Ficha 010

CETARIA VELLA

Tipo

Cetaria de langosta

Sector

Pesca

Uso actual

Talaso

Concello

Baiona

Parroquia

Baiona

Lugar

Monte Real

Enderezo

Av. Jesús Valverde

Coord.

N 42º07'31'' O 8º50'48'' GPS: 42.1254, -8.8468

Reconstrución, c. 1954
Reconstrución, c. 1954

Reconstrución da "cetarea vella" feita por Serapio Puerta, arredor de 1954. Foto da familia Puerta Romalde.

press to zoom
Dende o interior, ano 2013
Dende o interior, ano 2013

Dende o interior do murallóns da cetaria, cara o norte. Foto do Concello de Baiona, do 2013 probablemente,

press to zoom
Reutilizado como talaso, ano 2014
Reutilizado como talaso, ano 2014

Aspecto da cetaria e o seu entorno tralas intervención do 2014 para convertilo nun piscina-balneario mariño. Foto do Concello de Baiona.

press to zoom

Historia

Fundación

1915 ?

Feche

Década de 1960

Fundador

Enrique Pascual y del Río

Voda do fillo de Enrique Pascual, 1929.
Voda do fillo de Enrique Pascual, 1929.

Voda do fillo de Enrique Pascual con Mª Mercedes del Río, celebrada o 14-05-1929. Á dereita, tapándose a cara, o pai e padriño. O fillo, foi un destacado dirixente falanxista a nivel provincial. Foto de Pacheco en "Vida Gallega" do 15-05-1929.

press to zoom
Aérea 1956.
Aérea 1956.

Vista aérea do "voo americano" de 1956. Nótese que ao norte da "cetaria vella", semella haber outra de menores dimensións.

press to zoom
Aérea, 1970.
Aérea, 1970.

Foto de agosto do ano 1970. Fondo de "Fotografía aérea y terrestre SL", do Arquivo de Galicia.

press to zoom
Aérea, 1970.
Aérea, 1970.

Detalle dunha foto aérea de agosto do 1970; apréciese a cuberta de madeira. Fondo de "Fotografía aérea y terrestre SL", do Arquivo de Galicia.

press to zoom
Aérea, ca. 1980.
Aérea, ca. 1980.

Foto aérea do "voo inerministerial 1973-86".

press to zoom
Vista aérea, entre 1989-91.
Vista aérea, entre 1989-91.

Ortofoto aérea, do "voo de costas" de entre 1989 e 1991.

press to zoom

Reseña

As orixes da pesca industrial de langosta en Baiona.

ende finais do século XIX, a captura e comercialización de langostas e lumbrigantes converteuse nunha das máis puxantes e lucrativas actividades pesqueiras de Europa e Norte América. Se ben, xa de sempre, estes grandes crustáceos (ao igual ca ostra), eran prezado "prato de bispo"; o crecemento económico e os avances no transporte da revolución industrial, ampliaron o espectro social e número de fogares e restaurantes (incluso a moitos quilómetros no interior) que podían dispoñer de "langosta viva".

Semella que os primeiros en practicala pesca industrial da langosta en Galicia foron os franceses. Que tras esquilmar os fondos rochosos das augas internacionais do Golfo de Biscaia e Mar Cantábrico, na década de 1880 chegan as costas atlánticas galegas. Así o conta o Petit Journal de París no 1886: "A langosta diminuíu en Fisterra e o Norte de España,... Este ano, unha verdadeira frota de pescadores franceses e españois dirixíronse cara a baía de Vigo...É tal a súa abundancia alí, que se colleron en menos de catro meses, soamente para os portos de desembarco e para os mercados franceses, máis de 34.000 langostas. Crese, segundo datos oficiais, que a cifra ascenderá a 100.000 ao fin da tempada (...) A pesca fíxose dende Corcubión ata a fronteira de Portugal; pero o centro máis importante de operacións é Baiona".

Quizais a razón pola cal Baiona converteuse no centro de operacións da pesca da langosta galega sexa a súa situación estratéxica, preto dos caladoiros, así como da infraestrutura portuaria e nodo de transporte terrestre da cidade de Vigo que permitía a súa pronta e doada exportación. Tampouco debe desconsiderarse a importancia do consumo local; en Baiona, Nigrán e Gondomar abundaban os pazos e nesto tempo estaban a aparecer novos tipos de residencias vacacionais e negocios de hostelería para as elites galegas e doutras partes de España.

Sexa como for, nestas datas en Baiona comezan a especializarse tratantes de langosta *2, multiplícanse as descargas destes crustáceos e documentamos a fundación dos primeiro viveiros ou cetarias; algunhas veces un tanto improvisadas, como a "balsa da compañía explotadora dos tesouros de Rande" que se converteu en viveiro flotante en 1886. Tamén eran "viveiros flotantes" os tres que en 1889 obteñen licenza do Concello de Baiona. A máis antiga cetaria de terra do Concello de Baiona semella que é a "cetaria vella", que obtivo licenza en 1911 a nome do veciño de Vigo, Enrique Pascual y del Río.

Enrique Pascual del Río, e o probable período fundacional da "cetarea vella" do Monte Real.

Enrique Pascual del Río (casado con Concepción Souto Cuero, en 1897, en Baiona), foi un avogado e político conservador que tivo un importantísimo papel no desenvolvemento dalgunhas das máis importantes empresas viguesas de comezos do século XX. Tamén tivo certa importacia na política local; chegou a ser concelleiro de Vigo, comisario de obras e "festexos e cultos", e vocal municipal na Caixa de Aforros. No eido empresarial, foi membro  fundador do Consello de Administración Banco de Vigo; banco do cal foi por un tempo presidente (en 1903, primeiro da man de Emilio Montenegro e José Curbera, e despois en solitario), e despois vicepresidente (en 1905). Dende esta posición tamén ocupou postos de responsabilidade nas fundacións empresariais do banco vigués, como a xerencia da "S.A. para o Abastecemento de Aguas a Vigo" (no 1905), e a presidencia da compañía viguesa de seguros "La Alborada". *3

Resulta difícil saber por que, e como, chegou Enrique Pascual a introducirse no negocio da langosta. O caso é que  en novembro do 1911 solicita na Comandancia de Mariña de Vigo que "se lle conceda unha porción de costa consistente nun rectángulo de 30 metros de longo por 10 de ancho na praia de Monte Real y parte Este, no distrito de Baiona, co fin de construír unha cetaria". Non temos noticia de que Enrique Pascual tivese algunha outra empresa ou relación estreita co mundo do mar e a pesca, Se acaso, cabe pensar que Enrique Pascual, (un home cunha intensísima vida social, obras de caridade, teatro, deportes,... e sobre todo, vodas), se introducise no negocio da langosta en base a súa experiencia organizando e participando en veladas e banquetes da alta sociedade viguesa (nomeadamente, os que se celebraban no seu domicilio, as "Torres de Penedo"; actual colexio Labor, na rúa Camelias), e que quizais decidise poder ofrecer aos seus socios, clientes, compañeiros de partido e amigos, langostas e lumbrigantes da súa propia "colleita".

Sexa como for, si que semella que esta cetaria foi unha actividade secundaría para el, xa que a pesar de que debía contar con grandes influencias, capacidade organizativa e recursos financeiros, a construción da cetaria de Monte Real demorouse cando menos catro anos, xa que en maio do 1915 a Administración ten que concederlle "un novo prazo improrrogable de cinco meses, para a terminación dos traballos de dita cetaria".

Descoñecemos que aconteceu despois de 1915. No sabemos se efectivamente a cetaria rematouse e chegou a funcionar; e en caso de que así fora, se foi Enrique Pascual o que iniciou a explotación, cal foi a evolución empresarial, e canto durou a súa actividade nese primer momento.

Pola súa banda, semella que a fortuna de Enrique Pascual correu paralela ao do Banco de Vigo, que quebrou en 1925.  En 1933 Enrique Pascual perde o seu preito contra a Comisión Xestora do Banco de Vigo pola liquidación do mesmo; e en setembro dese mesmo ano, o xulgado de Vigo executa o embargo da casa e finca das "Torres de Penedo" a favor da Caixa de Aforros de Vigo, por causa de un empréstito hipotecario de 350.000 ptas. concedido en 1930.

A familia Puerta-Romualde e a segunda época da cetaria vella.

Segundo a memoria de Mª Teresa Puerta Romalde (filla de Serapio Puerta) *1, a súa familia obtivo a concesión desta cetaria (que eles chamaron "a de madeira", polo material da cuberta) arredor do ano 1954, entre tanto non remataban as obras e posta en funcionamento da nova que estaban a construír na Punta do Boi (para eles "a de pedra", coñecida comunmente como "a de Serapio"). Lembra tamén que nesas datas a "cetaria vella" levaba longo tempo abandonada, e que incluso cre que é posible que aquela estrutura tivera en orixe unha función distinta á de cetaria. En calquera caso, para eles foi preciso unha reconstrución fonda e dotala dunha cuberta de madeira para poder conservala mercancía correctamente. 

A familia Puerta-Romalde mantivo a explotación da "cetaria vella" ata os primeiros anos da década 1960, momento en que deciden prescindir dela xa que as repetidas destrucións da cuberta de madeira pola accións dos temporais fixo preferible concentrala explotación na nova, "a de pedra", e ademais coincidiu cunha etapa complicada para a familia pola enfermidade de Parkinson que comezou a padecer o pai, Serapio.

Dende entón a "cetaria vella" permaneceu en inactividade, ata que a comezos do ano 2013, o Concello de Baiona, inicia o proxecto "Poseidón" para converter, mediante unha fonda intervención arquitectónica, a antiga cetaria nun "talaso-spa". Nunha primeira fase, no ano 2014 a antiga cetaria é inaugurada cos usos de solarium e piscina de baño *4. Nunha segunda fase, acometida entre 2016-18, fanse algunhas remodelacións para completar o uso balneario con equipamento de chorros de auga e introducións dos tratamentos de pel con algas *5.

Nota: a outra "cetaria vella" do Monte Real.

Como dixemos, Mª Teresa Romalde dubida que antes da reconstrución feita pola súa familia cara 1954 esta estrutura fose unha cetaria de langosta. Para máis desconcerto sobre a orixe remota desta "cetaria vella", a 30 metros cara o noroeste atópanse os restos doutra estrutura semellante. Actualmente conservase un muro duns 15 metros de longo , pero tanto na foto do "voo americano de 1956" como na de 1970 de Fotografía Aérea y Terrestre S.L., apréciase neste lugar unha estutura completa de cetaria rectanguloide, moi semellante a empregada pola familia Puerta-Romalde, pero de menores dimensións.

En ningún dos casos, a lonxitude máxima das estruturas conservadas correspóndese coa proxectada en 1911 pola iniciativa de Enrique Pascual del Río (proxetáronse 30 m de longo, fronte aos 39 que ten a "cetaria vella" da familia Puerta-Romalde , e os arredor de 15 dos restos desta outra ao NO). Non obstante, sumando indicios, o máis probable é que a cetaria hoxe reconvertida en "talaso-spa" fose contruída cara 1911, e ampliada e reconstruída en 1954.

Procesos

e

produtos

Unha reportaxe de "Almanaque Gallego" de Bos Aires de 1908, danos unha imaxe xeral dos primeiros tempos da pesca industrial da langosta (1880-1936), o crustáceo capturábase "...en costa aberta, fora das rías e sen chegar a alta mar; é dicir, arredor das rías abertas (... en) Rinlo, Foz, Mois, Burela, S. Cibrao e Bares (...) Cariño, o da Coruña (punta Langosteira ...), Caión, Razo, Malpica, Corme, Laxe, Sabadelle, Fisterra, Muros, O Son, Corrubedo, o de Baiona (punta Langosteiros, fronte o mosteiro de Sª Mª de Oia), ata a parte inmediata da Guarda, a unha ou dous millas de terra (...) Péscase en redes, dunhas 30 brazas de largo, unha de ancho e mallas de media cuarta, con flotadores de cortiza nunha liña superior de corda e chumbos (...) As embarcacións, con este aparello, están dous ou tres días na mar (...) A época mellor é dende setembro, que termina a veda protectora da cría; e sobre todo en setembro, outubro e novembro, a abundancia é grande. Os mariñeiros venden as langostas, recen sacadas do mar, aos traficantes (...) O traficante pasa a langosta ao mercado se hai consumo local (...) pero, polo xeral, almacenase a langosta, conforme vaise comprando, na cetaria. É un espazo tomado á mar, amurallado, de metro e medio de alto, cuberto por unha rexa de madeira ou ferro, e aínda medio metro mais de parede (... )Cando hai que botar o recoller algunha langosta, achegase a persoa encargada -que non está alí ordinariamente-, abre un portelo e apoiándose en barrotes entra a realizar o seu cometido,...O mar trae os alimentos indispensables: só algunhas veces bótanse cestas de sardiñas (... acudindo tamén) camaróns, que son froito substancioso para a langosta (...) Todos os días, á baixa mar, sitúase un garda dentro e abre a comporta que ten a cetaria, de ferro, con marco de cortiza (...) que impide a saída da langosta e permite o paso de camaróns e outros medios nutritivos á (seguinte) entrada do mar (...) Do traficante que o merca ao mariñeiro, pasa ao comerciante que a expende ao consumidor. Grandes cantidades envíanse de Galicia a Madrid e outros puntos do interior e aínda da costa mediterránea (...)Vai a langosta atada, sen outro embalaxe; e viva chega a Madrid, e viva bótase a cocer (...) nas épocas de máis calor, fai falla mandalas en xeo (...) A maior parte, sen embargo vai ao estranxeiro (...) Van barcos alxibe a Burdeos, a Havre, (e) outros portos do norte de Francia, de Bélxica, de Holanda e aínda Alemaña (...) provindo aos mercados de París e outras capitais de Europa."

Semella, que nestes primeiros tempos esta exportación aos portos europeos facíase en "pequenos barcos de cabotaxe (...) chamados viveiros", sendo esta a derradeira frota comercial das que houbera no que noutrora fora o importante porto de Baiona *2.

Como referencia para tempos mais modernos, temos o caso da familia Puerta-Romalde. *1

María Teresa Puerta Romualde cóntanos que a veda era de setembro a maio. Os crustáceos eran comprados pola súa familia aos pescadores na praia da Ribeira de Baiona, e sobre todo, na Guarda, e eran metidos por eles en cestos de ata 50 kg, e trasladados a pé polo sendeiro que arrodea o Monte Real ata sendas cetarias familiares. Tan só cando o volume da mercancía permitía o gasto, en vez de facer  tortuoso camiño por terra, fretábase un barco para descargalos animais vivos directamente nas cetarias. Langostas e bogavantes eran alimentadas por eles con mexillóns e estrelas de mar; dieta que complementaban os custráceos cos nutrintes que lles podían chegar a eles mediante a acción das mareas.

Maquinaria conservada

Non se coñece

Materalia

Informe do Concello de Baiona, ano 1911.
Informe do Concello de Baiona, ano 1911.

Informe da sesión ordinaria do día 10 de diciembre de 1911 do pleno do Concello de Baiona; dando a comunicación da Comandancia Militar da Provincia Marítima de Vigo, coa que se remitese o expediente relativo a cetária solicitada por Enrique Pascual del Río. Arquivo do Concello de Baiona.

press to zoom
Anuncio de Serapio Puerta.
Anuncio de Serapio Puerta.

Detalle dun anuncio de "Serapio Puerta Oviedo; Langostas"; aparecido en "El Pueblo Gallego" o 6 de agosto de 1970.

press to zoom

Arquitectura

Superficie parcela

Non procede

380 m2 (aprox.)

Sup. ocupación

Descriptiva

A "cetaria vella" atópase no lado leste do Monte Real ou Monte do Boi; moi preto da Torre da Tenaza e do espigón do porto. O lugar esta abrigado do mar de fondo, pero non tanto dos ventos e temporais do Norte, resultando ser un lugar fortemente batido, cousa que favorece a nutrición dos crustáceos, pero que tamén causou a repetida destrución da cubertas de madeiras que houbo de reconstruír repetidas veces Serapio Puerta.  

Descoñecemos as características orixinais da "cetaria vella", unicamente sabemos que en 1911 o que se proxectou foi "un rectángulo de 30 metros de longo por 10 de ancho". A estrutura que se conserva hoxe consiste nun rectanguloide duns 37-39 metros de longo por 10 de ancho, aliñado cara o NNO.

Analizando a forma e composición da muralla perimetral aprécianse dúas feituras. No terzo e extremo N trátase dun muro, de máis dun metro de ancho, feito en cachotería de pezas de moi diverso tamaño asentado sobre cemento. Mentres que no treito central e extremo S trátase dun muro de encofrado de formigón e cachotería mediana, recto cara o exterior e levemente ataluzado cara o interior. Todo parece indicar que este sector S da cetaria é unha construción e/ou reconstrución feita por Serapio Puerta arredor de 1954; mentres que o extremo N probablemente pertenza a unha fase anterior.

Por outra banda, o lado Oeste da cetaria é unha combinación de muro de cachotería grande asentada en formigón e treitos de desmonte labrado na rocha do lugar. Actualmente o fondo e case totalmente areoso, e a piscina resulta dunha profundidade de entre 1,5 e 1,8 metros.

Cando menos, nos tempo​ dos Puerta-Romalde (1954-1965 aprox.), a cetaria estaba dividida en varias piscinas por muros transversais feitos de encofrado de formigón e cachotes. Aínda hoxe en día, no secto sur da muralla lateral pervive a testemuña do arrinque dunha destas divisións transversais. Como dixemos, nesta xeira a cetaria tiña unha cuberta, que segundo testemuña de Mª Teresa Puerta Romalde, consistía nun enreixado de madeira coas súas portelas para sacalos crustáceos; Ttal e como se pode intuir na foto aérea de 1970

No lado exterior do muro , consérvanse aínda hoxe os restos dunhas tubaxes, que en tempos de funcionamento da etaria se empregagan para a circulación forzada da auga dende o mar ao interior da cetaria

Planos

Situación.
Situación.

Infografía da "cetaria vella" e a súa contorna. Do plan "Poseidos", Concello de Baiona.

press to zoom
Vista cenital.
Vista cenital.

Infografía da mesma maqueta 3D da "cetaria vella" e a súa contorna. Do plan "Poseidos", Concello de Baiona.

press to zoom
Estrutura.
Estrutura.

Infografía onde se resalta a estrutura da "cetaria vella". Do plan "Poseidos", Concello de Baiona.

press to zoom

Estado de

conservación

Estado xeral: bo.

O proceso de rehabilitación iniciado en 2013 significou a consolidación da muralla perimetral, pero tamén pequenas reformas e adiccións "superficiais" que alteraron moderadamente a apreciación da estrutura e a súa contorna inmediata.

A muralla no extremo Norte foi parcialmente desmontada e volta a montar. Amais, nese e noutros treitos atopamos tamén pezas e adoquíns de granito rosa de Porriño que non semellan orixinais (probablemente colocados en 1995, cando se interviu en todo o paseo do arredor de Monte Real, e tamén na cetaria de Serapio) .

Dentro da habilitación como talaso-spa, para que os bañistas poidan descer ao interior da piscina fíxose unha escaleira de chanzos dunha soa peza de granito de gran fino; así como outra de semellante características, para descer ao mar polo exterior do muro do lado Sur. Co mesmo tipo de pezas de granito fino fíxose unha plataforma onde van instalados os cinco aspersores metálicos da hidroterapia (tres canóns e dúas cortinas). Baixo estes aspersores, no interior da piscina, construíronse tamén dúas amplas plataformas de aceiro e madeira.

Amais, para o doado acceso e estancia dos bañistas fixéronse dúas amplas plataformas (unha delas elevada) de estrutura de vigas de aceiro cun piso de travesas de madeira de piñeiro.

Nos arredores tamén colocaron bancos de bloques de granito soltos e outro banco corrido de formigón. En diferentes puntos do conxunto instaláronse varandas metalicas para aseguralo transito e evitalas caidas a distinto nivel. 

Sopesando o positivo da consolidación da estrutura, e o negativo das múltiples alteracións e superposicións de materiais, e considerando que estas alteracións son pequenas e máis ben superposicións e non destrucións: calificamos o estado xeral de conservación como relativamente bo.

 (avaliado en inverno de 2019)

Antes da rehabilitación, ca. 2013.
Antes da rehabilitación, ca. 2013.

Vista do interior da "cetaria vella" arredor de 2013, antes de comezalos traballos de conversión en uso balneario. Foto: Concello de Baiona.

press to zoom
Transformación, ano 2018.
Transformación, ano 2018.

Vista do interior da cetaria despois da primeira fase de rehabilitación como "talaso-spa", e durante os traballos da segunda intervención. Foto: Uxío Reinoso Maset, outono 2018.

press to zoom
Estado actual, ano 2019.
Estado actual, ano 2019.

Vista dende o interior da piscina. Apréciese o resto do muro de separación das antigas balsas da langosta. Foto Uxío Reinoso Maset, febreiro 2019.

press to zoom
Muralla exterior, ano 2019.
Muralla exterior, ano 2019.

Foto na que se aprecia os dous tipos de muros que compoñen o perímetro da "cetaria vella". Foto Uxío Reinoso Maset, febreiro 2019.

press to zoom
Tubaxes, ano 2019.
Tubaxes, ano 2019.

Detalle dos restos da antigo sistema de circulación de auga mariña da cetaria. Foto Uxío Reinoso Maset, febreiro 2019.

press to zoom
Interior, ano 2019.
Interior, ano 2019.

Apréciese o antigo muro de formigón ataluzado, e as plataformas para a hidroterapia. Foto Uxío Reinoso Maset, febreiro 2019.

press to zoom

Cívica

Visitable

Accesible

Uso actual

Talaso-spa, piscina, solarium,...

A totalidade da cetaria, incluida a plataforma do solarium, está incluida no Dominio Público Marítimo Terrestre.

Propiedade

Proteccion

histórico-cultural

O espazo está declarado polo PXOM de Baiona de 2014 como "área de cautela arqueolóxica" asociado ao Castelo de Monterreal.

Afectación urbanística

Ningunha, non é edificable nin urbanizable

Xa se realizaron as dúas fases reahabilitación e reutilización do espazo com talaso-spa, dentro do proxecto "Poseidón", do Concello de Baiona coa colaboración dos GALP e a Deputación de Pontevedra. 

Proxectos de

reutilización

Coñecer máis 

* Cetarias de langosta:

"de Serapio" (Baiona)

- de Baredo.

- Restos da toma de auga da cetaria "de terra", da rúa Marques de Quintanar (Baiona).

- do "Lago dos nenos" (Cíes).

* Fundacións vinculadas a Enrique Pascual.

- Depósitos de auga do Castro (Vigo).

* Instalacións da familia Puerta-Oviedo.

- PescaPuerta 1 (Vigo).

- PescaPuerta 2 (Vigo).

Patrimonio

relacionado

Entrevista telefónica con Mª Teresa Puerta Romalde, feita o 22-11-2018. 1

Testemuñas

Bibliografía

*2: DE SANTIAGO, JOSÉ e NOGUEIRA, ULPIANO. Bayona: antigua y moderna.  Madrid: Imprenta del Asilo de Huérfanos del Sagrado Corazón de Jesús. 1902. 2

*3: CARMONA BADÍA, XOÁN. "José Ramón Curbera Fernández", en Empresarios de Galicia (Carmona Badía, Xan; Coord.). A Coruña: CIEF. 2006. 3

*4: TORRES, MÓNICA. "Baiona recupera su cetárea como solario en la playa". En La Voz de Galicia, do 25-02-2014. Consulatdo o 18-12-2018. 4

*5: TORRES, MÓNICA. "Baiona abrirá este verano el primer talaso natural de Galicia al aire libre". En La Voz de Galicia, do 10-05-2018. Consultado o 18-12-2018. 5

* FRANCO, ÓSCAR, Ficha da "Cetaria de Monte Boi" en www.patrimongalego.net. Consultado o 19-12-2018.

* Triptico do CONCELLO DE BAIONA, "Poseidón: Recuperación da antiga cetaria del paseo de Monte Boi". Circa 2014.

A Maria Tesera Puerta Romalde e ao Concello de Baiona, nomeadamente ao Arquivo Municipal e á Oficina de Emprego e Desenvolvemento Local, polas fotografías, documentos e informacións aportadas para a elaboración desta ficha.

Agradecementos

Última actualización da ficha: 18-IV-2022.