Ficha 007

SALTO DE ARANZA

Tipo

Hidroeléctrica

Sector

Enerxía

Uso actual

Baldío

Concello

Ponte Caldelas

Parroquia

A Insua

Lugar

Moledo

Enderezo

Non procede

Coord.

N 42º20'32'' O 8º32'14'' GPS: 42.3424, -8.5374

A central, circa 1922.
A central, circa 1922.

Fotografía extraída de "Catálogo de Vigo: Vigo a través de un siglo", publicado en 1922-23.

press to zoom
Central aspecto actual.
Central aspecto actual.

Estado actual da pequena central, extremo sur-occidental. Foto Uxío Reinoso Maset. Data: xaneiro 2018.

press to zoom
Canle de derivación.
Canle de derivación.

Vista dende o treito final da canle de derivación. Foto Uxío Reinoso Maset. Data: abril 2018

press to zoom

Historia

Fundación

1901

Feche

1964 ?

Fundador

Electra Pop. de Redondela

Reseña-

Antecedentes do Salto de Aranza.

A orixe da central hidroeléctrica de Aranza enmárcase no inicio da segunda fase da electrificación de Galicia, momento no que, despois dunha tímida fase pioneira, por todo o territorio galego proliferan os "saltos de auga", tanto para substituír a iluminación por gas ou complementar as térmicas nos servizos urbanos xa instalados (Pontevedra 1888, Vigo 1896,...), así como para novas instalacións urbanas (Lugo 1894, Ponteareas 1895,...) e novas industrias de gran consumo enerxético (Xubia 1892, Segade-Caldas de Reis 1899, Ézaro 1903,...) *1

O 17 de Abril do 1901, o empresario hostaleiro arousán Daniel Poyán e o procurador José Ramón Lorenzo obteñen concesión para aproveitar un caudal de 3.500 l/s do río Oitavén, no lugar dos Incios, entre as aldeas de Aranza de Soutomaior, e Moledo de Ponte Caldelas, para producir electricidade para a fabricación "de produtos químicos metalúrxicos e pastas de papel". Estes mesmos empresarios, no ano 1899, xa obtiveran concesión de igual caudal no río Verdugo, no lugar de Monte Castelo, para xerar electricidade para unha fábrica que se erixiría na Veiguiña Longa (Soutomaior). Xa antes de obter a concesión do Salto de Aranza, en marzo de 1901, José Ramón Lorenzo adxudicárase en poxa a iluminación pública de Redondela *2.

A fundación da Electra Popular de Vigo e Redondela.

Para levar a cabo esta explotación, no mesmo mes de abril do ano 1901, fúndase a "Electra Popular de Redondela S.A.", con sede en Vilagarcía de Arousa e un capital social de 110.000 pesetas *3. Amais dos mesmos Daniel Poyán e José Ramón Lorenzo, conformaron esta sociedade, o enxeñeiro Tulio Domenech (que traballaba habitualmente para Laureano Salgado), o comerciante Dámaso Parrado e o empregado Ventura Vilas *4.O deseño da pequena central hidroeléctrica foi do mesmo Tulio Domenech. Semella que a entrada en servizo da central e da iluminación pública en Redondela deuse en novembro de 1901. 

Eran estes anos de efervescencia no sector eléctrico galego. Cando xa se iniciara a actividade da EPR, Laureano Salgado (da "Sociedad General Gallega de Electricidad")xunto con outros empresarios do sector como Ramón Laforet (da "Sociedad Eléctrica Gallega Laforet") e o propio José Ramón Lorenzo (accionista da EPR e tamén da SGGE), promoven a creación dunha nova empresa eléctrica para abastecer á comarca viguesa mediante o Salto de Aranza e o proxectado no Inferno (no Verdugo, denunciado en 1900 por Laureano Salgado) *5.

A daquela xa evidente incapacidade de "La Lionesa" (adxudicataria da iluminación pública de Vigo dende 1883) para subministrar electricidade á crecente poboación e industria de Vigo, xunto co horizonte (que daquela semellaba inmediato) do tranvía eléctrico, fan que axiña se involucren nesta nova empresa o accionariado da EPR, capitalistas locais como Jenaro de la Fuente, e casas de banca galegas como as de "Riestra & Cía.", "Hijos de Olimpio Pérez"  e "Simeón García". 

A "Electra Popular de Vigo y Redondela S.A." é inscrita en 1903 no Rexistro Mercantil cun capital social de 2.000.000 de ptas.; figurando como a súa sede Caldas de Reis e o seu presidente Laureano Salgado *3

En realidade a empresa xa exista de facto antes de escriturarse: a liña de alta tensión ata Vigo xa fora tendida no verán do 1902; e en outubro do 1902 o mesmo Laureano Salgado xa tiña pedido autorización para estender unha liña telefónica entre Aranza, Redondela e Vigo. En 1903 a EPVR inicia o subministro en Vigo e Lavadores. En xullo do 1906 é inaugurado o Salto do Inferno (proxectado polo mesmo Tulio Domenech). Dende 1914, o subministro dos tranvías eléctricos de Vigo converten a EPVR nunha das empresas máis rendíbeis e potentes do sector eléctrico galego.

A absorción da EPVR e o fin do Salto de Aranza.

Despois desta fase de efervescencia, na que abundan iniciativas de pequena e mediana escala, iníciase un proceso de concentración empresarial a nivel galego. En 1917 a EPVR  absorbe a sección viguesa de "La lionesa", atinxindo así o monopolio en Vigo. No 1923 fusiónanse a SGGE, a EPVR e a "Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago": esta nova sociedade (que mantén o nome da SGGE) axiña vai integrando outras empresas como a "Cooperativa Santiaguesa", en 1926; a "Hulla Blanca" (O Morrazo), en 1929; a "Eléctrica de Ourense", en 1930;... *6.

Trala guerra civil, no 1943, a SGGE é refundada e ampliada baixo o nome de "Fuerzas Eléctricas do Noroeste S.A.". De seguido, a FENOSA constrúe unha nova xeración de centrais (encoros no Miño e Sil principalmente) e conecta o sistema eléctrico galego á rede española, iniciando a fase "exportadora" da electricidade galega *7.

Nesta xeira, o pequeno e primitivo Salto de Aranza perdera calquera importancia, incluso para o subministro local. En xuño do 1966, no marco do novo encoro de Eiras, o Concello de Vigo adquire á empresa "Ceni S.L." a "concesión do Salto de Aranza", para así liberar "3.225 l/s"  e destinalos ao subministro de auga potable.

Descoñecemos cando foi o fin da vida produtiva do Salto de Aranza, quizais produciuse nestas última datas serodias, en relación a captación de auga potable para Vigo, ou se, coma moitas outras centrais da súa xeración, o Salto de Aranza xa fora desmantelado anteriormente, durante o proceso de concentración e renovación afrontada pola SGGE a partir de 1923. 

Vista da central, ano 1904.
Vista da central, ano 1904.

Foto da reportaxe sobre o salto de Aranza no "Vida Gallega" do 14-02-1904.

press to zoom
Vista da central, ca. 1922.
Vista da central, ca. 1922.

Foto do anuncio da constructora "Granja, Lago & Cía." no "Catálogo de Vigo". Nótese a caída da auga que reborda a canle, o poste do tendido eléctrico asi como a pontella de madeira que cruza o Oitavén.

press to zoom
Anuncio de "Granja, Lago & Cía"
Anuncio de "Granja, Lago & Cía"

Anuncio no "Catálogo de Vigo" editado por PPKO en 1922-1923. Do que se infire que "Granja, Lago & Cía" foron os constructores do salto.

press to zoom

Procesos

e

produtos

Inicialmente, a distribución da electricidade xerada nos Salto de Aranza foi dirixida a iluminación pública de Redondela, onde é de supor que axiña "engancharía" a algúns clientes particulares. 

Segundo noticia de prensa do ano 1904, a central de Aranza daquela xa "ilumina a Redondela e parte de Vigo", e contaba con "dúas dínamos que traballan a 125 e 165 voltios por 208 e 350 amperios respectivamente"; ou sexa, apenas produciría 83,75 kW, moi lonxe dos entre 435 e 620 kw da súa capacidade teórica.*

Cando en 1903 a EPVR comeza a ofrecer o seu subministro no centro de Vigo e Guixar (daquela pertencente ao Concello de Lavadores) terá que competir coa forte posición de "La Lionesa" (a "Sociedad de Alumbrado, Gas y Calefacción de La Coruña y Vigo", con sede na cidade francesa), que amais de telo contrato da iluminación pública (a gas dende 1883, e de electricidade dende 1896; mediante unha central térmica de gas que xeraba uns 80 kw) xa tiña unha boa carteira de clientes particulares de gas e electricidade, nomeadamente a industria conserveira. Pola súa banda a EPVR, contaba con maior potencia e economía do Salto de Aranza, e aínda que en 1905 "La Lionesa" pon servizo a central de Dorna (no Lérez, de 540 kw) para poder ampliar os seus clientes en Vigo, axiña, en 1906, a EPVR chega aos 1210kw coa entrada en funcionamento do Salto do Inferno. En 1907 ambas compañías chegan a un acordo para repartirse os mercados. Finalmente, en 1917 a EPVR adquire a "La Lionesa".

Pola súa banda a EPVR realizou un gran esforzo inversor en estendela rede a novos barrios e localidades da súa área (Soutomaior, Redondela, Vigo e Lavadores) e atopar grandes clientes entre o resto de industrias que non fose conserveiras, entre os que destaca o sector naval (Barreras de Coia 1917). Na extensión da rede destaca a tendido da liña de alta tensión ata Porriño en decembro do 1908. vila da que tamén terá a adxudicación da iluminación pública.

De todos xeitos, a partir de 1914, o maior e mellor cliente da EPVR será a compañía de "Tranvías Eléctricos de Vigo" (para a cal foi preciso instalar unha central térmica de reserva en García Barbón), co cal se asinou un convenio de subministro eléctrico cunha tensión de 15.000 voltios e un prezo de 0,0812 ptas./kwh (fronte ás 0,75 ptas./kWh de media dos servizos domésticos).  En 1918 súmase ao negocio da EPVR o subministro do "Tranvía de Mondaríz a Vigo" *7 e 8.

As continuas ampliacións de liñas e servizos dos tranvías, xunto co do resto da cidade, axiña fixeron insuficiente a potencia da que dispuña a EPVR. En 1920 a EPVR xa era a maior compañía eléctrica galega por facturación e número de abonados: 8.618 abonados para iluminación e 353 de forza (tranvía e industrias).

En 1927, coa entrada en funcionamento da central do Tambre (de 10.800 kW) e a construción dunha liña de 66.000 voltios dende a central noiesa ata Vigo, a produción do Salto de Aranza pasaría as ser moi residual no consumo eléctrico da antiga área da EPVR. No ano 1948 a entrada en funcionamento do encoro de As Conchas, no Limia, de 29.000 kW e unha liña de 132.000 voltios, abastará por fin a demanda da comarca viguesa *7.

* Cálculo de elaboración propia en base a un desnivel de 20 metros e os valores extremos de perdas. KW = densidade (1 kg/m3) x 9,81 x rendemento turbina (entre 0,75 e 0.94) x rendimento xerador (0.92/0.97) x rendemento acoplamento turbina-alternador (0.92/0.99) x caudal (3,5 m3/s) x desnivel (20 m).

Maquinaria conservada

Non se coñece.

Materalia

Non se coñecen

Arquitectura

Superficie parcela

Non procede

78 m2 (central)

Sup. ocupación

Edificio central.
Edificio central.

Fachada sur do edificio da central vista dende a beira do río. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018.

press to zoom
Galería sur.
Galería sur.

Fachada sur vista dende o interior, a porta e alongadas fiestras converten prácticamente esta fachada nunha galería ao río Oitavén. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018.

press to zoom
Entrada.
Entrada.

Entrada principal na fachada oeste. Apréciense as ancoraxes do tendido eléctrico arredor do óculo. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018.

press to zoom
Interior.
Interior.

Vista interior do edificio da central, mirando ao norleste. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018.

press to zoom
Ancoraxes.
Ancoraxes.

Detalle das ancoraxes para o tendido eléctrico. Foto Uxío Reinoso. Abril de 2018.

press to zoom
Fachada leste.
Fachada leste.

Fachada leste, parcialmente soterrada baixo a ladeira. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018.

press to zoom

Descritiva

O Salto de Aranza é un tipo de central de "auga fluínte" (comunmente chamados "saltos"). Atópase no treito final da Fraga do Oitavén (un canón de case 200 m de fondo). Entre a poza da Retorta, onde se fai a toma, e o edificio da central, en Moledo, hai uns 20 metros de desnivel, e uns 700 m de curso do río. Todas as instalacións atópanse na beira norte, no parroquia pontecaldense da Insua. 

- A represa fíxose aproveitando unha poza natural que se da ao pé do monte da Retorta, xusto antes dunha fervenza de varios metros de alto. A obra da represa debeu ser de moi pequena entidade. Hoxe en día apenas se aprecian algunhas pedras cementadas, algún que outro furado e unha viga de ferro deitada no leito do río. Neste mesmo lugar, pero da beira sur, hai unha levada e un muíño tradicional.

- A toma da auga está localizada a uns 20 m ao leste da actual caída da fervenza, ao pé mesmo da parede do canón. Consiste nunha porta duns 2,2 m de alto e 0,80 m de anchura, aberta entre dous xambas feitas en perpiaños de granito asentados nas rochas do lugar. En tempos, a comporta estaría colocada dentro dunha laña duns 6 cm que aínda hoxe percorre a face interior das xambas e o chan.

- A canle de derivación transcorre pola abrupta ladeira do canón ao longo duns 700 m. Aínda non nos foi posible inspeccionar todo o percurso directamente; segundo semella na imaxe hipsométrica, o treito central da canle esta profundamente metida na ladeira, adaptándose aos entrantes e saíntes da paraxe. No treito inicial, na poza da Retorta, a canle está maiormente labrada na pedra, incluso chegando a converterse nun túnel que atravesa a rocha. No treito final, amais de desmontes e labrados na rocha, a canle esta feita de cantería diversa: o muro de contención da ladeira esta feito de cachotería, mentres que no lado do cantil, o muro (de 50 cm de ancho) está feito de bloques irregulares. En moitos puntos, o muro exterior da canle apóiase en taludes de varios metros e con contrafortes. Xusto antes de chegar a cámara de carga hai un aliviadoiro de 75 cm cunha laña de 6 cm para a comporta; neste punto a canle ten un ancho de 1,5 m e uns 0,75 de fondo.

- A cámara de carga esta feita de perpiaños de granito, mide 2x2 m de planta por 1,3 m de fondo. No interior aínda se aprecian restos do revestimento de cemento, e semella que en tempos tivo unha tapadeira metálica. A cara exterior, a que da ao cantil, é un talude de contención duns 60º de inclinación, no que hai dous ocos de forma de trapecio invertido polo que en tempos sairían dúas tubaxes. A primeira boca da tubaxe xa debeu ser cegada con cachotería durante a vida da central, mentres que na segunda si que se aprecia a sección cilíndrica, duns 80 cm, e traxectoria oblicua. 

- Da tubaxe apenas quedan vestixios, tan só nalgúns puntos aprécianse ferro oxidado adherido ao cemento e o percurso de dúas gabias que baixan ata a central. 

- O edificio da central localízase xusto nos lindeiros dos campos da aldea de Moledo e o monte comunal de Regodobargo. O pequeno edificio, dunha planta duns 13x6 metros, e desenrolo L-O (paralelo ao río), atópase encaixado entre a abrupta ladeira e os penedos do río. Sobre un zócolo feito de perpiaños e cachotes irregulares, levántase airosamente o edificio feito enteiramente en cantería de granito.

Os muros menores do edificio da central están feitos con perpiaños de tamaño variable (de 25 cm de espesor) asentados en seco. O muro oeste ten tres van: unha ampla porta de 3,5x1,5 m, unha pequena fiestra de 1x1,5 m ao lado esquerdo, e un óculo dun 1 m no centro do pinche. O muro leste conta con dúas fiestras de 1x1,5 m.

O muro do lado sur conta cunha porta (de 1 x 3 m) e cinco alongadas fiestras (de 1 x 2,3 m) abertas entre estreitos piares de perpiaños (de 60x55 cm); estes seis vans de 1 metro de anchura, separados por estreitos piares, compoñen  unha fermosa "galería pétrea" que mira o sol e ao curso do río.

En tempos, o acceso á porta desta fachada facíase mediante un corredor exterior, xa desaparecido, feito probablemente en ferro e placa de formigón (apréciase dúas liñas de furados no zócolo e a imposta).

Por último, o muro norte, feito en cantería grosa e irregular, é de contención da ladeira. Cego por completo, a única abertura é entrada da tubaxe forzada, de traxectoria oblicua e diámetro duns 80 cm.

O interior do edificio da central é totalmente diáfano. Nas paredes aprécianse gran número de buracos e ancoraxes para os equipos electromecánicos tempo atrás retirados. No chan, entre o actual solo vexetal, sobresaen tres senlleiras pezas de cantería: no extremo oeste, ao pé da entrada da segunda tubaxe, sobresae a boca de descarga; enfronte apréciase unha gran laxe (de 2,2 x 1,4 m), con pernos metálicos, que debeu servir de base a turbina-xerador; no lado oposto, enfronte a entrada da primeira tubaxe (a cegada) sobresae outra peza (de 1,7 x 1,2 m), na que se fixo un baleirado semiesférico no que se afondaron outras formas de encaixe.

Apenas quedan indicios da cuberta a dous augas, que probablemente fose de estrutura de madeira e tella plana (polo chan atopamos restos de tella plana marca "La Caeyra-Pontevedra")

- A canle de descarga, está situada no centro da fachada sur e é mínima, xa que a central apenas dista uns 3-4 metros do río.

Planos

Ortofoto.
Ortofoto.

Imaxe aérea, onde marcamos a posición da toma (A), o percurso da canle de derivación e a localización da central (C). Foto do Plan Nacional de Fotografía Aérea do 2014; extraído de "Información Xeográfica de Galica".

press to zoom
Hipsométrico.
Hipsométrico.

Imaxe hipsométrica sombreada, na que marcamos a posición da toma (A) e a central (C); apréciase o desmonte continuo da canle de derivación entre ambos puntos. Imaxe extraída de "Información Xeográfica de Galicia".

press to zoom

Estado de

conservación

Estado xeral: moi malo.  

O Salto de Aranza leva décadas abandonado.Únicamente, nos últimos anos, tense feito algunha que outra limpeza da vexetación da contorna e os muros da central lindeiros ao sendeiro fluvial empregado por bañistas e pescadores.

Non obstante o abandono, a calidade da cantería das estruturas principais (edificio da central, cámara de carga, canle de derivación e toma) mantén solidamente en pé muros, piares e dinteis. Apenas cabe sinalar algúns desprazamentos de perpiaños menores e a caída dalgúns cachotes nos muros de contención da canle de derivación.

Por outra banda, décadas de intemperie nun ambiente moi húmido, e os frecuentes incendios, reduciron á nada outros elementos accesorios feitos en ferro (comportas, tubaxes,..), formigón armado (corredor exterior, celosías das fiestras,...) ou madeira (cuberta, pontella,...), sendo unicamente recoñecibles os ocos que deixaron estes elementos nas pedras.

En resumo, hai moitos elementos accesorios desaparecidos ou deteriorados, pero apenas hai derrubes e a maioría das estruturas consérvanse con bo nivel de solidez; polo tanto non cabe falar de ruína total e si é posible pensar en intervencións de restauración e rehabilitación.

(avaliado en primavera de 2018)

Cívica

Visitable

Accesible

Uso actual

Baldío, a zona é de baño e pesca.

- O edificio da central está repartido entre unha veiga particular de Moledo e o Monte Veciñal en Man Común de Rego do Vargo, nunha zona de servidume de paso fluvial. 

-A canle de derivación está no MVMC de Rego do Vargo. Ao igual que a toma, que tamén ten servidume de paso.

- A concesión do aproveitamento hidroeléctrico, chamada "dos Incios", expirou por caducidade o 4 de maio 2001. 

Propiedade

Protección histórico-cultural

Ningunha

Afectación 

urbanística

- O Concello de Ponte Caldelas non ten ainda Plan Xeral de Ordenación Municipal, ríxese pola Norma Subsidiaria de Planeamento, aprobada en 1993.

- Todas instalacións do Salto de Aranza están en "solo non urbanizable; sen especial protección".

Proxectos de reutilización

Non se coñecen

Coñecer máis 

* Centrais hidroeléctricas:

- Salto do Inferno (Soutomaior)

- Salto da Freixa (Pontecaldelas)

- Salto do Pego Negro (Gondomar)

* Estación eléctrica do Troncal (Vigo)

Patrimonio

relacionado

Non se coñecen

Testemuñas

Bibliografía

*1: NADAL, JORDI e CARMONA BADÍA, XOÁN. El empeño industrial de Galicia; 250 anos de historia, 1750-2000. Ed: Fundación Pedro Barrié de la Maza. 2005.

*2: MIGUELES, JUAN. . "As antigas empresas". Na páxina web Anecdotario Redondelán. Consultado o 25-04-2018.

*3: ABREU SERNÁNDEZ, L. FERNANDA. Iniciativas Empresariales en Vigo entre 1866 y 1940. Ed: Servizo de publicacións da Universidade de Vigo. 2002. 

*4: CARMONA BADIA, XOÁN. La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955). Ed: Fundación Gas Natural Fenosa. 2016.

*5: SOTELO, RAÚL. "Laureano Salgado", en Empresarios de Galicia, volume II (coord. Carmona Badía, Xoán). Ed: CIEF. 2009. 

*6: BURÉS MIGUÉNS, Mª TERESA. "Pedro Barrié de la Maza", en Empresarios de Galicia, (coord. Carmona Badía, Xoán). Ed: CIEF. 2006.

*7: CARMONA BADIA, XOÁN. "Una pequeña empresa se hace grande, la Sociedad General Gallega de Electricidad y los orígenes de FENOSA", en Revista de Historia Industrial, nº 58. 2015. 

*8: GIRÁLDEZ LOMBA, ANTONIO. Recordando los tranvías de Vigo. Editorial da Deputación de Pontevedra. 2005 . 

Última actualización da ficha: 05-VIII-2021.