportación" con ese sentido ("aportar" é "chegar a porto"); seguindo as definicións da RAG, unha veces empregamos os termo "achega" e outras "contribución": segundo as definicións da RAG ambos termos soportarían por igual a ambivalencia voluntaria-forzosa/obrigada, pero nós coidamos que comunmente, o termo "achega" é mais ben empregado para as voluntarias, e "contribución" (que tamén é nome dun imposto) o empregase máis ben co significado de achega obrigada, "cota".

(2) Como colmo do "xornalista-estadista-falanxista-titánico", cabe sinalar, que aínda que o dato do tempo de elaboración é repetido moitas veces ("Este número ha sido hecho apresuradamente, empleándose UN MES JUSTO..."); o dato quizais mais interesante para nós, o do número exemplares das "cinco grandes tiradas" desta publicación, é sospeitosamente omitido.

(3) Para coñecer a autentica evolución da industria galega nestes anos de Guerra Civil, recoméndase consultalo traballo de VILAR, MARGARITA e LINDOSO, ELVIRA "EL negocio de la Guerra Civil en Galicia, 1936-1939", en Revista de Historia Industrial, nº 39, ano 2009; e o de CARMONA, XOAN e NADAL, JORDI, El empeño industrial de Galicia. 250 años de Historia, 1750-2000, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2005.