Ficha 012

SALTO DO PEGO NEGRO

Tipo

Hidroeléctrica

Sector

Enerxía

Uso actual

Rego

Concello

Gondomar

Parroquias

Chain-Vilaza-Chandebrito

Lugar

Pego Negro

Enderezo

non procede

Coord.

N 42º07'35'' O 8º44'56'' GPS: 42.1264, -8.7490

Presa, 1924
Fotografía extraida d0 "Vida Gallega" nº 244, do 20 de Febreiro.
Presa, estado actual
Vista do estado actual da antiga presa do Pego Negro. Foto, Uxío Reinoso, primavera do 2019.
Represa rego
Aspecto actual da represa feita na década dos 50 no lugar da antiga casa de máquinas. Foto Uxío Reinoso, outono 2018.

Historia

Fundación

1908

Feche

1927 ?

Fundador

Laureano Salgado

Gravado, 1924.
Gravado aparecido na portada de "La Voz de Galicia" do 26 de marzo do 1924.
Visita de persoeiros, 1924.
Foto aparecida no "Vida Gallega" do 20 de Abril do 1924. Comezando pola esquerda: Laureano Salgado, Gil de Arévalo, Martín Echegaray, Juanito Solá, José Rodríguez de Vicente e Moisés D. Luna.
Obreiros, 1924.
Cuadrilla de obreiros traballando na ampliación de potencia do salto do Pego Negro. Foto do "Vida Gallega" do 20-02-1924.
Turistas, 1924.
Unha familia de turistas visitando o encoro do Pego Negro. Foto do "Vida Gallega" do 20-01-1924.
Augas medicinais, 1924.
Grupo de persoas ao pé da presa, lugar onde Laureano Salgado descubriu unha "augas medicinais". Foto Pacheco, do "Vida Gallega" do 25-08-1924.
Encoro, 1924.
Vista do encoro formado no Pego Negro. Foto do "Vida Gallega" do 20-04-1924.
mostrar máis

Reseña

A fundación da central hidroeléctrica do Pego Negro e a chegada da "luz" a Baiona e Gondomar enmárcase na segunda fase da electrificación de Galicia. 1

A primeira fase da electrificación iniciárase en 1882 coa iluminación eléctrica do Arsenal de Ferrol, e terá como segundo fito o ano 1888 coa iluminación dalgunhas rúas do casco urbano de Pontevedra. Ata o devalo do século XIX, completouse a electrificación do resto de cidades galegas (Coruña 1890; Lugo, Santiago e Ferrol 1894; Ourense 1895; e Vigo 1896) así como algunhas vilas medianas,"afortunadas" con algunha iniciativa pioneira (Mondoñedo 1893 -1ª hidroeléctrica de Galicia-; Ponteareas 1895; Betanzos, Tui, Viveiro,...1896; Vilagarcía 1899) (2). Esta primeira fase está protagonizada pola xeración térmica e pola total fragmentación das empresas e o mercado (cada localidade tiña a súa empresa, e xeralmente unha única central cunha rede local). 

A segunda fase da electrificación galega comeza co século XX, e caracterízase polo protagonismo das centrais hidroeléctricas (máis rendibles) e pola aparición das primeiras empresas eléctricas e redes supralocais (no 1900, fúndase a Sociedad General Gallega de Electricidad). Deste xeito, durante a primeira década do século XX a electricidade esténdese o resto de vilas medianas de Galicia e moitas das súas bisbarras. 3

Así, no caso da ría de Vigo. No 1901 créase a Electra Popular de Redondela, que coa forza do Salto de Aranza (1901) fornece Redondela e reforza o subministro de Vigo, e axiña chega tamén a Lavadores (1903) e Porriño (1908; daquela xa se lle sumara a central do Salto do Inferno, 1906) No Morrazo a "luz" chegou no 1904 dende o Salto de Almofrey (Cotobade), vía Pontevedra, da man da compañía La Hulla Blanca. 4

Detrás destas dúas compañías (así como da SGGE) estaba o magnate Laureano Salgado, "o rei dos saltos de auga"; que será o mesmo que no 1908, co Salto do Pego Negro, leve o subministro ás vilas e lugares do Val Miñor. Laureano Salgado foi un pequeno comerciante de Caldas de Reis, que gracias a súa influencia política medrou en diversas actividades empresariais que precisaban de autorización ou concesión pública: construción de peiraos, canteiras, e sobre todo, os saltos de auga. 5

Na hemeroteca atopamos varias noticias de como foi o proceso da electrificación do Val Miñor: 

- En setembro do 1906 atopamos a Laureano Salgado en Gondomar "con obxecto de estudar un salto de agua que hai no río Vilaza".

- En marzo do 1907 xa tiña escollido o lugar onde facer unha "presa de cachotería con mistura hidráulica... no sitio denominado do Coutado, na parroquia de Chaín", e solicita o permiso "para aproveitar 1.500 litros de auga por segundo do río Vilaza". E en xullo dese mesmo ano, solicitude e proxecto de enxeñería do "aproveitamento de auga" son aprobados pola Comisión Provincial do Estado. 

- En agosto do 1907 o que presentou o Salgado foi a solicitude de autorización e proxecto de "liña eléctrica de alta tensión dende a fábrica situada no Pego Negro...aos pobos de Gondomar, Ramallosa, Sabarís, O Burgo e Baiona que será invertida en iluminación pública e particular, e en forza motriz para industrias"; este proxecto de liña eléctrica lle será autorizado xustamente un ano máis tarde, en agosto do 1908.

- A finais de outubro do 1908 faise a proba de funcionamento da central, e ás 7 da tarde do 30 de outubro inaugúrase o servizo de iluminación pública (incluída a Casa do Concello) na vila de Gondomar. Paradoxalmente, ese serán, a celebración popular nas rúas da vila e o banquete das autoridades na Casa do Concello foron deslucidas pola interrupción do servizo por mor dunha treboada. 

Foi este o primeiro dunha longa serie de incidentes que fainos pensar que o Salto do Pego Negro foi mal deseñado ou dimensionado dende o inicio. Na prensa da época son frecuentes os artigos queixándose da deficiencia do servizo, sendo habituais os apagóns e avarías. E incluso semella que as dúas turbinas da central funcionaba de xeito descontinuo, encorando a auga de madrugada para despois empregala forza nas horas precisas, habendo incluso horas sen servizo ningún, e a posibilidade de reservala potencia para eventos determinados

Temos noticia que entre o 1916 e o 1922 o Salgado pretendeu ampliar o encoro (non temos certeza de se conseguiu). Atopou nisto a firme oposición dos "terratenentes, regadores e muiñeiros" de río abaixo. Xa no 1916 foran "denunciadas as obras executadas por Laureano Salgado, no punto do Pego Negro no rio Vilaza". En outubro do 1918, un total de 68 veciños das parroquias de Vilaza, Chaín, Gondomar e Mañufe presentan instancia no Concello de Gondomar contra a "solicitude de autorización presentada por D. Laureano Salgado para elevar a presa de Pego Negro" . Debía pretender Salgado co peralte da presa, aumentalo volume do encoro para practicar aquelas soltas que permitían aumentala potencia do subministro eléctrico puntualmente. (6)

Cara 1924 o Salgado tencionou unha segunda vía para aumentala potencia do salto do Pego Negro. O "plausible proxecto de intensificala explotación" consistiu na construción dunha nova canle de derivación totalmente subterránea. Esta custosísima obra que nunca foi rematada, quizais procuraría aumentalo caudal derivado á central, ou quizais, manter mellor a cota e melloralo sistema da cámara de carga e da tubaxe de caída. (7)

A pesares destas deficiencias e conflitos, a pequena hidroeléctrica de Gondomar tivo unha gran sona no seu tempo por motivos alleos ao netamente industrial. Laureano Salgado fixo dela un uso propagandístico para fortalecer a súa influencia no Val Miñor, celebrando nela excursións, mariscadas e banquetes nas que participaban os prebostes da súa rede caciquil como B. Sagasta, Á. Urzáiz, Ramiro Pascual, L. Eijo Garay, A. Palacios, Manuel Losada,... Amais, fose por efecto mediático destas reunións do círculo político de Salgado, ou polas vontades do "poético" lugar, o encoro do Pego Negro converteuse nun pequeno reclamo turístico do Val Miñor que foi visitado dende os anos da Belle Époque ata ben avanzado o franquismo tanto por universitarios, como por grupos de turistas espontáneos coma organizados, ou incluso as primeiras asociacións do montañismo galego (entre elas "Montañeiros Celtas").

Este potencial turístico incluso viuse aumentado co descubrimento ao pé da presa, cara o ano 1924, dunha fonte de "augas bicarbonatada ferrosas arsenicais", que o Salgado e o indiano Manuel Losada barallaron explotar.

A historia da central hidroeléctrica do Pego Negro mudou drasticamente cara o 1927.  En xaneiro do 1927 unha comisión do Concello de Vigo (que acababa de municipalizar a S.A. para el Abastecimiento de Aguas a Vigo) visitou o Pego Negro interesada en estudar o aproveitamento da concesión de L. Salgado, non para electricidade, senón para abastecemento dunha cidade que medraba apresuradamente e padecía cíclicas secas estivais.

En xuño do 1927 o pleno do Concello de Vigo decide "adquirir por 500.000 pesetas o salto do Pego Negro", mediante o pago a L. Salgado de "obrigacións do empréstito municipal". Esta decisión voltou atopar coa resistencia do labregos que aproveitaban as augas do río para os seus cultivos. Primeiramente os veciños da parroquia de Zamáns, percorreron as redaccións dos xornais de Vigo coa súa protesta. Seguidamente, veciños do mesmo Zamáns xunto cos de Vilaza, Mañufe, Gondomar e da Ramallosa, constitúense nunha comisión permanente para que "O Val non se quedara sen augas...(e) defender o noso dereito a vida...", e evitar "o amargo pan da emigración", xa que "dentro de pouco o que hoxe é fértil val, devirá en deserto". Esta comisión veciñal conseguiu o apoio do Concello de Gondomar nun pleno extraordinario, no que tamén se  decidiu interpelar aos concellos de Nigrán e Lavadores. Semella que finalmente o Concello de Vigo, ante a presión popular, decidiu "indemnizar aos agricultores que resulten prexudicados por pasar os seus terreos de rego a sequeiro..., aínda que sexa por humanidade".

Este aproveitamento non se debeu facer directamente da presa do Pego Negro, senón que estudos iniciais (tal e como indica a presenza dos labregos de Zamáns nas protestas) proxectaban a captación dos 60 l/s precisos de diversos "mananciais da conca de Vilaza" (noutra noticia fálase de 110 l/s). Non temos certeza de cando e como se acometeron estas captacións: en 1927 prevíase telas en funcionamento no 1929; e no 1929 adiábase a entrada en funcionamento para o 1931, xa no 1935 atopamos a noticia da adxudicación do "aumento de caudal da Traída polas obras do Pego Negro". O que si atopamos aínda hoxe en día 4 kilómetros rio arriba do Pego Negro é unha presa e levada do río Zamáns no lugar da Pasaxe, feito na inmediata posguerra e que serviu á traída de Vigo ata que no 1960 construíse o encoro de Zamáns. 7

Mais tarde, no anos 1949, durante outro episodio da "pertinaz sequía (sic)", o Concello de Gondomar "dado o problema de rego das propiedades dos levadores das augas do Pego Negro dende que o Concello de Vigo as expropiou", solicita ao de Vigo a "cesión en venta do encoro do Pego Negro....por termo de vinte anos prorrogables", cousa que consigue no 1950 mediante o pago dun canon anual de mil pesetas. Así pois, todo parece indicar que a presa, caseta e levada que se atopan actualmente (e funcionan) no lugar de Barreiro, foron construídas nesa xeira sobre a ruína do antigo edificio da central. 8

Por outra banda, no referente ao subministro eléctrico do Val Miñor, dada a celeridade con que o Salgado se desfixo da central no 1927, cabe pensar que xa daquela non estaría en funcionamento ou cando menos era intrascendente para o subministro eléctrico do Val Miñor. Efectivamente, semella que cara o 1917 a rede local do Val Miñor foi conectada á viguesa. E definitivamente, no 1931 "Por non terse construído as obras correspondentes, instrúese expediente de caducidade da concesión outorgada á Laureano Salgado para o aproveitamento de 1.500 litros por segundo do río Vilaza, no sitio do Pego Negro...". 

Procesos

e

productos

Non temos a certeza de cal era a potencia producida polo Salto do Pego Negro. Nun cálculo teórico xeneroso (cun caudal de 1.500 l/s e unha caída de 60 metros)*, resulta un arco de entre 750 e 1050 CV. Nunha noticia do 1917, fálase que o Pego Negro proporcionaría 1300 CV. Non obstante, tal e como contamos no apartado anterior, estas cifras semellan moi afastadas da realidade dun río cunha gran variabilidade estacional e dun servizo que sufría continuas interrupcións.

Tampouco temos certeza sobre cal foi concretamente a razón social empregada por Laureano Salgado para construír e explotar o Salto do Pego Negro e o subministro eléctrico do Val Miñor nos seus primeiros anos. En xeral, tanto na documentación que se conserva no Arquivo Municipal de Gondomar, como nalgunhas das noticias da prensa da época aparece o nome de Laureano Salgado como propietario do encoro e central; pero noutras noticias antigas aparece como explotadora a Hulla Blanca (que subministraba no Morrazo) e noutras o é o polémico Sindicato Español (que en orixe tiña como obxectivo a urbanización e recheo da costa de Vilagarcía de Arousa, pero tamén "denunciou" aproveitamentos hidroeléctricos). É probable que Laurenao Salgado, nalgunhas das súas xestións de "enxeñería" do seu complexo empresarial, movese a concesión e central do Salto do Pego Negro como capital social destas e outras empresas. Nun anuncio do Faro de Vigo de xaneiro do 1926, José Ruibal de Pontevedra, di que compra "Obrigas La Hulla Blanca a cargo do Salto do Pego Negro con cupón de 30 pesetas pero que o encargado de Caldas non paga nin 30 nin 25,...". Pouco despois, en outono do 1926, a Hulla Blanca e o Salto do Pego Negro son adquiridos pola refundada Sociedad General Gallega de Electricidad (que no 1923 fusionarase coa Electra Popular de Vigo y Redondela). 9

No momento fundacional do Pego Negro a súa rede de distribución era moi reducida. O tendido do 1907, que seguía as estradas principais, apenas abranguía unicamente os núcleos de "...Gondomar, Ramallosa, Sabarís, O Burgo e Baiona ", deixando fora a maioría da poboación dun Val escasamente industrializado e cun hábitat agrícola e disperso.

Semella evidente que a lóxica desta rede estaba subordinada á iluminación pública e que subsidiaria e paseniñamente chegaría a certos particulares privilexiados económica e xeográficamente; pequenos comerciantes, profesionais e industriais como os "D. Manuel Núñez Méndez, D. Benito Amoedo Estévez, casados, comerciantes, e propietarios; D. Luis Peralba Fontanes, solteiro, delineante, veciños da vila de Gondomar, e D. José Maria da Silva Costas, casado carpinteiro e muiñeiro, veciño de Vilaza", que atopamos no 1921 queixándose e reclamando indemnizacións polas interrupcións do servizo durante o conflito pola ampliación do encoro (6). Aínda así, nunha data tan tardía coma o ano 1925, na prensa local iniciábase unha campaña para facer presión á "Don Manuel Toubes, administrador da central Eléctrica de Pego Negro..." para que notase "...o necesario que se lle fai o ter iluminada a parte que corresponde á metade das Avenidas de Julian Valverde, cara a ponte da Ramallosa"; isto é, nin sequera daquela, a arteria principal do puxante núcleo de Sabarís estaba correctamente electrificada.

Tres anos mais tarde, no 1928, varios xornais (nomeadamente El Pueblo Gallego) inician outra campaña queixándose dunha anómala e cara tarifa:"Gondomar, Ramallosa, Sabarís e Baiona, é dicir, todos os pobos que recibían o fluído da central do Pego Negro ¨gozan¨ dun raro privilexio...o kilowatio a oitenta e sete céntimos e un consumo mínimo de 6 kilowatios por contador e mes...En Vigo, Redondela e Porriño a luz é a setenta e cinco céntimos". Por esta campaña xornalística tamén sabemos que "O señor Salgado mantivo o prezo de 75 céntimos (kw) dende o establecemento da liña durante dezasete anos,... e só obrigado polas circunstancias elevou o prezo da corrente nos últimos da súa posesión", e que, para maior agravio daquelas localidades, na "zona norte do Val"  a distribuidora era "a casa Valverde, de Vigo", que lle mercaba a potencia a SGGE e a revendía a 80 céntimos o Kw a particulares.

* Cálculo de elaboración propia en base a un desnivel de 60 metros e os valores extremos de perdas. Kw = densidade (1 kg/m3) x 9,81 x rendemento turbina (entre 0,75 e 0.94) x rendemento xerador (0.92/0.97) x rendemento acoplamento turbina-alternador (0.92/0.99) x caudal (1,5 m3/s) x desnivel (60 m)

Maquinaria conservada

Non se coñece

Materalia

Non se coñecen

Arquitectura

Superficie parcela

182 m2 (central)

90 m2 (central; estimada)

Sup. ocupación

Descriptiva

As instalacións do Salto do Pego Negro atópanse no treito medio do río Vilaza (tamén chamado de Zamáns ou Amial), xustamente no lugar en que o curso descende dende a conca alta que conforma ao norte da Serra do Galiñeiro coas ladeiras sur da serra que hai entre os montes Cepudo, Calvo e Castelo, ata as agras e veigas da parroquia de Vilaza, antes de confluír co Miñor na vila de Gondomar.

Precisamente "pego" é un topónimo fluvial (R.A.G.: Pozo ou lugar profundo nun río), que sinala a forza presenza que toma o río neste treito, no que en apenas uns 700-800 metros, descende abruptamente uns 60 m de desnivel entre rápidos e pequenas fervenzas.

A represa de captación atópase no lugar propiamente dito de Pego Negro, no límite mesmo da parroquia de Vincios, nunha cota de entre 120 e 130 metros sobre o nivel do mar, i é doadamente accesible dende un antigo ramal entre as estradas PO-331 e PO-332.

O edificio das turbinas atópase, ao pé do lugar de Barreiro (Vilaza) e na beira esquerda, no pé do monte das Castiñeiras (Chaín), a unha cota de 60 metros sobre o nivel do mar.

- A represa É de tipo arco-gravidade, isto é: un muro de planta de arco e sección trapezoidal (sensiblemente máis ancho na base que na coroa), no que a cara maior (ou extrados) é vertical, e o menor (ou intrados) é un talude duns 60º de inclinación. A lonxitude do arco na coroa é de 24 metros, e a altura máxima e duns 5,5-6 metros. A orientación do muro é practicamente a do eixo N-S. A fábrica da represa aparece denominada na época como de "cachotería con mistura hidráulica"; máis exactamente, o muro está composto de dúas paredes de grandes cachotes granito con tres caras traballadas, e un núcleo de formigón con grandes áridos que efectivamente semella argamasada con cemento hidráulico. A altura das fiadas é de 50 cm, mentres a lonxitude dos cachotes é variable. Faría falla somerxerse no río Vilaza para comprobar a feitura e profundidade da base da presa. A coroa da presa ten en realidade dous niveis, xa que a 11ª fiada ten dúas discontinuidades: así no terzo occidental falta por completo a fiada, mentres que no terzo oriental hai un aliviadoiro dun metro de amplitude. A ausencia da 11ª fiada no sector occidental é enigmática, xa que habilita un amplísimo aliviadoiro de 9 m que fai inútil o outro aliviadoiro de 1 m; nas fotos do ano 1924 xa aparece esta composición; quizais sexa este o resto material do conflito vivido poucos anos antes pola "elevación da presa de Pego Negro".  A represa ten na coroa 1,1 metros de fondo, e na 10ª fiada 1,2; o que, aproximadamente nos daría na súa base un fondo de 2 metros. 

- A toma da auga O estribo esquerdo (ou meridional) da represa está moi alterado polo depósito continuado de lixos e entullos verquidos ilegalmente dende a antiga estrada de Camos-Vincios; pero o lóxico é pensar que a toma da auga atopábase dese lado (é probablemente siga alí, soterrada)

- Dun xeito semellante, tamén foinos imposible recoñecer a primixenia canle de derivación que foi alterada e/ou soterrada en varios puntos polo ensanche da estrada Gondomar-Porriño que fai o mesmo percorrido a unha cota inmediatamente superior. Á vista das imaxes hipsométricas, no treito final parece intuírse unha gabia que diverxe do percorrido da estrada cara o edificio da central. Dado o desnivel do terreo e a frondosa vexetación deste lugar, a nós foinos imposible recoñecer esta gabia e atopala canle e os restos da cámara de carga da que falan os veciños máis maiores do lugar (10). As expresións destes anciáns sobre a feitura da cámara de carga (falan en plural, "posos de pedra...que tiña así por fóra un bordillo de pedra"), concordan coa hipótese dunha tubaxe dobre en correspondencia coas dúas turbinas que tiña a central.  

- Aparte, do "plausible proxecto de intesificala explotación" acometido en 1924 por Salgado, persiste os restos dunha segunda canle de derivación soterrada inconclusa: un impresionante túnel feito na rocha a pico e barreno  de 0,75-1,25 m de ancho e 2-3 m de alto, do que aínda se conserva un treito de 147 metros (nunca se rematou, e a parte final del foi destruído polo recente ensanche da estrada PO-331). (10)

- Do edificio da central apenas se conservan os restos dalgúns elementos, altamente erosionados e cubertos pola vexetación. A ausencia de grandes pezas de entullo no entorno fan pensar que a ruína do edificio non foi por efectos naturais, senón dunha demolición programada. Non obstante, o restos permítennos aventurar unha hipótese das dimensións e características da central.

Os principais restos son un gran aterramento duns 18 x 9 metros sobre a beira do río (ao norte), e un potente desmonte duns 8x2,5 m na ladeira (ao sur) que compoñen unha parcela en forma de "∟" duns 180 m dividida en dous niveis.

O edificio (ou cando menos o seu volume principal) ocuparía o sector leste da parcela cunha dimensións máximas de 11,5 x 11 m, mentres que no extremo oeste habería unha gran eirado aberto ao camiño de acceso. Do volume principal consérvanse partes do muro oeste e sur (feitos de cachotería irregular formigonada); o gran muro sur, de 5 metros de ancho, remata nun pinche, do cal se intúe unha nave principal a dúas augas perpendicular ao río. A 6,6 metros baixo o pinche, entre os restos de dous machóns, atopamos un primeiro nivel, que conforma un cuarto de 5 x 2,5 m, elevado uns 1,4 m sobre o nivel principal (quizais a "oficina"). Neste nivel principal, ao leste desta hipotética nave, e onde atopamos unha peza de cantería con pernos sobre o estaría unha das turbinas, e uns 2 m ao norte, sobre a placa de formigón da canle de descarga, os restos moi deteriorados dunha boca de tubaxe férrica sobre a que estaría a segunda turbina; imaxinamos pois unha segunda nave (a "sala de maquinas") duns 3,2 m de ancho. Os restos do pavimento de lousa hidráulica decorada que se atopan no nivel principal da hipotética nave principal, continúa cara o oeste, máis aló do machón occidental, cabendo a posibilidade que deste lado occidental houbese outra nave de lonxitude menor (ou quizais un atrio, cuberto ou simple terraza) e duns 2 ou 3 metros de ancho. No extremo norte non se conservan ningún machón, piar ou muro de carga, co cal é imposible aventurar as lonxitudes destas supostas naves (sendo o máximo, a distancia entre o muro sur e o bordo do zócolo, 

O outro gran elemento conservado é o muro de contención do zócolo. Feito en cantería diversa (máis regular no sector leste que no oeste), ten unha altura duns 3 metros sobre a beira/leito do río, e ten 18 metros de longo no lado norte.

- A canle de descarga. Dentro do zócolo, entre muros de cantería regular, ábrese unha canle de 1,75 metros de ancho e 6,5 metros de fondo; sobre a que nos 2-3 primeiros metros quedan os restos dunha placa de formigón con vigas de aceiro.

Planos

Túnel canle de derivación
Alzado, planta e fotos da canle de derivación subterrránea. Feitas polo Clube Espeleolóxico Maúxo, en "As Covas de Vincios".
Ortofoto
Imaxe aérea, onde cunha "C" invertida marcamos a posición da presa. En trazo de liñas e punto, o posible primeiro treito da canle xa desaparecida baixo a estrada. En liña de puntos un probable treito final da canle e tubaxe de caida. Cunha "C" a ubicación da central. E con liña azul a ubicación da presa do rego actual. Foto do Plan Nacional de Fotografía Aérea do 2014; extraído de "Información Xeográfica de Galica".
Hipsométrico
Imaxe hipsométrica. coa mesma lenda que a ortofoto anterior. Foto do Plan Nacional de Fotografía Aérea do 2014; extraído de "Información Xeográfica de Galica".
Mostrar mais

Estado de

conservación

Estado xeral: malo. 

Na valoración da conservación do salto do Pego Negro temos que contrapesar o diverso estado dos seus diferentes elementos.

Así, a represa presenta un estado que se pode cualificar de "bo" (estruturalmente perfecta, apenas está cuberta de verdello e unicamente falla a comporta). Mentres a central apenas pode ser cualificada como "ruina" ou "vestixio". Pola súa banda, a toma, a canle de derivación, e a cámara de carga están desaparecidas e/ou destruídas; en troques, existe outra canle de derivación inconcluso (un impresionante túnel, de factura case "eterna", "monumental") que tamén debe suma na valoración do conxunto.

Así pois, cualificamos como "malo" o estado do conxunto, e recomendamos a limpeza do verdello e vexetación que fagan presión na represa e restos da central, así como a procura dos vestixios da canle derivación e cámara de carga.  

(avaliado en verán de 2019)

Presa captación
Vista do lado inferior da presa do Pego Negro, co caudal do río Vilaza pasando pola comporta. Foto Uxío Reinoso, primavera 2019.
Panorámica presa
Panorámica do lado superior da presa do Pego Negro. Foto Uxío Reinoso, primavera 2019.
Talude presa
Vista dende o extremo norte do muro da presa. Apreciese a composición da cantería. Foto Uxío Reinoso, primavera 2019.
Detalle comporta
Detalle da apertura da comporta da presa de captación, onde ainda se aprecian a antigas guias da mesma. Foto Uxío Reinoso, primavera 2019.
Ruína central
Ruína do antigo edificio da central, e á esquerda a caseta da toma de rego moderna. Foto Uxío Reinoso, inverno 2019.
Zócolo central
Vista do zócolo do aterramento da central, a esquerda a entrada á canle de descarga. Foto Uxío Reinoso, verán 2019.
mostrar máis

Cívica

Visitable

Accesible

Uso actual

Baldío (presa antiga) e toma de rego (lugar central)

O edificio da central e o lugar da presa están en monte de propiedade particular con servidume de paso fluvial.

Propiedade

Proteccion histórico-cultural

Ningunha

Afectación 

urbanística

- O PXOM de Gondomar do ano 1997, foi anulado por sentenza firme do TSXG de 15/11/2001. Gondormar actualmente ríxese pola Norma Subsidiaria de Planeamento da Provincia e as normas de Delimitación de Solo Urbano, do 1974, o PERI, do 1975, e outros de recoñecemento de Núcleos Rurais; ningunha afecta aos lugares do Salto do Pego Negro.

Proxectos de reutilización

Non se coñecen

Coñecer máis 

* Centrais hidroeléctricas:

- Salto de Aranza (Ponte Caldelas)

- Salto do Inferno (Soutomaior)

- Salto da Freixa (Ponte Caldelas)

* Abastecemento de Auga de Vigo:

- Encoro de Zamáns (Vigo)

- Presa e levada da Pasaxe (Vincios)

- Depósito do Castro (Vigo)

Patrimonio

relacionado

- Entrevista as veciñas Casimiro Rodriguez Carreras, Modesta Pérez Vilaboa e Amable Pérez Quintas, sobre os seus recordos sobre o túnel da canle de derivación; recollido por OTERO, TEREIXA e RODRÍGUEZ, AFONSO no libro As covas de Vincios ©. 10

Testemuñas

Bibliografía

e notas

* NADAL, JORDI e CARMONA BADÍA, XOÁN. El empeño industrial de Galicia; 250 anos de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. 2005. 1

* CARMONA BADÍA, XOÁN e PENA ESPINHA, JESÚS. "As origens do sector eléctrico na Galiza, 1888-1936", na revista Agália, nº extraordinario 1985. A Coruña: Asociación Galega da Lingua. 1985. 2

* CARMONA BADIA, XOÁN. La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955). Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. 2016. 3

* ABREU SERNÁNDEZ, L. FERNANDA. Iniciativas Empresariales en Vigo entre 1866 y 1940. Vigo: Servizo de publicacións da Universidade de Vigo. 2002. 4

* SOTELO, RAÚL. "Laureano Salgado", en Empresarios de Galicia, volume II (coord. Carmona Badía, Xoán). A Coruña: CIEF. 2009. 5

* Expediente 206/18 "Sobre el peralte de la presa de Pegonegro y embalse de sus aguas", no Arquivo Municipal de Gondomar. 6

* "Presa de Vincios o de A Garrida (Antiguo embalse)", na páxina www.galiciamaxica.eu. Consultado o 5-06-2019.

* Expediente 206/20 "Utilización de la presa de Pegonegro para embalse de aguas y su destino a fertilizar tierras", no Arquivo Municipal de Gondomar. 8

* CARMONA BADIA, XOÁN. "Una pequeña empresa se hace grande, la Sociedad General Gallega de Electricidad y los orígenes de FENOSA", en Revista de Historia Industrial, nº 58. 2015. 9

* GARCÍA GARCÍA, MIGUEL e COSTAS GOBERNA, JOSÉ BERNARDINO. "Cavidades artificiais", en As Covas de Vincios (VV. AA.). Vigo: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios. 2005. 10 

* SOLIÑO TRONCOSO, MANUEL et alii. Gondomar: historia, arte e territorio. Vigo: Ir Indo Edicións. 1995. 

Video de MANUEL "CALAVERA". , consultado o 9-06-2019.

* GIRÁLDEZ LOMBA, ANTONIO. Recordando los tranvías de Vigo. Vigo: Editorial da Deputación de Pontevedra. 2005 .

* BURÉS MIGUÉNS, Mª TERESA. "Pedro Barrié de la Maza", en Empresarios de Galicia, (coord. Carmona Badía, Xoán). A Coruña: CIEF. 2006.

- Ao Instituto de Estudos Miñoráns polas informacións e documentación aportadas á elaboración desta ficha. 

- Ao Clube Espeleolóxico Mauxo pola documentación cedida para esta ficha. 

Agradecementos