top of page
Foi a primeira industrial de Vigo unha muller?

A impresionante historia de María Alfonso de Pazos Figueroa

Probablemente a pouca xente o nome de Mª Alfonso de Pazos Figueroa lle diga algo. Pouco sabemos desta pontevedresa afincada en Vigo a finais do século XV, pero o pouco que sabemos dela é impresionante: despois de ser abandoada polo seu marido e despoxada do seu patrimonio polos Reis Católicos, consegue un pequeno prestamo familiar que invertirá na fabricación e comercio de telas e peixe co Norte de Europa e Andalucía. É probablemente esta muller a primeira persoa de nome coñecido que sostivo en Vigo unha actividade industrial e comercial, tanto a nivel local coma internacional.

A muller na Baixa Idade Media.

Na sociedade do antigo Antigo Réxime a muller estaba relegada a posicións secundarias, subalternas, subordinadas ao home. O seu eido preferente era o doméstico, e a súa función principal a reprodutora; tan só nuns poucos ámbitos (os oficios viles,...) ou circunstancias especiais (viuvez, ausencia do home,...) unha muller podía desempeñar as mesmas funcións cas dun home....e cando así era, o recoñecemento social non acostumaba ser equiparable ao do home

Ao longo da Idade Media, esta discriminación articulouse en múltiples convencións sociais. Así por exemplo, ao longo de todo o occidente especificouse nos códigos xurídicos da Idade Media que, nos casos graves, criminais, as testemuñas das mulleres tan só fosen validas cando non houbese testemuña masculina algunha; so eran tidas en conta como iguais das dos homes para causas menores, cando acontecesen en espazos públicos relacionados coas labores domésticas (baños, fontes, fornos, muíños, teares,...) ou asuntos reprodutivos (partos e casamentos), quedando excluídas as mulleres dos asuntos económicos: “testiguar non pueden en los testamentos...nin las mugeres, nin los que fuesen menores de catorce años. Nin los siervos. Nin los mudos” (1).

Esta discriminación e segregación facíase máis estritas canto máis poder económico existise. Así, mentres os contratos de aforamento de terras, case sempre se facían con matrimonios, nos que ambas persoas eran partes iguais, no casos dos xornais do campo e os oficios da cidade, que se pagaban en moeda, as mulleres cobraban menos que os homes (no campo exactamente a metade), sen atender ao traballo efectivo duns e outras (2). De feito, na Baixa Idade Media, as mulleres da nobreza perderon independencia económica, e mentres en épocas anteriores é común atopar a mulleres dispoñendo e herdando por si soas do patrimonio familiar, segundo avanzan os séculos isto faise máis raro. Este afianzamento do patriarcado no eido económico chega ao seu cume no século XVI, cando se prohibe que as mulleres sexan herdeiras do morgado (3).

raiña.jpg

Ilustración de 'De Mulieribus Claris', nunha edición de circa 1440: a raiña Xoana de Napoles con tres mulleres tocando música e unha coa roca (pero sen fio e fuso!). (i.1)

María Alfonso de Pazos Figueroa: orixe e casamento con Diego de Pazos de Probén.

Neste contexto de rotundo afianzamento do patriarcado entre a nobreza, é especialmente singular o caso de María Alfonso de Pazos Figueroa, que polas especias circunstancias que lle tocaron vivir, e a súa habilidade persoal, puido romper os designios de clase e xénero que lle viñan dados.

María naceu na segunda metade do século XV no seo de dunha familia de “mediana” nobreza galega.

O seu pai era Álvaro Alfonso de Figueroa; fillo ilexítimo de Juan García Barba de Figueroa, e de Isea de Pazos Gallinato. Álvaro tiña un medio irmán, Xácome Reimóndez de Figueroa que foi o lexítimo herdeiro da casa Figueroa sita en Abegondo (4).

A nai de María era Aldonza Pérez de Çeta, filla de Esteban Martínez de Foxo e Antonia Couquiño de Çeta. Aldonza tiña casa en Vigo e era viúva de Juan Fernández de Valladares, señor do Val do Fragoso, cando foi seducida para o matrimonio por Álvaro (alcumado dende entón como “O Enganador”) cunhas falsas riquezas que en realidade eran emprestadas (5).

María era a segunda de cinco irmaos; o primoxénito era García Barba de Figueroa, aos que seguiron Álvaro Alfonso de Figueroa, Estevo Martínez de Figueroa e Teresa Alfonso de Figueroa (6).

Así pois, na ascendencia de María Alfonso de Figueroa, por liña paterna atopamos aos Barba Figueroa, importante casa orixinaria da comarca coruñesa das Mariñas, na órbita dos Andrade e do Arcebispo de Santiago, e aos Pazos Gallinato, unha familia de pequenos cabaleiros do sur de Pontevedra; e pola liña materna aos Çeta e aos Valladares, familias de medianos cabaleiros do sur de Pontevedra. Todos estas familia, especialmente as do sur de Pontevedra (emparentadas en distintos grados cos Soutomaior), víronse involucrados nos difíciles xogos de lealdades que se deron ao final do século XV en Galicia.

Apenas superadas as revoltas irmandiñas, Pedro Álvarez de Soutomaior volta a enfrontarse co arcebispo de Santiago polo dominio de Pontevedra, Redondela e Vigo. Este conflito de intereses alcanza dimensións supralocais cando estoupa a guerra de sucesión da coroa de Castela, entre Isabel e Xoana a beltranexa, de tal xeito que o arcebispo de Santiago ponse no bando isabelino e o Pedro de Soutomaior no beltranexo. Neste contexto, debeu producirse o nomeamento de Alvaro Alfonso de Figueroa (pai) como gobernador arcebispal de Vigo arredor do ano 1474-6.

garcia barba detalle.png

Debuxo do sepulcro de Juan García Barba de Figueroa, avó paterno de Maria de Pazos Figueroa. (i.2)

Un dos primeiros episodios desta nova fase do enfrontamento entre Arcebispo e Pedro Madruga, foi o asedio e toma do castelo de Tenorio (7). Entre os sitiados estaban dous brazos da familia Pazos, Gómez de Pazos de Probén e Antonio Pazos de Berducido, aliados do Arcebispo de Santiago e familiares nalgún grado (8) de Alvaro Alfonso de Figueroa (a súa nai era Pazos Gallinato). Álvaro de Figueroa xuntouse co señor de Valladares e outros e tentou acudir a socorrelos sitiados, pero fracasou. Pedro Madruga, mantendo en todo momento o cerco a torre de Tenorio, diríxese a casa dos de Probén, a arrasa, mata á muller de Gómez de Probén e captura aos seus catro fillos coa intención de chantaxealo, pero o Gómez de Probén non cede e o defende ata a súa morte (9).

1533, Melchior Feselen, Schlacht v. Ales

Arcabuceiros alemáns nun cadro de 1533, nunha representación da Batalla de Alesia. (i.3)

Posteriormente os de Álvaro de Figueroa atacan na praia de Coia as tropas de Pedro Madruga que levaban presos aos fillos de Gómez de Proben. Para desolación de Álvaro de Figueroa, unha vez máis as forzas de Pedro Madruga, que conta coa novidade das armas de fogo, son superiores as súas. Nesta batalla perden a vida o primoxénito García Barba de Figueroa (o irmán maior de María de Pazos Figueroa), así como dous fillos de Gómez de Proben (Gómez e Fernando), e para rematar uns mercenarios de Soutomaior, entran na vila de Vigo e lle prenden lume a casa da familia Figueroa.

Aconteceu que pouco despois, Diego, o fillo maior dos de Pazos de Probén, logra zafarse de Pedro Madruga, e sen casa e familiares próximos aos que acudir, decide ir a Vigo a pórse ao abeiro do seu familiar e aliado, Álvaro Alfonso de Figueroa, que non dubida en acollelo entre os seus.

A incorporación do xoven Diego de Pazos de Probén tivo un valor crucial para os de Figueroa, xa que foi el quen lles ensinou a empregar unhas armas de fogo que Álvaro de Figueroa lle requisara anteriormente aos mercenarios xermanos que estaban ao servizo de Pedro Madruga. Gracias a isto os do arcebispo consegue facerlle fronte aos de Pedro de Soutomaior en varios lances, e cando voltan vitoriosos a Vigo, son “ben recibidos de todos, maiormente o de Pazos de Probén de María Alfonso de Figueroa, filla de Álvaro Alfónso de Figueroa, que tenramente amábanse”.

Diego de Probén pide a man de María aos seus pais, pero é rexeitado, xa que a nai de María, Aldonza Pérez de Çeta, consideraba que Diego non valía, xa que non tiña “senón as armas que traía” e en cambio a súa filla “a pedían os ricos e mellores daquela terra(10). Pero a oposición de Aldonza non foi impedimento para Diego, que coa axuda duns amigos (e aproveitando que Álvaro de Figueroa estaba fóra mandado polo arcebispo Alfonso de Fonseca), entra unha noite na casa dos Figueroa, amedrenta a Aldonza e secuestra a María para casarse con ela na Ponte de Lima.

Esta episodio violento non foi censurado polo pai, Alvaro de Figueroa, que quizais por compaixón polo derradeiro dos Pazos de Probén, quizais pola admiración que sentía pola capacidade militar que estaba demostrando Diego, non só non o castiga, senón que pouco despois o integra nas súas forzas, e xunto co exército do arcebispo Alfonso de Fonseca recuperan o castelo do Penso de Vigo que caira en mans dos de Soutomaior (11).

O arcebispo Alfonso de Fonseca premia a valía de Álvaro de Figueroa con “feudos e foros, e censos de moitas terras”, e noméalle gobernador de Cangas, Redondela, Caldas e Pontevedra (cidade á cal múdase coa súa familia). Por outra banda Alfonso de Fonseca nomea a Diego de Probén gobernador de Vigo e ademais regálalle as pedras do arrasado castelo do Penso. Con estas pedras o novo matrimonio de Diego e Maria de Pazos Figueroa teríase feito unha casa torre nas inmediacións da “Igrexa de Vigo” (Santa María seguramente), a Casa Torre de Pazos-Figueroa-Ceta-Arines, o actual Instituto Camoes. (12 e 13)

DSC_0015.JPG

Dende a Praza de Almeida, a esquerda a Casa-Torre de Pazos-Figueroa, á dereita a Casa-Torre de Ceta (13). (i.4)

A crise do casal Pazos-Figueroa: a fuxida de Diego. 

Pero os Pazos Figueroa, enseguida foron discutidos na súa posición polos veciños do Val do Fragoso que preferían ser “subditos de Soutomaior e non dun crego”. Os veciños sublevados (liderados polos Villares, uns fidalgos locais) asaltan a vila de Vigo, feren a Diego e cercan a casa dos Pazos Figueroa ata que estes son socorridos dende Pontevedra polo pai de María, Álvaro de Figueroa. Finalmente, é o mesmo Pedro de Soutomaior quen lles pide aos sublevados que se retiren.

A esta altura a guerra de sucesión corre a favor do bando isabelino. Pedro Madruga tivera que retirarse á fronteira portuguesa, e Isabel xa enviara aos seus propios capitáns e gobernadores a Galicia para impor a orde real por riba dos señores feudais, incluido o do arcebispo. Tras saber do conflicto acontecido en Vigo, os enviados de Isabel a Galicia, Fernando de Acuña e López de Chinchilla (en Galicia entre 1480 e 1483), diríxense a Vigo para por orde e impartir xustiza. Pero entre tanto, Diego Pazos decide vingarse dos Villares pola súa propia man: entra de noite as agachadas na casa do Villares e apuñala a varios deles, causándolle a morte ao seu líder, Rodrigo de Villar.

Diego sabendo que seguramente ía ser amoestado polos enviados da raiña Isabel, abandona a María de Pazos Figueroa e fuxe outra vez a Portugal, onde Diego ten familiares e bens raíces, e acaba entrando ao servizo do Rei Alfonso V en África. Esta separación quizais se debese ao precipitado dos acontecementos ou quizais fose unha decisión conxunta e premeditada, ou incluso unha decisión da mesma María, que preferiu ficar en Vigo e aterse as consecuencias antes de seguir a Diego nas súa segunda aventura portuguesa. Hai que ter en conta que cando isto acontece probablemente xa nacera o seu fillo maior, Xácome, así como as trillizas Catalina, Constanza e María e estaba xestando ao “postreiro”, o pequeno Diego.

Efectivamente, os enviados da raíña Isabel xulgaron a Diego en rebeldía, condenárono a morte, e incautaron todos os bens dos Pazos-Figueroa. Quixeron tamén levar presa a María, pero a veciñanza de Vigo, alzada en armas, o impide por consideralo inxusto.

Deseguido, María tamén é socorrida economicamente polos seus pais e consigue recobrala torre-pazo de Vigo, pero perde o resto do patrimonio: terras, gandos, rendas, armas e o sobrante da pedras do castelo do Penso que recibiran do arcebispo de Santiago (12)

escudo.jpg

Escudo na fachada á Praza de Almeida da Casa-torre de Pazos-Figueroa (13). (i.5)

A empresa, industrial e comercial, de María Alfonso de Pazos Figueroa e as súas fillas.

Así pois, María afrontou un triplo desafío: era nobre pero non tiña maior patrimonio que a súa casa, non tiña home pero tampouco era viúva, e ademáis tiña catro (ou cinco) crianzas de curta idade totalmente dependentes económicamente.

Cabe lembrar que nese tempo, por unha banda “o dereito canónico prevé para a muller unha tripla concepción da vida: a consagración a Deus, o matrimonio e a viuvez” (14), e por outra banda a condición nobre era incompatible co desempeño de oficios viles.

Non obstante María levou a cabo unha empresa encomiable, e rompendo o prexuizo de clase polos oficios viles:

“...procurou a boa señora achegar cartos do seu pai e parentes (…) e con el comezou a comprar telas de lenzo e liño, que as súas fillas fiaban, e gañaba ao vender, de sorte que de seis meses creceu a súa facenda (…) que empregou en (telas de) Holanda, e outras cousas de Inglaterra, co que dobrou a súa moeda, e atreveuse a enviar un criado a Andalucía con peixes de Galicia, e de alá trouxo a nave cargada de mercadorías, co que gañou moito máis,e viu a coller a fama naquela terra onde lle chamaron a 'mercadería' (15), e hoxe se conta que mandou facer outro viaxes a Inglaterra, e a Flandes, e Francia, foi moi rica, e para poder gozar dos bens que Deus lle dera ao seu pracer conviña estar co seu marido. E así foi a Castela a onde estaban os Católicos Reis (…) que tiveron por ben perdoalo (a Diego)(...) e soubo tamén explicarlles os seus traballos que fixeron, e suplicoulles, e despois enviou ao seu fillo as fronteiras de Portugal en África, que trouxera a seu pai como o fixo (…)

E habendo (Diego) chegando a súa casa, despois de dous ou tres meses de descanso coa súa muller e fillos viu como de propicia tiña a fortuna nas cousas da mercancía, pois a súa muller en tan pouco tempo gañara tanta fama, que segundo din era mais de doce mil ducados, determinou facer dúas naves grosas e (…) as cargou de mercadorías contra a vontade da súa muller (…) e era a súa viaxe a Andalucía (...) e na mar encontraron armada de mouros (…) e aínda que se defenderon abordaron e cativaronos (…) e en Vigo de onde eran os máis, houbo moitos prantos de mulleres polos seus maridos e fillos e irmáns.

E considerando María Alonso de Paços Figueroa que o seu marido fora causa de todo elo desfixose do mellor que tiña, e xuntou dous mil ducados (…) cos que (pagou o rescate e) viñeron todos as súas casas...”. (16)

As actividades económicas das mulleres no tempo de Mª Alfonso de Pazos Figueroa; o valor da pioneira.

Certamente, nesta época as mulleres, ademais de traballar no coidado da casa e da familia, desempeñaban certas actividades económicas, pero en eidos e xeitos moi distintos ao desenvolto aquí por María Alonso de Pazos Figueroa.

As actividades económicas femininas transcorrían preferentemente no campo e na esfera doméstica; dentro destas, por valor e recoñecemento social, sobresaían as labores textis. O cardado e fiado era universal e case exclusivamente femininos, nos teares (domésticos ou industriais) traballaban homes e mulleres, mentres que a confección era primordialmente masculina se era comercial, pero non obstante tamén era “unha das distraccións das mulleres nobres, (que realizaban) labores sobre teas preciosas, cuns instrumentos que chegaban tamén de distintas partes de Europa” (17). De Ocampo di que as trixéminas de María “fiaban”, pero en realidade, se é que mercaban as telas xa feitas, o que farían sería bordar e/ou confeccionar, actividades con maior marxe de beneficio que as primarias de cardado e fiado.

Nos ambientes urbanos era común atopar mulleres en obradoiros e comercios, tanto fose complementando as labores do home (facendo unha parte da produción ou servizo) ou tamén sendo elas as que estivesen a fronte do negocio. Había certos sectores, especialmente aqueles considerados mais baixos e viles, onde as mulleres eran maioría (como as regateiras e misquiteiras que comerciaban con bens básicos a pequena escala e a nivel local), e tampouco era infrecuente que, debido a ausencia do home, as súa esposa ou viúva continuase coa actividade, incluso naquelas de maior cualificación e mellor consideración. Así, “nas ordenanzas do gremio de acibecheiros (de Compostela), establécese que as viúvas podían continuar, de quereren, formando parte do gremio e tendo tenda aberta mentres non casaran con home doutro oficio” (18), podendo contratar asalariados e ser mestras de oficiais e aprendices.

Nas capas altas da sociedade galega do s. XV (escasamente urbanas polo demais) é bastante común atopar viúvas como titulares e incluso xestoras de grandes patrimonios herdados dos antepasados ou dos seus defuntos esposos. As viúvas prolongaban a totalidade da institución familiar (económica e socialmente) mediante a compravenda de inmobles, liquidación de débedas, disposición de dotes nupciais, mandas relixiosas,... iso ata a chegada dun novo esposo, xenro ou ata que algún descendente masculino con dereitos atinxise a maioría de idade, e se voltase, básicamente, a orde normal. Neste tránsito, e especialmente canto mais nos acheguemos a Idade Moderna, as viúvas adoitaban estar baixo a tutela ou supervisión de outros homes. Así foi o caso de Leonor Mexía (quizais o máis semellante e próximo ao de Maria), que en 1440 herdou unha frota e varias empresas comercias do seu home Fernán Eanes de Soutomaior, pero no mesmo testamento (e a diferencia do que acontece con bens inmobles, “vasallos e rendas”) Fernán manda que a súa viúva o faga en compañía de “os (seus homes) complidores e testamentarios” (19).

Pero ningún deste casos foi o de María Alfonso de Pazos Figueroa: que non recibe herdanza, e funda a empresa en Vigo a partir dun empréstito persoal do seu pai dende Pontevedra, e logo o leva adiante a empresa sen tutela algunha, e saca sufiente para devolvelo emprestado ao pai. Ela comeza unha actividade de cero, independentemente, incluso pode dicirse que ao pesar da do seu home: Diego (así como o pai de María, Álvaro de Figueroa) era home de armas, un cabaleiro dunha familia de señores rurais sen relación con actividades industriais o mercantís, así o explicita De Ocampo cando, ao facer memoria das desgracias de Diego de Pazos Figueroa, di que o perdeu practicamente todo “facendo de mal mercador por non habelo sido seus pasados”. Quizais neste eido si tivese María como referencia a sua nai Aldonza Perez de Çeta (20), pero, e ainda que entre as clases altas adoitaba haber mulleres alfabetizadas, hai que ter en conta que as mulleres recibían unha educación limitada, que nin lles ensinaba a ser autónomas dos homes nin a administrar outra cousa que non fora a casa e a familia.

Seguramente nesta empresa foille favorable a Maria a súa localización en Vigo, espazo físico moi favorable ao comercio marítimo, que estaba nacendo como vila nese tempo, pero no que aínda non existían nen gremios que regulasen estrictamente as labores textis, nen "ricohomes" que lle fixesen a competencia, trabasen ou censurasen a osadía de que (seguramente) fose María Alfonso de Pazos Figueroa, a primeira persoa de nome coñecido que sostivo en Vigo unha actividade industrial e comercial, tanto a nivel local coma internacional.

gaia cecilia r.jpg

Ilustración de 'De Mulieribus Claris', nunha edición de circa 1440:catro mulleres cardando, fiando e tecendo no capitulo de Gaia Cecilia. (i.1)

santa-maria-1.jpg

Recreación da Nao Sta. María, “a galega” da primeira frota de Colón. As naos eran empregadas por galegos e portugeses no seu comercio con Andalucía e o norte de Europa, exactamente as mesmas rutas que consignou Maria de Pazos Figueroa. (i.7)

Isabel_la_Católica-2.jpg

Posible imaxe de Isabel a Católica (ou Santa Catalina de Alexandría), no retablo «A Virxe da Mosca» («Sagrada Familia con Santa Magdalena e Santa Catalina»). Anónimo da escola flamenca, arredor do 1520. (i.8)

timpano.jpg

Escena da Epifanía do tímpano da Igrexa de Santa Mª de Vigo, datada ca. 1480 .(i.6)

© Uxío Reinoso Maset; Licenciado na especialidade de Hª Contemporánea.

Adicado a Sonia Balado Figueroa, pequena empresaria viguesa.

Vigo, 8 de novembro de 2018. Revisado o 26 de xaneiro de 2021.

Citas e notas

Historiográficas

(1) PALLARES MÉNDEZ, Mª DEL CARMEN, A vida das mulleres na Galicia Medieval (1100-1500), Santiago de Compostela, ed. Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, 1993. Partidas de Alfonso X, páxs. 16-17.

(2) PALLARES MÉNDEZ, Mª DEL CARMEN, op. cit. 1993. Páxs. 112 e 124.

(3) PALLARES MÉNDEZ, Mª DEL CARMEN, op. cit. 1993. Páx. 140.

(4) http://www.xenealoxiasdoortegal.net/ortegal/figueroajuanbarba.htm consultado o 22-IX-2017 

(5) ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, JOSE Mª, “Cuadros de Vigo en la Edad Media”, en Vigo en su historia, coord. Cunqueiro, Álvaro e Álvarez Blázquez, José Mª; Vigo, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1979. Páx. 105.

(6) https://foros.xenealoxia.org/viewtopic.php?t=6666 consultado o 22-IX-2017.

(7) LÓPEZ FERREIRO, ANTONIO, Galicia en el último tercio del siglo XV. A Coruña, ed. Andrés Martínez, 1896. Páx. 197.

(8) ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, JOSE Mª, “Cuadros de Vigo en la Edad Media”, en Vigo en su historia, coord. Cunqueiro, Álvaro e Álvarez Blázquez, José Mª; Vigo, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1979. Páx. 106.

(9) BARROS, CARLOS, "Cómo vive el modelo caballeresco la hidalguía gallega bajomedieval: los Pazos de Probén",en Galicia en la Edad Media (Actas do Coloquio de Galicia, 13-17 xulio de 1987), Madrid, Sociedad Española de Estudios Medievales, 1990. Páxs. 231-246.

(10) DE OCAMPO, JUAN; “Descendencia de los Pazos de Probén”, Barcelona, ed. Jaques Sendrat, 1589. Folla 12.

(11) Segundo De Ocampo, os de Soutmaior tomaron o Penso porque os homes de Figueroa o deixaran desfornecido para acudir a auxiliar a Aldonza e despois perseguir á parella na súa fuxida a Portugal, onde os Pazos tiñan familia e bens raices.

(12) Pedras das que Juan De Ocoampo sinala (unha cantas décadas despois das edificacións) que “de ditas pedras fixéronse máis casas en Vigo, que antes eran todas de madeira" . DE OCAMPO, JUAN; op. cit. 1589. Folla 15.

(13) GARRIDO RODRÍGUEZ, XAIME. A arquitectura en Pedra en Vigo. Vigo, ed. Galaxia. 2000. Efectivamente, Garrido identifica a torre (a da dereita) coma a máis antiga, sen embargo, na fachada cara a Praza de Almeida desta torre "de Ceta" apréciase un escudo con aspas en forma de "x" (ou cruz de San Andrés), dúas follas de figueira (enseña do Figueroa) e dúas cunchas de Vieira (propias do Arcebispado de Santiago): isto é, un escudo Figueroa. No escudo da casa (a da esquerda), a "de Pazos-Figueroa", atopamaos un escudo composto, no que na parte dereita atopamos repetidas aspas, follas de figueira e cunchas arcebispais do Figueroa, e no sector esquerdo recoñecemos a espada dos Pazos. Efectivamente, a casa da dereita, a "de Ceta", semella cunha canteria máis antiga, sobria e "forte", de caracter máis defensivo, e a da esquerda, a "de Pazos-Figueroa", máis moderna, refinada e "pacega" (máis de "ricohomes", ou "ricamuller"). Pode ser entón (tendo en conta as noticias de Ocampo nunha época inmediatamente posterior), que a torre da dereita fose unha construcción (ou reconstrucción dunha casa anterior dos Figueroa) feita coas pedras do Penso nos primeiros tempos dos casal Pazos-Figueroa (antes da fuxida de Diego, entre 1480-3), e a segunda un pazo urbán feito coas riquezas gañadas por Mª Alfonso Pazos Figueroa (feita unha ou dúas décadas despois, entre 1495-1510 apróx.). 

(14) PALLARES MÉNDEZ, Mª DEL CARMEN, op. cit. 1993. Páx. 24.

(15) Álvarez Blazquez (op. cit.) anota que esta “mercaderia” que refire De Ocampo é un espazo físico: “La Mercadería se hallaba en el Arenal, zona naviera de muy antigua tradición”; pero máis semella que a “mercaderia” (quizais unha errata tipográfica de "mercadeira/dera") fose o alcume que colleu Maria Alfonso de Figueroa entre andaluces/zas e/ou galegos/as.

(16) DE OCAMPO, JUAN, op. cit. 1589. Follas 14-15.

(17) PALLARES MÉNDEZ, Mª DEL CARMEN, op. cit. 1993. Páx. 106.

(18) PALLARES MÉNDEZ, Mª DEL CARMEN, op. Cit. 1993. Páx. 122.

(19) http://cristobal-colon-su-historia.blogspot.com.es/2015/12/testamento-fernan-yanez-de-sotomayor.html consultado o 29-IX-2017

(20) O xeito en que De Ocampo conta que Álvaro Alonso de Figuero “seduciu” a Aldonza facendolle crer que tiña uns diñeros que en realidade eran emprestados tamén revela certo interese e capacidade financiera da parella.

Imaxes

(i.1) Obra conservada no Museo Británico. Imaxe de dominio público según licenza wikimedia commons.

(i.2) Debuxo de Xosé Antón García-Ledo. Ubicado na igrexa de San Miguel de Figueroa, A Coruña. Extraío de http://www.xenealoxiasdoortegal.net/ortegal/figueroajuanbarba.htm. Sen licenza atribuída.

(i.3) Obra conservada no County Museum of Art. Imaxe de dominio público según licenza wikimedia commons.

(i.4) Copyrigh Uxío Reinoso Maset. 

(i.5) Copyrigh Uxío Reinoso Maset.

(i.6) Timpano actualmente ubicado no Museo de Pontevedra. Detalle recortado da foto de José Antonio Gil Martínez, "Ruinas de la Iglesia de Santo Domingo de Pontevedra", licenza: CC BY 2.0.

(i.7) Imaxe de orixe e licenza descoñecida. Tirada de; https://www.obiectiv.info/corabia-care-a-schimbat-cursul-istoriei-a-fost-gasita-epava-navei-lui-columb_41962.html#n.

(i.7) Obra conservada na Colegiata de Santa María la Mayor de Toro. Imaxe de dominio público según licenza wikimedia commons.

bottom of page