Ficha 011

CETARIA DE SERAPIO

Tipo

Cetaria de langosta

Sector

Pesca

Uso actual

Baldío

Concello

Baiona

Parroquia

Baiona

Lugar

Monte Real

Enderezo

Av. Jesús Valverde

Coord.

N 42º07'40'' O 8º51'03'' GPS: 42.1279, -8.8510

Encima da cetaria, anos 50
A pequena Mª Teresa Puerta Romalde, filla de Serapio e Mª Teresa, encima da cetaria. Foto: familia Puerta Romalde, a finais dos anos 50.
Sacando langosta, anos 50
Dous mozos operarios sacan langosta a traves dunha das xanelas da cetaria. Foto: familia Puerta Romalde, a finais dos anos 50.
Panorámica actual
Panorámica do estado actual da cetária de Serapio.
Foto Uxío Reinoso, outono 2018

Historia

Fundación

1955

Feche

1975

Fundador

Serapio e José Puerta Oviedo

Construcción da cetaria
Momento do encofrado dos muros de división das piscinas. Foto familia Puerta Romalde, circa 1953-54.
Serapio Puerta e un crego
Serapio Puerta xunto cun crego, cunha langosta na man, posan enriba da cetaria. Foto: familia Puerta Romalde, a finais dos anos 50.
Mª Teresa Romalde e a súa filla
Mª Teresa Romalde Álvarez, e a súa filla, do mesmo nome. A partir de mediados dos anos 60, nai e fillos maiores fixeronse cargo da explotación directa da cetaria debido a enfermida do pai. Foto: familia Puerta Romalde, a finais dos anos 50.
O mar batendo na cetaria
O Atlántico batendo na cetaria, a dereita unha das illas das Estelas, ao fondo as illas Cies. Foto: familia Puerta Romalde, a finais dos anos 50.
O mar batendo na cetaria
Outra onda batendo na cetaria. Foto: familia Puerta Romalde, a finais dos anos 50.
Land Rover da empresa
O Land Rover serie II que empregaba Serapio Puerta para a distribución da langosta e outras tarefas da empresa. Foto da familia Puerta Romalde, anos 60.
mostrar máis

Reseña

Dende finais do século XIX, a captura e comercialización de langostas e lumbrigantes converteuse nunha das máis puxantes e lucrativas actividades pesqueiras de Europa e Norte América. Se ben, xa de sempre, estes grandes crustáceos (ao igual ca ostra), eran prezado "prato de bispo"; o crecemento económico e os avances no transporte da revolución industrial, ampliaron o espectro social e número de comensais e de cociñas e restaurantes (incluso a moitos quilómetros no interior) que podían ofrecer "langosta viva".

Semella que os primeiros en practicala pesca industrial da langosta en Galicia foron os franceses. Que tras esquilmar os fondos rochosos das augas internacionais do Golfo de Biscaia e Mar Cantábrico, na década de 1880 chegan as costas atlánticas galegas. Así o conta o Petit Journal de París no 1886: "A langosta diminuíu en Fisterra e o Norte de España,... Este ano, unha verdadeira frota de pescadores franceses e españois dirixíronse cara a baía de Vigo...É tal a súa abundancia alí, que se colleron en menos de catro meses, soamente para os portos de desembarco e para os mercados franceses, máis de 34.000 langostas. Crese, segundo datos oficiais, que a cifra ascenderá a 100.000 ao fin da tempada... A pesca fíxose dende Corcubión ata a fronteira de Portugal; pero o centro máis importante de operacións é Baiona".

Quizais a razón pola cal Baiona converteuse no centro de operacións da pesca da langosta, sexa a súa situación xeoestratéxica, preto dos caladoiros (no exterior da ría) e así como da infraestrutura portuaria e nodo de transporte terrestre da cidade de Vigo. Tampouco debe desconsiderarse a importancia do consumo local: en Baiona, Nigrán e Gondomar abundaban os pazos e estaban a aparecer novos tipos de residencias vacacionais de elites galegas e doutras partes de España.

Sexa como for, nestas datas en Baiona comezan a especializarse tratantes de langosta (2), multiplícanse as descargas destes crustáceos e documentamos a fundación dos primeiro viveiros ou cetarias; algunhas veces un tanto improvisadas, como a "balsa da compañía explotadora dos tesouros de Rande" que se converteu en viveiro flotante en 1886. Tamén eran "viveiros flotantes" os 3 que no 1889 obteñen licenza do Concello de Baiona. A máis antiga cetaria de terra do Concello de Baiona semella que é a "cetaria vella", que obtivo licenza en 1911 a nome do veciño de Vigo, Enrique Pascual y del Río.

A principios dos anos 50 a familia Puerta, orixinarios de Revillagodos (Briviesca, Burgos), comezan a frecuentar e instalarse nos portos de Vigo e Baiona para abastecer as peixerías da rede familiar (eran 8 irmáns) na area de Miranda de Ebro e Burgos capital, así coma dunha rede comercial que paulatinamente van estendendo máis aló do núcleo burgalés (1).

En outubro do 1953, dous dos irmáns, José (nado en 1928) e Serapio (1929) piden licenza para construír "un viveiro, depósito de langosta (...) entre as puntas de San Antonio e do Boi, aproveitando unha depresión do terreo,(...) José e Serapio Puerta Oviedo son industriais, adicados á exportación de peixe e mariscos no porto de Vigo e pretenden así dar maior auxe ao servizo que prestan, cousa moi necesaria e importante nestes tempos de escaseza de pesca." (d.1) Semella que a licenza definitiva (d.2) e a execución da obra non acontece ata ben avanzado o ano 1955 (d.3). Entre tanto non entraba en funcionamento esta nova cetaria, a familia Puerta-Oviedo aluga unha pequena cetaria na Guarda e, no 1954, obteñen a licenza para reconstruír e explotar a "cetaria vella" de Monte Real. Esta "cetaria vella" (que a familia chamaba "a de madeira"), deixouse de utilizar cara mediados dos anos 60 xa que as repetidas destrucións da cuberta de madeira pola accións dos temporais fixo preferible concentrala explotación na nova, "a de pedra".

Gradualmente, o maior dos irmáns, José, especialízase no comercio de peixe dende Vigo (onde funda PescaPuerta en 1956, 3), mentres que Serapio fica co sector do marisco e a cetaria de langosta. Pouco despois Serapio comeza a enfermar prematuramente de Párkinson, quedando axiña moi limitado para a explotación directa da empresa, sendo sustituído nestas funcións pola súa esposa Mª Teresa Romalde (1934, Vigo) auxiliada polo seu fillo e filla maiores.  Mantivo iso si, o pai de familia, tal como obrigaba a época, a potestade de representar e asinar a documentación oficial da empresa familiar. Cabe engadir, que nai e crianzas, aínda que tiñan contratados operarios, tamén facían traballos físicos como transportalas cestos de langosta polos sendeiros de Monte Real. 

Daquela, a familia Puerta-Romalde instalarase nunha casa con finca na rúa baionesa de Marqués de Quintanar 3 (hoxe o 9). Chegado o ano 68, dado o aumento do volume de demanda, e sobre todo a esixencia de abastecela demanda dun xeito continuado, incluso por riba dos temporais de inverno que habitualmente imposibilitaban traballar na cetaria da Punta do Boi, obrigan aos Puerta-Romalde a enxeñar unha "cetaria en miniatura" no xardín da casa, que era alimentada gracias a unha longa canalización de 267 m, que seguindo o trazado da estrada da beiramar e a rúa Marqués de Quintanar, aspiraba, cun potente motor, a auga mariña ata a casa, distante uns 150 m do mar (expediente 385/4 do Arquivo Municipal de Baiona)

Posteriormente, no ano 1973, "Langostas e Lumbrigantes Serapio Puerta Oviedo", pide licenza e constrúe un gran viveiro cuberto na costa Baredo, en funcionamento ata datas recentes (expte. 626/5 do Arq. Mun. de Baiona)A nova, moderna e cómoda instalación baixo unha nave de 1113 m2, volta innecesario o mantemento das outras cetarias familiares, a "de pedra" e a "mini-cetaria" doméstica, deixan de empregarse cara 1975-76.

A estas alturas, despois dun século de expansión da pesca industrial da langosta, os caladoiros de Galicia e Norte de Portugal quedaran esquilmados, sendo necesario ir buscala máis ao sur, a Andalucía e Marrocos, convertendose o porto de Barbate no lugar preferente de descarga da frota langosteira da Guarda. Seguindo a tendencia xeral, e para estar máis próximos aos caladorios, a familia Puerta-Romalde comeza a operar arredor de 1975 nos portos andaluces; e xa en 1980, coa asociación dunha empresa local, os Puerta-Romalde adaptan unha das naves da antiga baleeira de Getares como cetária; e a maior das fillas Mª Teresa Puerta Romalde instalase alí para participar na explotación directa da mesma, na que se mantivo ata o ano 2015. Por outra banda, o irmán maior mantivo a explotación da de Baredo ata datas recentes. 

Procesos

e

productos

Unha reportaxe de "Almanaque Gallego" de Bos Aires de 1908, danos unha imaxe xeral dos primeiros tempos da pesca industrial da langosta (1880-1936), o crustáceo capturábase "...en costa aberta, fora das rías e sen chegar a alta mar; é dicir, arredor das rías abertas...(en) Rinlo, Foz, Mois, Burela, S. Cibrao e Bares,..., Cariño, O da Coruña (punta Langosteira...), Caión, Razo, Malpica, Corme, Laxe, Sabadelle, Fisterra, Muros, O Son, Corrubedo, O de Baiona (punta Langosteiros, fronte o mosteiro de Sª Mª de Oia), ata a parte inmediata da Guarda, a unha ou dous millas de terra...Pescase en redes, dunhas 30 brazas de largo, unha de ancho e mallas de media cuarta, con flotadores de cortiza nunha liña superior de corda e chumbos ... As embarcacións, con este aparello, están dous ou tres días na mar... A época mellor é dende setembro, que termina a veda protectora da cría; e sobre todo en setembro, outubro e novembro, a abundancia é grande. Os mariñeiros venden as langostas, recen sacadas do mar, aos traficantes... O traficante pasa a langosta ao mercado se hai consumo local...pero, polo xeral, almacenase a langosta, conforme vaise comprando, na cetaria. É un espazo tomado á mar, amurallado, de metro e medio de alto, cuberto por unha rexa de madeira ou ferro, e aínda medio metro mais de parede... Cando hai que botar o recoller algunha langosta, achegase a persoa encargada -que non está alí ordinariamente-, abre un portelo e apoiándose en barrotes entra a realizar o seu cometido,...O mar trae os alimentos indispensables: só algunhas veces bótanse cestas de sardiñas...(acudindo tamén) camaróns, que son froito substancioso para a langosta...Todos os días, á baixa mar, sitúase un garda dentro e abre a comporta que ten a cetaria, de ferro, con marco de cortiza...que impide a saída da langosta e permite o paso de camaróns e outros medios nutritivos á (seguinte) entrada do mar...Do traficante que o merca ao mariñeiro, pasa ao comerciante que a expende ao consumidor. Grandes cantidades envíanse de Galicia a Madrid e outros puntos do interior e aínda da costa mediterránea...Va la langosta atada, sen outro embalaxe; y viva chega a Madrid, e viva bótase a cocer...nas épocas de máis calor, fai falla mandalas en xeo... A maior parte, sen embargo vai ao estranxeiro...Van barcos alxibe a Burdeos, a Havre, (e) outros portos do norte de Francia, de Bélxica, de Holanda e aínda Alemaña..provindo aos mercados de París e outras capitais de Europa." Semella, que nestes primeiros tempos esta exportación aos portos europeos facíase en "pequenos barcos de cabotaxe...chamados viveiros", sendo esta a derradeira frota comercial das que houbera no que noutrora fora o importante porto de Baiona (2).

Como referencia para tempos máis modernos, temos o caso da familia Puerta-Romalde. Mª Teresa Puerta Romalde cóntanos que a veda era de setembro a maio; os crustáceos eran comprados aos pescadores na praia da Ribeira de Baiona, e sobre todo na Guarda, metíanse en cestos de ata 50 kg e trasladadas a pé polo sendeiro de Monte Real ata as escaleiras que descendían a cetaria da "Punta do Boi", tan só cando o volume da mercancía permitía o gasto, fretábase unha gamela para descargalos cestos directamente na cuberta. Os ata 4.000 kg de langosta e lumbrigante eran distribuídos nos diversos compartimentos da cetaria, e alimentados con mexillóns e estrelas de mar, amais dos nutrientes que lles podían chegar mediante a acción das mareas e dun circuíto de auga de mar accionado por unha potente motobomba de gasóleo. 1

Maquinaria

conservada

Toma aspiración
Detalle do esporón do dique exterior no que ía adosado a tubaxe de aspiración. En primeiro termo, ainda fica un treito da tubaxe. Foto Uxío Reinoso Outono 2018.
Tubaxe
Varios treitos da tubaxe ciscallados no interior duns dos compartimentos para langostas. Foto Uxío Reinoso Outono 2018.
Difusor
Restos do que semella un difusor do sistema de propulsión de auga mariña para manter vivas as langostas. Foto Uxío Reinoso Outono 2018.
mostrar máis

Materalia

Anuncio
Detalle dun anuncio de "Serapio Puerta Oviedo; Langostas"; aparecido en "El Pueblo Gallego" o 6 de agosto do 1970.
1 - Proxecto de viveiro de langosta
Parte do "Proxecto de viveiro de langosta" presentado polos irmáns Serapio e José Puerta Oviedo perante a comandancia da Provincia Marítima de Baiona. Asinado por Eduardo Cabello. Ano 1953. Arquivo Municipal de Baiona.
2 - Certificado licenza ministerial
Certificado emitido Comandancia de Marina de Vigo da licenza outorgada polo Ministerio de Comercio para a cetaria de Serapio. 17 de xuño do 1955. Arquivo Municipal de Baiona.
mostrar máis

Arquitectura

Superficie parcela

Non procede

650 m2 (aprox.)

Sup. ocupación

Descriptiva

O proxecto de obra da cetaria de Serapio foi asinado en outubro de 1953 polo mesmísimo Eduardo Cabello Ebrentz, (antigo enxeñeiro xefe da Xunta de Obras do Porto de Vigo,"O artífice do Porto de Vigo(d.1). As obras foron realizadas polo mestre de obras Alfonso Martínez de Paolo, En novembro de 1955, José e Serapio obteñen a cesión gratuíta dunha pequena parcela de terreo para construír a caseta da cetaria que daquela aínda estaba en proceso de construción (d.3). A paraxe é un lugar de rochedo onde o mar e o vento baten fortemente, apenas un pouco recollido pola Punta do Boi. 

A cetaria está composta por dous elementos: a cetaria propiamente dita, ou sexa o conxunto de piscinas ao nivel do mar; e a caseta que servía de acubillo ao persoal e ao motor do sistema de bombeo que foi instalado nun momento posterior ao da fundación.

As piscinas da langosta, ocupan unha área aproximada duns 650 m2 e teñen unha forma irregular, na que a maior parte é un corpo rectangular de 33,5 x 17,5 m2, do cal, no extremo NO, prolóngase un apéndice trapezoidal de 13 metros de longo e un máximo de 7 metros de ancho; así mesmo, deste apéndice sae un esporón duns 3,2 metros que se adentra no mar para facer a embocadura da tubaxe do sistema de bombeo. 

Os muros perimetrais (de ancho variable, de entre 1 e 2 metros) e o esporón (de 1,5 metros) están feitos con cachotes de granito de grandes dimensións (semella que extraídos das rochas do lugar) asentados con formigón.
A cuberta, que está ao nivel da mar chea, esta feita con grandes perpiaños de granito rosa de Porriño (de aprox. 1,8 de longo e 25-30 cm de ancho), que se apoian sobre os muros divisorios das piscinas (feitos de formigón encofrado) e postes do mesmo granito e de similares dimensión aos empregados na cuberta. No sector Leste da cetaria, 3 muros ao ancho e 1 ao longo creaban 8 piscinas de dimensións regulares (7,9 x 3,6 metros, cunha liña de postes no medio); mentres que no sector Óeste, onde se atopa o "apéndice trapezoidal", a formas e dimensión das 6 piscinas é mais irregular, mantendo iso sí o módulo de 1,8 de ancho entre postes e mures que dan os perpiaños de rosa porriño.

Na cuberta de granito abríanse ocos para as portas das piscinas, feitas en grellas de ferro. Os muros exteriores e os divisorios interiores, teñen un gran numero de ocos para permitir a circulación da auga do mar; circulación que despois foi reforzada coas tubaxes do sistema de bombeo. A profundidade das piscinas é variable, dependendo do fondo do leito mariño, oscilando entre o 1 e 2 metros nos sitios máis profundos.

O acceso á cuberta da cetaria facíase dende unha escaleiras, parcialmente escavadas na rocha, que descenden dende a caseta ata o extremo sur da cetaria.

Planos

Plano situación, ano 1953.
Plano de situación no "Proyecto de vivero de langosta", realizado por Eduardo Cabello para Jose e Serapio Puerta Oviedo. Arquivo Municipal de Baiona.
Croquis estrutura da cetaria
Croquis da estrutura da cetaria de Serapio. Coloreado en gris os muros e piares conservados e recoñecidos; en branco reconstrución ideal.
Croquis con cotas
Croquis da estrutura da cetaria, con cotas (aproximadas). Coloreado en gris os muros e piares conservados e recoñecidos; en branco reconstrución ideal.
Mostrar mais

Estado de

conservación

Estado xeral: moi malo.  

A intervención realizada arredor de 1995 no paseo de Monte Boi polo Concello de Baiona incluíu unha profunda e lamentable alteración da cetaria de Serapio. Desmantelouse a cuberta do sector Leste co obxecto de empregar as pezas de granito para realizar sobre a caseta da antiga cetaria un miradoiro imitando a próxima Torre do Príncipe. Nesta operación estragáronse os muros divisorios das piscinas, e un bo número de perpiaños e postes de granito foron estragados (moitos deles se atopan deitados no fondo das antigas piscinas).

O sector Oeste está moito mellor conservado, dándose unicamente algúns derrubes localizados e parciais da cuberta e postes, que polo de agora non afectaron a constitución da estrutura.

Parte do e aberrante miradoiro ten como base a antiga caseta auxiliar e a propia cuberta do sector Oeste, elementos que ao noso xuízo foron sobrecargados cunha enorme masa de pedra que non foron deseñados para soster: coidamos que hai un risco considerable de que pola acción combinada do mar e esta sobrecarga, basten algún derrube das pezas da cuberta, postes ou muros deste sector, para que se dea un "efecto dominó" e/ou colapso xeral do miradoiro e a cetaria. Amais, o pastiche do miradoiro encubre ou dificulta a comprensión do espazo, que algunhas persoas imaxinan que é unha antigo carcere ou construción militar.

Non obstante, o aínda aceptable estado de conservación do muro perimetral da cetaria, e das estruturas dalgunhas piscinas do sector Oeste, xunto co feito de que a maioría das pezas de granito orixinais non foron destruídas, senón simplemente reutilizadas no mesmo lugar, cabería a posibilidade de realizar unha rehabilitación e reconstrución parcial da antiga cetaria.

(evaluado en inverno de 2019)

Vista sector leste
Vista superior do sector leste da cetaria "do Monte do Boi", "de Serapio" ou "de pedra", como lle chamaban a familia dona. Foto Uxío Reinoso, marzo 2018.
Vista sector oeste
Vista superior do sector oeste, que se adentra sobre o rochedo cara o norte. Apreciense os 3 portelos que dan acceso aos diferentes depósitos diferenciados deste sector da cetaria. Foto Uxío Reinoso, marzo 2018.
"Castelo" de pastiche
Lamentable castelo de pastiche, pretendidamente "un miradoiro," que o Concello de Baiona construiu aproveitando os cimentos e pedras cetaria. Foto Uxío Reinoso, marzo 2018.
Estrutura
Vista do extremo oeste do sector leste da cetaria de Serapio. O demantelamento parcial, permite apreciala forma e materiais da cetaria. Foto Uxío Reinoso, outono 2018.
Detalle estrutura
Detalle de como van montados os postes de granito rosa de porriño. Foto Uxío Reinoso, outono 2018.
Muralla exterior
Vista xeral da muralla exterior no sector leste. Apreciese que esta feito de pedras formigonadas. Foto Uxío Reinoso, outono 2018.
mostrar máis

Cívica

Visitable

Accesible

Uso actual

Baldío, se acaso miradoiro.

A totalidade da cetaria, incluida a caseta, está incluida no Dominio Público Marítimo Terrestre.

Propiedade

Protección

histórico-cultural

O espazo está declarado polo PXOM de Baiona de 2014 como "área de cautela arqueolóxica" asociado ao Castelo de Monterreal

Afectación urbanística

Ningunha, non é edificable nin urbanizable

Non se coñecen

Proxectos de

reutilización

Coñecer máis 

* Cetarias de langosta:

- Cetaria "Vella" (Baiona)

- Cetaria de Baredo.

- Restos da toma de auga da cetaria "de terra", da rúa Marques de Quintanar

- Cetaria do "Lago dos nenos" (Cíes-Coia)

* Instalacións da familia Puerta-Oviedo.

- PescaPuerta 1 (Vigo)

- PescaPuerta 2 (Vigo)

Patrimonio

relacionado

Entrevista telefónica con Mª Teresa Puerta Romalde, feita o 22-11-2018. 1

Testemuñas

Bibliografía

* DE SANTIAGO, JOSÉ e NOGUEIRA, ULPIANO. Bayona: antigua y moderna.  Madrid: Imprenta del Asilo de Huérfanos del Sagrado Corazón de Jesús. 1902. 2

* REDACCIÓN, "Fallece el empresario José Puerta Oviedo, fundador de Pescapuerta", en "La Voz de Galicia", 23-6-2006. 3

* FRANCO, ÓSCAR. Ficha da "Cetaria Vella" no catálogo de patrimoniogalego.net. Consultado o 9-6-2019.

* REDACCIÓN, "Fallece el empresario José Puerta Oviedo, fundador de Pescapuerta", en "La Voz de Galicia", 23-6-2006.

- A Mª Teresa Puerta Romalde pola entrevista e indicacións feitas a elaboración desta ficha.

- Ao Concello de Baiona, nomeadamente ao Arquivo Municipal e a Axencia de Emprego e Desenvolvemento local pola documetación e informacións aportadas. 

Agradecementos