Vigo Industrial denuncia a nula colaboración do Concello de Vigo na Catalogación do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo

Nos últimos meses o equipo de Vigo Industrial ten requirido en dúas ocasións a colaboración concreta e directa do Concello de Vigo no noso proxecto colectivo de Catalogación do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo: nunha ocasión pola Panificadora de Vigo e noutra por PONTESA-Álvarez. Lamentablemente, ambas solicitudes tiveron unha resposta insatisfactoria, ou incluso moi deficiente.

Dende Vigo Industrial denunciamos a incompetencia do Concello de Vigo na conservación, estudo e posta en valor do Patrimonio Industrial de Vigo e comarca; do cal a resposta a estas dúas solicitudes de colaboración só é un episodio máis.

A solicitude para documentalo interior da Panificadora de Vigo.

O 22 de Novembro do 2018, o coordinador de "Vigo Industrial", Uxío Reinoso Maset, presentou instancia oficial no Concello de Vigo pola que solicitou "Permiso de acceso a Panificadora" para que un equipo de tres especialistas, durante dous días, puideran realizar un traballo de documentación e estudo do estado actual da totalidade do inmoble e os seus elementos.

O equipo de "Vigo Industrial" que se conformou para realizar este traballo estaba composto polo estudante de arquitectura Tomás Barreiro Vescovo, o fotógrafo José Chas e o propio Uxío Reinoso, que é historiador e "arqueólogo industrial", especialista na Panificadora, e autor do máis completo documento sobre a Panificadora de Vigo ata a data, o "Dossier:Panificadora". 

O programa do traballo deste equipo, era basicamente o seguinte:

- Fotografar a totalidade de edificación, elementos de enxeñería e maquinaria que se conserva...

- Identificar, medir ... e ubicar a maquinaria e elementos de enxeñería e arquitectura singulares que compoñen o complexo.

- Medir e ubicar nas plantas xerais as divisións e espazos menores do interior ...

- Valorar o estado de conservación de edificación, maquinaria e elementos de enxeñería.

- Inspeccionar o estado de conservación e instalación das diversas partes e elementos accesorios do complexo industrial da Panificadora de Vigo.  

Este traballo de campo permitiralle a este equipo enriquecer e profundizar o contido da vindeira ficha do "Catálogo do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo" adicada á Panificadora, con fotos, planos, identificación de maquinaria conservada, descripción arquitectónica, detalles sobre o funcionamento e condicións de traballo da Panificadora, etc.... Sería este un traballo que baixo licenza "Creative Comons Recoñecemento-Non Comercial 4.0" quedaría a disposición do público en xeral, tanto para a súa consulta como para ulteriores traballos baixo licenzas "Creative Comons" compatibles; por exemplo, o propio Concello de Vigo podería aproveitar este estudo e material documental para a seus propios traballos de posta en valor do elemento que pretende reahabilitar e reutilizar.

Control da maquinaria da sección de moenda, na planta 6ª. 

Foto María Masaguer, ano 2015.

A resposta do Concello a nosa solicitude sobre a Panificadora.

Felizmente, nesta ocasión a resposta do Concello non demorou moito. O 26 de Novembro do 2018, recibiuse escrito da Xerencia de Urbanismo no que se comunicaba que o "administración municipal no pode dispoñer do seu acceso (á Panificadora)", xa que "os ditos terreos son de titularidade privada". 

Paralelamente, nunha chamada telefónica extraoficial, un funcionario anónimo comunicoulle ao coordinador do proxecto (Uxío Reinoso), que de querer inspeccionar o interior da Panificadora debería negocialo el mesmo coa propiedade. Ao cal o coordinador da investigación respostoulle que non ía facer tal, xa que en asuntos de Patrimonio Cultural o propio é que sexan as Administracións Públicas, e non os cidadáns particulares quenes fagan tal xestión. Seguidamente, o funcionario anónimo fixo unha vana promesa de tentar facer el a xestión de contacto coa propiedade, e concluíu a conversa telefónica dicindo que, nos vindeiros días recibiriamos unha chamada de certa persoa achegada á propiedade privada coa contestación a nosa solicitude de acceso; cousa que nunca se chegou a producir.

Absurdamente, na contestación de Xerencia de Urbanismo, hai un surrealista segundo punto. No escrito ofical polo cal se nos informasenos, que "a Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo, na sesión extraordinaria e urxente do 2 de agosto de 2018, acordou prestar aprobación inicial á modificación puntual do Plan especial de protección e reforma interior da zona vella de Vigo, na zona da Panificadora..."; cousa que non garda ningunha relación coa nosa solicitude de acceso ao inmoble da Panificadora.

Detalle da árbore de transmisión por correas da da sección de moenda, na planta 5ª. 

Foto María Masaguer, ano 2015.

As implicacións xurídicas da resposta do Concello a nosa solicitude sobre a Panificadora.

Amais do frustrante e desesperante feito de que o Concello de Vigo, despois de máis de oito anos de promesas e manobras burocráticas estériles, aínda non se teña feito coa propiedade do inmoble que pretende rehabilitar de xeito inmediato; a resposta do Concello de Vigo a nosa solicitude ten implicacións xurídicas. Estamos a falar do dereito da cidadanía ao acceso á cultura e ao desfrute e coñecemento científico do noso patrimonio cultural.

Así, compre lembrar aquí unha serie de disposicións da Lei 5/2016, do Patrimonio Cultural de Galicia (os subliñados son nosos):.

- O artigo 1.

Obxecto e definición

1. Esta lei ten por obxecto a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras.

(...)

- O artigo 3.

Colaboración interadministrativa

1. No exercicio das competencias que lle corresponden en materia de patrimonio cultural, a Comunidade Autónoma actuará de acordo cos seguintes criterios:

a) Colaboración coa Administración do Estado, coas das restantes comunidades autónomas e coas entidades que integran a Administración local na salvagarda do patrimonio cultural, na súa difusión nacional e internacional, na recuperación dos bens que fosen ilicitamente exportados, no intercambio de información cultural, técnica e científica con organismos nacionais e estranxeiros, e na súa conservación, fomento e desfrute, estimulando para iso a participación activa de toda a sociedade.

b) Fomento das accións precisas para garantir o acceso ao patrimonio cultural, a súa protección, a súa difusión e a súa investigación e, de ser o caso, a súa recuperación

2. As entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen as obrigas de:

a) Protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural.

b) Adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viren a súa integridade ou valor ameazados.

c) Comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran.

d) Exercer, así mesmo, as demais funcións que teñan expresamente atribuídas en virtude desta lei.

- O artigo 36:

Acceso aos bens de interese cultural e catalogados​

1. As persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens:

a) Ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X.

b) Ao persoal investigador acreditado pola Administración competente despois de que formulen unha solicitude motivada de investigación. O cumprimento deste deber poderá ser dispensado ou condicionado no seu exercicio pola Administración cando existan causas que o xustifiquen de acordo coa protección do ben, as características deste ou os dereitos das súa persoas titulares.

(...)

Tamén compre lembrar o fundamental artigo 10 a Lei 5/1997 de Administración Local de Galicia:

- Artigo 10:

Do municipio.

1. Os municipios son entidades locais básicas da organización territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e canles de participación cidadá nos asuntos públicos locais.

Así como dous artigos da Constitución española:

- Artigo 9.2:

2. Correspóndelles ós poderes públicos promoveren as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e mais dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; removeren os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitaren a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social.

- Artigo 44:

Acceso á cultura:

1. Os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á que todos teñen dereito.

2. Os poderes públicos promoverán a ciencia e maila investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral.

Así pois, nós entendemos que, de acordo cos obxectivos e principios das leis de Patrimonio Cultural e da Administración local: o Concello de Vigo debería ter "canalizado" dalgún xeito a solicitude de "Vigo Industrial", para que este equipo profesional puidese ter realizado o seu traballo de investigación (que lembremos, sería publicado con "licenza libre" na ficha da Panificadora do "Catálogo do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo"), e así cumpriría a administración co seu deber de "difundir e fomentar o valor cultural" da Panificadora, como ben cultural vigués que indiscutiblemente é. 

A "canalización" da participación dos cidadáns, Uxío Reinoso, José Chas e Tomás Barreiro, no asunto público "Panificadora" (como ben de interese cultural) podería ter sido efectiva mediante diferentes medidas. Por exemplo a intermediación efectiva do Concello perante a propiedade privada (como semellaba que ía ser pola promesa telefónica do funcionario anónimo); ou ben mediante o "alzamento" da nosa solicitude perante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, para que a institución autonómica (en virtude do artigo 36 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia) lle requerisee á propiedade privada que lle permitise o acceso á Panificadora ao equipo de investigadores de "Vigo Industrial".

Sitema de distribución mediante parafuso de Arquimides. Foto María Masaguer, ano 2015.

A "Colección Álvarez" do Museo Quiñones de León.

Co obxecto de cumprimentar e ilustrala ficha sobre Pontesa, así como as vindeiras sobre os outros establecementos do Grupo de Empresas Álvarez, Vigo Industrial realizou dúas solicitudes ao Museo Municipal de Vigo, o Museo Quiñones de León, sobe a "Colección Álvarez".

Pero antes compre lembrar o que é a "Colección Álvarez":

"A colección Álvarez corresponde maioritariamente ao período de xerencia de D. Moisés, e está formada por máis de seiscentos obxectos representativos das diferentes seccións e fábricas do grupo.

Nesta primeira aproximación á colección poderiamos facer diferentes conxuntos. En primeiro lugar os denominados elementos de produción, é dicir, os implicados nos procesos de fabricación: pastas, galletas, churros, e moldes de colaxe, terraxa e vidro (...)

Un segundo conxunto, que forma o groso da colección, son os obxectos decorativos: floreiros, fontes, xerros e xerras. Pertencen, a na súa gran maioría a denominada sección artística...que estaban destinadas a demostrar o potencial creativo do grupo, e en moitos casos como agasallo ás máis altas personalidades (...) 

Un terceiro conxunto, non de menor importancia, fórmano os obxectos decorados mediante calcos...A este conxunto pertencen as vaixelas e servizos, tanto en porcelana coma en louza, producidas nas fábricas de Santa Clara e de Pontesa (...)

Finalmente a colección complétase cun cuarto conxunto formado por pezas de vidro, (botellas, licoreiras, garrafas,...) fundamentalmente fabricadas en Vanosa. " (1)

O groso desta colección está constituído polas pezas que os propios ex traballadores e traballadoras rescataron do propio "museo" de Santa Clara, trala definitiva falenza do GEA en 2002, e doaron ao Concello de Vigo co obxeto da súa musealización. A estas pezas do "museo" da empresa, que eran escollidas como as máis perfectas da serie polo propio Moisés Álvarez, engadíronselle outras rescatadas do complexo de Álvarez en Cabral, que daquela comezaba o seu proceso de abandono, espolio e destrución que aínda hoxe continúa. 

Despois duns anos de impase, no que as pezas estiveron almacenadas nos fondos do Museo Quiñones de León, finalmente, no ano 2010, o Concello de Vigo, baixo o comisariado de Beatriz Liz de Cea, realizou unha magnífica exposición na Casa das Artes, "Xoias da colección Álvarez. Esplendor cerámico de Vigo", con 90 das pezas, paneis informativos e a proxección dun mini-documentario realizado ex profeso; amais de editarse un libro-catálogo de 74 páxinas.

A exposición foi un éxito de público e conectou a cidade co seu pasado e patrimonio industrial. Amais, tal e como describe Beatriz Liz de Cea, para realizar a exposición, fíxose un notable esforzo de investigación e catalogación, que quedou recollido nun informe:

 "Co fin de contextualizar as pezas presentadas fíxose un intenso traballo de documentación e investigación limitado unicamente polo tempo. O informe presentado por Miguel Vázquez, profesor de cerámica da Universidade Popular de Vigo xunto coas entrevistas realizadas a D. Moisés Álvarez, neto do fundador; José Carlos Barros, delegado comercial da zona norte do grupo; María del Carmen A. Braga, debuxante de Povisa; Maite Pena, investigadora da segregación sexual do traballo no complexo de Cabral; e os irmáns Cameselle Vidal, traballadores de Santa Clara e Povisa, permitiron substanciar na medida do posible este primeiro achegamento á historia da colección, completándose coa localización de diversos documentos gráficos, fotográficos e cinematográficos (...)"

En suma, a Colección Álvarez é un "...conxunto patrimonial de primeira orde para Galicia e particularmente para a cidade de Vigo, tanto polo seu valor artístico como pola súa importancia histórica. Merece pois que a este traballo preliminar de aproximación lle sigan outros, que afonden na súa investigación".

Lamentablemente o Concello de Vigo non continuo o traballo feito en 2009-2010. Non se afondou na investigación, nin se voltou a realizar exposición daquelas 90 "xoias" nin doutras. Hoxe en día, apenas hai algunha unhas poucas pezas expostas nas salas do Museo Quiñones de León. Ata onde nós sabemos, o mini-documentario sobre Álvarez tampouco voltou ser proxectado dende o ano 2010.

As solicitudes de Vigo Industrial sobre a "Colección Álvarez".

O 7 de decembro do 2018 o coordinador de Vigo Industrial, Uxío Reinoso realiza unha primeira solicitude co obxecto inmediato de enriquecela ficha sobre PONTESA. En concreto, solicitamos a cesión de 35 imaxes correspondentes as pezas de PONTESA que aparecen no libro-catálogo da exposición "Xoias da colección Álvarez", e ",...e calquera outra procedente de PONTESA. Para incluílas na galería de imaxes do campo “historia>materiala”, da ficha de PONTESA. ".

Amais, nesta primeira solicitude tamén pedimos permiso "...para incluír o libro-catálogo “Xoias da Colección Álvarez” como documento adxunto descargable, con un arquivo tipo pdf, aloxado na nosa web (ou, mediante link, noutra web estable)...". Ou sexa, no correspondente ao libro-catálogo presentamos dúas opcións indistintas que servirían por igual o obxecto de difundilo patrimonio da Colección Álvarez: que ou ben fose a web de Vigo Industrial a que aloxase o documento, ou que, se acaso, fose o Concello de Vigo o que ofrecese este importante documento a cidadanía nalgunha das súas webs (a do Museo Quiñones de León, por exemplo).

Pasou o Nadal, e pasou o mes de Xaneiro, e non recibimos resposta algunha. Entre tanto, a publicación da ficha de PONTESA na nosa web, tivo como efecto chegase a nós a noticia da existencia dun informe de catalogación da colección Álvarez e do min-documentario sobre a historia de Álvarez. Así pois, o 7 de Febreiro do 2019, fixemos unha nova solicitude, onde ademais de reincidir nas solicitudes do 7-12-2018, tamén pedimos ter "...acceso ou copia o Informe de Catalogación das pezas colección Álvarez..." e  que se nos "...proporcione acceso ou copia do documental audiovisual sobre a historia e patrimonio do Grupo de Empresas Álvarez...", así como os dereitos de reprodución de ambos para incorporalos na ficha xa publicada de PONTESA na web de Vigo Industrial. 

Deste xeito todo o mundo, ex traballadores/as que rescataron as pezas, investigadores/as, e a cidadanía en xeral poideran desfrutar e aproveitar este documentos de gran valor histórico e identitario.

A deficiente resposta do Concello: e a necesidade da desobediencia cívica de Vigo Industrial. 

A resposta do Concello de Vigo as solicitudes de Vigo Industrial sobre a Colección Álvarez foi moi deficiente.

Primeiramente pola demora. Só recibimos resposta a nosa solicitude do 7 de decembro do 2018, o venres 12 de Abril do 2019; ou sexa, máis de 4 meses despois da nosa primeira solicitude! (exactamente 127 días). Prazo que consideramos insultantemente dilatado, especialmente tendo en conta que o que requirimos foron documentos xa existentes, e que para atender a nosa solicitude non facía falla aprobar ningunha mediada presupuestaria ou semellante.

Ademais, a resposta foi negativa na maior: o Concello de Vigo non accedeu a ceder ningún dos documentos que ten no seu poder para enriquecelo "Catálogo do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo": nin as fotografías das pezas cedidas polos ex traballadores/as, nin o informe de catalogación da colección, nin o libro-catálogo, nin sequera o mini-documentario onde participaron altruistamente Moisés Álvarez (fillo) e outros/as traballadores de Álvarez.

A escusa para este incívico "non" do Concello de Vigo foi: " a Concellería Delegada de Cultura (está) na preparación de enlace ao material solicitado en páxina municipal propia. Unha vez creado o enlace lle será informado para se desexara referencialo na súa páxina". Dende Vigo Industrial estaremos espectantes ata o cumprimento desta promesa (xa veremos canto tempo demora, e se realmente se fai).

Por último, nesta resolución do 12 de Abril, si que se nos concedeu permiso para visionar o mini-documentario e consultalo informe de catalogación de Beatriz Liz de Cea. Pero incluso nisto a posición do Concello de Vigo foi deficiente. Sen explicación ningunha, en vez do informe de catalogación enteiro, déusenos acceso a unha copia mutilada, que comezaba no apartado "V", páxina 25; e aínda por riba prohibíusenos tomar fotos o facer copia (sequera parcial) do documento e os datos. Con estas premisas e limitación, dificultouse sustancialmente o traballo do historiador e arqueólogo industrial, Uxío Reinoso.

Dado o escurantismo e incivismo do Concello de Vigo no tocante á Colección Álvarez, o proxecto colaborativo Vigo Industrial ten decidido, nun acto de desobediencia cívica, poñer a disposición da cidadanía unha versión dixitalizada do libro-catálogo da exposición "Xoias da Colección Álvarez". O facemos porque consideramos que é máis importante a difusión do patrimonio industrial vigués que calquera suposta axenda de traballo do Concello de Vigo (lembremos que estamos a falar dun material documental que ten mais de 9 anos de antigüidade...é xusto agora cando van publicar!?). E facemos este acto de desobediencia civil en xusta correspondencia ao traballo de conservación e difusión feito polos ex traballadores e traballadoras do grupo Álvarez, que no difícil momento de quebra da empresa e incerteza nos seus fogares, decidiron conservar e doar ao Concello de Vigo estas fabulosas pezas de cerámica, en vez de espolialas e/ou mal vendelas.

Floreiro. Circa 1960. Porcelana. Modelado. Pintado a man. Esmaltado. Fábrica de Santa Clara. 26 x 33 cm.

Xerro da "Virxe co neno". Búcaro. Circa 1975. Porcelana. Modelado. Pintado a man. Esmaltado. Fábrica de Santa Clara. 18 x 46 cm.

Vaixela "Infanta Elena". 1995. Porcelana. Moldeado. Calcografía. Esmaltado.

Fábrica de Santa Clara.

Xerro. Circa 1970. Porcelana. Moldeado.

Pintado a man. Esmaltado.

Fábrica de Santa Clara. 28 x 57 cm.

Xerro. Circa 1970. Porcelana. Moldeado.

Pintado a man. Esmaltado.

Fábrica de Santa Clara. 19 x 46 cm.

Uxío Reinoso Maset; Licenciado na especialidade de Hª Contemporánea.

Adicado a Manuel Antonio Reinoso Domínguez, republicano e ex traballador de Vanosa; e que tantas instancias ten presentado no Concello de Vigo (sen recibir resposta en moitos casos) 

Vigo, 20 de maio de 2019.

Citas e notas

(1) LIZ DE CEA. BEATRIZ. "A colección Álvarez. Unha primeira Aproximación", no catálogo da exposición Xoias da Colección Álvarez. Esplendor cerámico de Vigo. Vigo: edita Concello de Vigo, coordina o Museo Quiñones de León. 2010. 1