Tipo
Salina
Sector
Minería
Uso actual
Paseo e natureza
Concello
Vilaboa
Parroquia
Vilaboa
Lugar
O Ulló
Enderezo
non procede
Coord.
N 42º21'08'' O 8º37'58''GPS: 42.3523, -8.6329
En primeiro termo a Lagoa (antigamente "Salina Vella"), á dereita a Xunqueira (ant. "Salina San José"), no fondo, o monte chamado "A Insua". Foto: Uxío Reinoso, primavera 2018.
Foto dende o sur da banca sur ou de "Casó", reconstruída a finais do século XIX por Auguste Cazaux. Foto: Uxío Reinoso, primavera 2018.
Entrada da planta baixa ao edificio principal da Granxa do Ulló. Foto: Zacarias Abad, ano 2016.
non procede
Historia
Fundación
Mediados
século XVII
Feche
Mediados
século XVIII
Fundador
Familia Mosquera-Pimentel
Mapa das parroquias de Vilaboa e Cobres incluído no Catastro de Ensenada. Aprécianse as bancas e salinas de Larache e San José. Feito entre 1750 e 1754.
Vista aérea cenital das Salinas do Ulló no "voo americano" de 1956.
Vista aérea das Salinas antes da rehabilitación do ano 2008. Orixe foto: web Concello de Vilaboa.
Vista xeral da banca sur, tamén chamada de "Casó" , xa que foi o enxeñeiro A. Cazaux que a reconstruiu a finais do século XIX. Foto: Concello de Vilaboa, ante quem 2008.
Muro de pedra e "tepe" que compoñen a Banca do Oeste, a máis longa, e a única que conserva a composición orixinal. Foto: Concello de Vilaboa, a.q. 2008.
Angulo sudoccidental da Lagoa do Ulló (antigamente "Salina Vella"). Foto: Concello de Vilaboa, a.q. 2008.
Reseña
Nota: Sinalaranse como (d.1;p.1) as referencias ao documento (e páxina) que están adxuntos na sección de Materalia. Na maioría dos casos, as verbas en cursiva non son citacións literais, senón composicións sintetizadas, e traducidas ao galego, do dito nestes documentos.
Pode considerarse como primeiro antecedente da fundación destas salinas o sinalamento do lugar do Ulló, feito a finais do século XVI por peritos portugueses *1. No ano 1633, nun momento de carestía do sal (especialmente grave no caso de Galicia) *2, o nobre Antonio Mosquera Villar obtivo da Coroa licenza para labrar o sal no reino de Galicia. Nos anos 1634-35, como Administrador Xeral da fábrica de salinas de Galicia e Asturias, Antonio Mosquera xa estaba tomando postos e fabricando salinas, sen ter que pagar pola terra, xa que as facía na beiramar, areais e xunqueiras que son de regalía (d.3,p.268). Nesta documentación non queda claro se a do Ulló foi unha das salinas fabricadas nese momento, punto que parece máis seguro que acontecera a partir de 1679, data na que o seu fillo (e herdeiro no cargo de Administrador Xeral de Salinas), Melchor Mosquera de Soutomaior, obtivo unha nova licenza, aparentemente específica para Vilaboa (d.1,p.39).
A toma de posesión das salinas por parte dos Xesuítas foi gradual, e tivo, cando menos, dúas ou tres fases. No ano 1655, Antonio Mosquera, e súa esposa, Antonia Pimentel de Soutomaior, apoiaron a fundación do Colexio dos Xesuítas de Pontevedra cunha renda de 1.000 ducados ao ano *3. Esta renda foi asegurada con varios bens raíces e, chegado un momento de impago, os Xesuítas tentan executar a hipoteca sobre os herdeiros, que litigan, e só tardiamente, os Xesuítas acaban ficando coas dúas escrituras, unha de 1637 e a outra de 1700, que lle fan posuidores de dous sitios do Ulló destinados para fábrica salinas (d.6,p.45). Pero daquela os Xesuítas xa tiñan algún dereito e estaban instalado no Ulló. Así, na Concordia e Toma de posesión de 1694, na que Melchor Mosquera traspasa o seu dereito para que, nos dous sitios que tiña para si sinalados nos ullós, fabrique este Colexio a súa costa salinas; tamén dise aquí que daquela, o Colexio xa tiña fabricado casa principal para o seu administrador, coas súas cortes, currais e habitación, viñas e froiteiras; e outra casa máis pequena na que ten este Colexio posto outro caseiro; e os dous serven para administrar e labrar monte e terras; e outra casa que se chama Alfolí, na que se mete o sal que se vai facendo nas Salinas deste Colexio (d.1,p.34).
Igualmente, a edificación das salinas foi gradual, e tivo dúas fases cando menos. Habería inicialmente unha única salina no Ulló (probablemente a que é denominada repetidas veces como Salina Vella, e que hoxe é chamada Lagoa do Ulló), sendo quizais construída polos Mosquera-Pimentel (entre 1636 e 1694; aínda que non coñecemos datos ningúns de explotación directa). A segunda fase sería un ambicioso proxecto dos Xesuítas, que se desenvolvería entre os anos 1694 e o 1709. En 1698 o programa era descrito así: xa se comezou a fabricar unha salina na freguesía de Sta. Cristina dos Cobres na ría do Ulló, a onde chaman Larache; e poderán facelas tamén na freguesía de Vilaboa nos sitios das marismas do Ulló, de Porto a Muíños e na de Porto Agueros, segundo van ao redor da Aldea de Paredes, e o mesmo na baixada de Cacheiro, e máis que chegan ata Pontesampaio (d.1,p.35). Nunca máis volve haber noticia das salinas nos sitios de Paredes, Cacheiro e Ponte Sampaio; unicamente fíxose a de Larache (entre 1694 e 1700); e poucos anos despois, dúas novas no Ulló: unha dobre en Portamuíños (La Cruz e San Ignacio, chamábanlle os Xesuítas), mentres que a de Porto Agueros debe corresponderse coa de San José (hoxe Xunqueira do Ulló).
Non obstante, este plan de ampliación experimentou un fracaso rápido e case absoluto. No 1726 xa só funcionaba un pequeno sector da salina San José, mentres que as de Larache e Portamuíños arrasáronse, e estercáronse por estériles, pasando o Colexio a utilizar os materiais e arrendar o xunco, toxo e herba (d.2,p.9) .O resultado foi que en 1727 as salinas dos Xesuítas apenas deron 200 fanegas de sal cando outras veces daban de 6.000 a 8.000 fanegas (d.1,p.41).
Tense sinalado o factor climatolóxico (a Pequena Idade de Xeo) como determinante no ocaso das salinas do Ulló *4, pero á luz da documentación faise evidente que o fin da produción salineira de Vilaboa debeuse principalmente a que os Xesuítas axiña descoidaron (e incluso desmantelaron) a infraestrutura salineira, dedicando en troques os seus recursos a potenciar a explotación agrícola na Granxa do Ulló, atopando nesta empresa a feroz oposición do pobo de Vilaboa, así:
- En 1709, algúns veciños de Vilaboa piden unha inspección porque o Colexio excedeu os límites coa nova fábrica do Ulló; eximindo o xuíz de culpa aos Xesuítas (d.1, p.36).
- Entre 1710 e 1712, os Xesuítas adquiren sistematicamente ata 67 parcelas nas inmediacións do Ulló; nomeadamente no Freixeiro, Gordenlle, a Barcia-Garceira, e A Insua (d.1,p.42).
- No ano 1726, o Colexio denuncia aos veciños de Vilaboa, para que puxesen as gabias abertas e capaces, para que as augas teñan o seu curso corrente, de forma que as salinas e camiño real non recibisen agravio. Os veciños alegaron que a culpa era dos Xesuítas, que tiñan que dar corrente as augas e limpar o seus terreos de xunco e toxo. A sentenza obrigaba a limpar o camiño e regos aos veciños, mentres os Xesuítas terían que limpar as canles da xunqueira e salinas. Pero a maior parte da xente de Vilaboa non acatou, e cando un grupo deles foron compelidos a facelo, resistíronse, de tal xeito que algúns deles acabaron detidos no cárcere de Pontevedra, ata que cumpriron e pagaron a sentenza (d.2).
- Seguidamente, en 1727, son os máis dos veciños de Vilaboa os que denuncian a apropiación por parte dos Xesuítas (e de tres veciños aliados deles) dos pastos e abrevadeiros comúns de Freixeiro, Gordenlle, Barcia, Portamuíños e Larache e o monte común do Meixoeiro. Aínda que os Xesuítas intentaron impugnalo proceso por moitas vías (chegando incluso a denunciar ante o xuíz o odio, e inimiga mala vontade dos veciños de Vilaboa; que de feito, a noite pasada executaron cinco buracos nas Salinas), o fallo do xuíz de Pontevedra foi totalmente favorable aos veciños: condenando aos Xesuítas a demoler todo o que teñan construído, deixando eses terreos comúns, libres e abertos. Desta volta son os Xesuítas os que non acatan, e apelan a Real Audiencia de Galicia e ao Real Consello de Facenda (d.3 e 4). A Coroa é xuíz e parte nas salinas, e o rei Felipe V anula a sentenza e as demolicións *5.
Así pois, os Xesuítas mantiveron o seu programa agrícola e desindustrializador durante as seguintes décadas. Nun informe da Granxa do Ulló feito arredor de 1737, valórase a produción de millo, centeo, trigo, viño, carballos e toxo (en orde de importancia); sen facer referencia algunha ao sal (d.1, p.54). No 1752, no Catastro de Ensenada, dise que só fica unha salina na que traballan marlotos e carreteiros, e que as outras están arruinadas dende trinta anos atrás, pola forza do mar e mala situación.
Pouco despois, no 1767, a Carlos III expulsa dos seus reinos á Compañía de Xesús, pasando todos os seus bens a Real Facenda *6. No ano 1783 iníciase un proceso de liquidación mediante poxa pública do bens remanentes do Colexio de Pontevedra (d.6 e 7); pero o maior lote, a Granxa e Salinas do Ulló, non se da adxudicado nas repetidas poxas públicas, unha veces por estar sobretaxado, outras por se suspender a poxa a última hora por estar as salinas pretendidas polos veciños de Vilaboa como comúns seus. Entre tanto, continuou a explotación agrícola mediante o arrendamento da Granxa (casas e terras) tal e como a tiñan os Xesuítas. En decembro de 1786 un temporal destruíu a Banca Oeste por varios puntos, de tal xeito que o mar volveu inundar a Salina de San José, estragando o gran terreo de pastos en que fora convertido moitos anos atrás (d.9). Nos anos 1792 e 1793 a Coroa volve tentar repetidas poxas públicas da Granxa, que quedan desertas. O abandono obriga a retaxar dúas veces á baixa o lote do Ulló. Finalmente, no ano 1793, é o Xuíz de Pontevedra, Bernardo José de Mier, é o que fai a única postura na poxa, na que, habilmente, introducira unha cláusula pola cal debían volver incluírse no lote os dereitos dos tres terreos que foron salinas e hoxe están inútiles (d.11, p. 123).
A partir de entón a Granxa e Salinas do Ulló van cambiando de mans. En 1814 forman parte do testamento do importante clérigo Pedro de Acuña y Malvar, tendo como mandato que se volver os Xesuítas (a España), se lles restitúa toda a posesión (d.12). Efectivamente os Xesuitas puideron regresar a España en 1815, pero no Trienio Liberal (1820-23) volveron ser expulsados (sen nós saber se retomaron entón a posesión da Granxa do Ulló). Entre os anos 1843 e o 1847 Manuela Fernández Molina, adquire unha xunqueira, un pedazo de lagoa e un pedazo de terreo da Granxa do Ulló das mans de Ramón Buch, que pouco antes os adquirira do Estado (d.13).
No 1868 (nunha querela cos veciños polo aceso as algas da beiramar), xa atopamos ao terratenente de orixe vasco, Juan José de Arana, como dono da práctica totalidade da Granxa e Salinas do Ulló; excepto a Xunqueira de Portamuíños, que segue en mans de Manuela Fdez. Molina, e a Salina Vella, que é praia de dominio público (d.15). En 1870, será o primeiro fillo da súa segunda esposa (Josefa Leonor de Ageo), José Nazario, quen ficará coa herdanza da Granxa do Ulló (d.16). Axiña, J. Nazario (dirixindo dende Madrid e Zaragoza, a un apoderado de Pontevedra e uns caseiros de Vilaboa) comezou un programa de fortes investimentos, para convertela Granxa do Ulló nunha explotación agropecuaria moderna e rendible, e lugar para a súa residencia familiar, onde xa está instalado en 1875 (d.23). En 1880 completa a posesión coa adquisición da xunqueira de Portamuíños (d.21).
Trala morte sen descendencia de José Nazario (no 1887), os seus bens pasarán a súa esposa e sobriños (d.23); a partir de aí descoñecemos como foi a transmisión dos bens, pero a mediados do século XX a inmensa finca e construción acabaron partillados entre varias familias de Vilaboa, que habitaron a Granxa ata a década de 1960.
Procesos
e
produtos
O proceso de obtención da sal do mar é antigo e ben coñecido *1 e 5, mais non podemos asegurar con detalle o funcionamento e composición das diversas partes do complexo salineiro do Ulló, e unicamente podemos aventurar o da Salina San José.
Nun panel informativo colocados no sitio, descríbese o seguinte proceso:
Primeiramente, aproveitando a preamar, fechábanse as comportas, estancando unha gran masa de auga do mar na Lagoa do Ulló, para que (no caso de tempo cálido e seco) se dese unha concentración e precristalización da auga do mar (salmoira por evaporación).
Unha vez chegado este punto, a salmoira sería pasada a través das comportas da Banca Oeste, e unha rede de canle, aos Cocedoiros de sal : estanques máis pequenos e de superficie uniforme, onde acababa de cristalizar o sal.
Finalmente o sal era recollido e amoreado nas beiras dos vasos de cocción polos marlotos, para despois ser carretada e almacenada no alfolí ata a súa distribución.
Pero este esquema non concorda coa descrición histórica máis detallada que temos, a vista ocular feita por unha comisión de peritos no ano 1726:
A banca principal corre de norte a sur e mide 536 varas, por fóra ten unha parede de pedra para deter as avenidas da mar, e por dentro un terraplén. E dentro de dita banca atópase a salina onde se fabrica o sal, circundada por outro terraplén; que de longo mide 267 varas, e de ancho 143. E pegado a esta salina, cara o oeste, está o viveiro que recolle a auga salgada para a fábrica de sal; o cal tamén está circundada por un terraplén que ten o mesmo longo que a salina, e de ancho, no extremo sur 54 e no norte 24 varas. E a banca principal ten 5 conducións, unha para desaugar a salina, outra para entrar a auga salgada que vai ao viveiro, e os outros tres son para as augas doces que baixan dende a xunqueira e os montes (d.2,p.11).
Amais, hai que ter en conta que a Banca Sur deteriorouse axiña, de tal xeito na abundante documentación do período 1726-29 non aparece referencia algunha dela, e fálase como se a Salina Vella fose puro mar. Por outra banda, tamén hai que considerar que antes da fabricación das Salinas de S. José, La Cruz e S. Ignacio, xa houbera produción na Salina Vella, co cal esta tamén tería que ter algunha sección de cocedoiro.
Sen descartar como imposible o esquema do panel informativo, o sistema que máis tempo debeu funcionar é o descrito na vista ocular do 1726, no que se facía todo o proceso dentro da salina de San José: a salmoira nun vaso grande situado ao leste, e a cristalización e recollida nos cocedoiros que ocupaban un sector máis pequeno no lado oeste (plano 1).
A produción e comercialización do sal estaba fortemente controlada e fiscalizada pola Coroa. Así, nunha Cédula Real do 1697 (aparentemente dirixida aos Xesuítas de Pontevedra), establécese que o sal fabricado ata Agosto de 1695 páguese cada fanega a 4 reais aos donos das Salinas, e dende agosto de 96, a 3 reais e medio (d.1,p.37).
Probablemente, a escasa produción recollida no alfolí do Ulló non viaxaría moi lonxe, xa que nesta época Galicia era fortemente deficitaria, e as importacións dende Portugal, Francia e Andalucía foron frecuentes e continuadas. Precisamente, por unha Testemuña sobre o modo de medir a sal emitido en Sevilla en 1706, sabemos que en Galicia seguíronse as medidas, ferramentas e método andaluz (d.1,p.36).
Aínda que os Xesuítas fosen os donos da explotación (que probablemente subarrendarían a terceiros), a Coroa tamén dispuña sobre a man de obra e o mantemento da infraestrutura. Nun Despacho emitido na Coruña en 1699, obrigábase aos veciños que tivesen terróns, tepe, e demais materiais que se necesitasen, os desen a prezo moderado; baixo penas de 500 "chicotazos" (d.1,p.38). Noutros dous Despachos, de 1710 e 1715, fíxase que se garden todas as exencións e privilexios aos oficiais que asisten á fábrica; e que aos Marlotos e Carreteiros, se lles pague medio real en fanega de sal (d.1,p.40). No Catastro de Ensenada (1752) aparecen sinalados 9 marlotos e 6 medidores de pa cargada da parroquias de Santa Cristina e Vilaboa *1.
Con posterioridade ó uso salineiro, amais da produción agrícola, hai noticia de usos singulares.
En 1818 dise que as dúas grandes xunqueiras, só producen xuncos, que se benefician para capas dos labradores para as augas; isto é, as daquela prezadas corozas de xunco. (d.12,p24).
Por outra banda, temos noticias de que en 1868, na punta sueste da Ínsua houbo un viveiro, que probablemente fose de ostras (d.15).
Dende antigo a casa tiña lagar e a finca viñas, pero en 1873, Nazario Arana merca un moderno lagar, planta máis viñas, e amplía a casa con dúas adegas para acoller unha produción estimada de 25 a 30 pipas. Tamén nesta época estudouse a posibilidade de reaproveitar as bancas como viveiro de peixes. (d.18).
A finais do s. XIX, o enxeñeiro Auguste Cazaux fixo o muíño de marea. Hai noticias de que non só moía, senón que tamén daba forza para unha "fábrica de roupa de augas", e incluso, xerar electricidade *8.
Maquinaria conservada
Non se coñece
Materalia
Transcrición e copia dixital do documento retitulado: Relación de documentos e resumo de cada un deles sobre as propiedades do Colexio da Compañía de Xesús de Pontevedra", pertencente ao “Fondo especial Salinas de Vilaboa” do Arquivo da Dep. de Pontevedra.
Copia dixital do "Preito entre o Colexio da Cia. de Xesús de Pontevedra e os veciños de San Martiño de Vilaboa pola limpeza dos regos e camiño arredor das Salinas do Ulló". Incluído no “Fondo especial Salinas de Vilaboa” do Arquivo da Dep. de Pontevedra.
Copia dixital e transcrición parcial do documento retitulado: Preito entre os veciños de San Martiño de Vilaboa e o Colexio da Cía. de Xesús de Pontevedra (e outros) pola apropiación dos pastos e abrevadeiros das salinas do Ulló e Larache e o monte común do Meixoeiro. Incluído no “Fondo especial Salinas de Vilaboa” do Arquivo da Dep. de Pontevedra.
Arquitectura
Superficie
parcela
Finca (no 1887) : 35 ha
Teórico salinas (s.XVIII): 20 ha
Superficie
ocupación
Casa Principal: 262 m2
Conxunto Granxa: 868 m2
Vista cara o leste dende a banca sur ou de "Casó"; á esquerda, a lagoa, á dereita, a ría. Foto: José Chas, ano 2017.
Vista cara o sur dende o monte do Raxado. Foto: Uxío Reinoso, primavera 2018.
Panorámica da banca do oeste, que separa a xunqueira (antigamente Salina San José), da lagoa do Ulló (antigamente Salina Vella). Foto: Uxío Reinoso, primavera 2018.
Vista da Xunqueira de Portamuíños, onde antigamente estaban as Salinas de La Cruz e San Ignacio. Uxío Reinoso, primavera 2018.
Detalle do peirao de rampla que hai no extremo oriental da banca sur. Uxío Reinoso, primavera 2018.
Muiño de marea construído por F. Auguste Cazaux a finais do século XIX. Uxío Reinoso, primavera 2018.
Descritiva
A longa e complexa historia das Salinas e Granxa do Ulló deixáronnos unha variada e dispersa serie de elementos construídos (plano 2).
No eido industrial, nas salinas propiamente ditas, podemos recoñecer e definir os seguintes elementos, todos eles obxecto dun programa de rehabilitación iniciado en 2008 polo Concello de Vilaboa:
- A banca sur ou de Casó, ou sexa a muralla que divide as augas da ría da lagoa. A banca primixenia, que debía levar un tepe (terra apisoada con vexetación, ou sexa, un terraplén impermeabilizante), sucumbiu ao mar ao longo do s. XVIII. A estrutura actual é unha rehabilitación recente, que consolidou a reconstrución da muralla de pedra orixinal, que fora feita a finais do s. XIX polo enxeñeiro Felipe A. Cazaux (afincado en Vilaboa pola construción do ferrocarril galego) para o seu muíño de marea (ao que adicaremos unha ficha separada) *7.
A actual estrutura mide uns 340 metros de longo, uns 2 de ancho, e unha altura media duns 2,5. Aparte do muíño, a banca ten catro comportas (unha delas dobre), distribuídas a distancias irregulares, sendo algunhas das aperturas de 1,3 m e outras de 1,5 m. Dentro deste conxunto de comportas destaca a que ten como embocadura dous muros duns 4 metros, levemente curvados e aminorados cara o interior da Lagoa; quizais esta sexa a forma e dimensións da banca orixinal, sendo estes muros a contención do "tepe" nese punto.
- A banca oeste. Esta banca ten polo lado da lagoa unha da muralla de pedra, duns 90 cm de ancho; e cara o interior, a formación do tepe, pola beira do cal hai unha canle. Hoxe en día, o ancho do tepe (sobre o que se fixo un sendeiro) é variable, e mide (xunto co muro) entre 5 e 8 metros de ancho, e ten dúas amplas comportas (unha no medio e outra no extremo norte).
Sabemos que en 1786 a banca cedeu en varios puntos pola forza da ría. A peritaxe que se fixo despois deu as seguintes medidas (aproximadas), en metros: lonxitude, 470; ancho do muro, 1,7 na base, e 1,2 no cumio; altura muro, 2,9; tepe 2,1 (d.9). En troques, nun presuposto de reparación do 1856 dise que o murallón ten uns 448 metros de longo e 2,5 de ancho (d.14). Neste mesmo documento dise que daquela tiña 3 canos que había que rectificar. Na descrición da vista ocular do 1726 tamén semella que tiña 3 canos (1 polo centro para a entrada as salinas da auga do mar, e 2 nos extremos para a saída da auga provinte dos regatos da xunqueira).
- A banca norte ou de Portamuíños. Moi alterada pola apertura dunha estrada arredor de 1980. En orixe tería a mesma disposición que o recheo actual, pero era máis curta (só uns 130 m, os suficientes para fechar a boca da xunqueira de Portamuíños) e moito máis estreita.
- Hai tamén dous peiraos en ambos extremos da banca sur. O do leste é unha rampla de 3 m de ancho que descende paralela á banca, e o do oeste é un pequeno espigón que se mete cara o mar. No Catastro de Ensenada apúntase que as persoas que transitan para Vigo e Redondela embárcanse no embarcadoiro do Ulló.
Sería precisa unha escavación para indagar cal era a calidade do piso dos cocedoiros (lousa de pedra, barro cocido, terra pisada,..?), así como aclarar a forma primitiva das canles e comportas da salina de San José.
Apenas quedan vestixios dos dous alfolís. O primixenio, estaba no extremo norte da banca oeste, ao pé do monte do Raxado; e consistía nunha casa baixa que medía aproximadamente 16 metros de longo, por 6,7 de ancho e 3,1 de cumieira (d.7,p.48). É posible que as vellas pedras do muro de contención do aparcadoiro sexan reaproveitadas deste alfolí que estaba xustamente nese lugar. Do segundo alfolí, que perviviu ata fai pouco, só sabemos que era de madeira e estaba na confluencia das bancas sur e oeste, ao pé da Insua; e que nel se depositaba o sal que chegaba por mar ata o peirao inmediato *8.
As construcións da granxa son o resultado dun complexo programa de reedificación feito por J. Nazario Arana (fixo el mesmo os planos) arredor de 1875 (d.18, 19 e 22), no que se reaproveitaron e reconstruíron moitos dos elementos feitos nos séculos XVII e XVIII (d. 1, 7 e 11). Podemos distinguir (planos 3 e 4):
- A casa principal. En base a antiga casa grande (de dúas plantas e faiado, que medía arredor de 12 metros de longo, por 6,2 de ancho e 5,2 de alto), reaproveitando a pezas de cantería, e mantendo os grosores dos muros e a orde das fiadas, imitando en todo o que existe, o sr. Arana fíxose a súa residencia ampliando a edificación cara os lados sur e leste, aumentando tamén a altura da casa ata os 6,4 metros.
Primeiramente, fíxose un novo volume de 14 x 7 metros na esquina sudoccidental; na planta baixa habilitáronse dúas adegas, e na alta unha capela cunha sacristía como antesala.
Seguidamente, fíxose a ampliación duns 6 metros do volume primitivo cara o sur, habilitándose os retretes (en ambas plantas), unha despensa (na baixa), o recibidor (na alta) e unha escaleira nova cara o faiado; no exterior fíxose un patín cuberto para a nova entrada principal. Todo a pedra do ángulo sudoccidental e parte da cheminea foi desmontada e montada de volta (co necesario engadido de novas pezas, cambiándolle un dos piares á cheminea), a lareira e muro central mantivéronse no sitio, abríndose varios ocos para fiestras, portas e armarios, instalando un vertedoiro e un novo forno.
Anteriormente (probablemente tamén en tempos dos Arana), debeu acometerse a adicción dun volume polo leste (de 12 x 5 metros), cubrindo e encerrando a que foran a antiga fachada e entrada principal, creándose na planta baixa un patio distribuidor central e dúas adegas nos laterais (e na alta, alcobas).
- A casa do caseiro. A antiga casa da cociña (que tamén era de habitación) estaba inmediata a casa grande, medía (aprox.) 11,3 metros de longo, 5,4 de ancho e 4,4 de alto (era de dous pisos, pero sen faiado). O sr. Arana mandouna desmantelar por completo, aínda que reaproveitando a pedra, prestándolle especial atención a cheminea, lar e forno. Para esta nova casa para a familia caseira, foi preciso realizar un pequeno desmonte. A calidade da cantería das fachadas, paredes interiores e cornixa é idéntica a da casa principal, aínda que máis pequena (12 x 7,2 de planta). Esta vivenda renovada tamén gañou un faiado.
- As cortes. Aproveitando algúns dos muros e pedras das antigas cortes e currais, (xunto con novos perpiaños e cachotes) creáronse unhas novas como o determina a boas regras da hixiene animal. Estas construcións dispuxéronse seguindo a liña que marcaban a esquina do muro de feche preexistente e a nova Casa do Caseiro, completando así o feche da Eira polo leste. Amais de varias cortes para catro bois e presebes para ovellas e porcos, tamén había un retrete para a familia do caseiro, e no extremo sur (aproveitando os muros dun alpendre preexistente) fechouse unha estancia de 8x7 metros para aloxar a adega do caseiro que tamén debeu servir de cocheira. A altura do tellado das cortes fíxose seguindo a do muro preexistente (4,15 metros), coincidindo tamén coa cumieira do tellado da casa do caseiro.
- O muro de feche e o cuberto. Semella que a Granxa xa tiña anteriormente un muro de feche con alpendres e currais apegados. En tempos do sr. Arana o muro foi completado ata tocar coa casa principal, abriuse o actual portalón, e foi crecido para dar unha altura uniforme que, xunto con seis piares de pedra (duns 3,20 metros de altura), serviu de apoio para unha cuberta que tiña 41 metros de fronte e 6 de fondo, na que se instalaron cabalarizas, galiñeiro e alboios para a ferramenta e labores agrícolas.
Amais, asociada a Granxa, e nas súas inmediacións, aínda atopamos:
- Un pozo (a medio camiño entre as dúas vivendas) hoxe en día cegado cuns perpiaños.
- Un pombal, arruinado parcialmente; perdeu a teitume, pero aínda conserva o muro circular de cachotería. Ten uns 3,5 metros de diámetro e uns 2,5 de altura.
- Tamén quedan restos do murallón e tres portas que fechaban a parcela en tempos dos Arana. Consérvanse e son facilmente recoñecibles os extremos norte e sur do recinto, onde ten 60 cm de grosor e unha altura media dun metro; entremedias pérdeselle a pista entre as augas e a vexetación. Na saída norte da estrada de carruaxes, hai un gran portalón de cantería de 2,5 x 3m; no extremo sur no camiño, da baixada ao mar, e no leste, no camiño a Paredes que arrinca de Portamuíños, hai dúas portas de 1,7 x 0,8 m feitas en grandes perpiaños.
Por último, na documentación do S XVIII, aparece repetidamente referenciadas as ruínas dun torreón situado no monte do Raxado (d.11,p.64); do que é posible que quede algún vestixio na parte oeste do outeiro.
Planos
Reconstrucción das dimensións e funcionamento da salinas do Ulló, en base a documentación de 1727 e datas próximas.
Forma e localización aproximada das construccións, parcelas e tipo de vexetación da Granxa do Ulló a finais do S XIX.
Reconstrucción dos espazos e usos según a documentación de fins do século XIX. Nota: as adegas do extremos sur e leste da Casa Principal atópanse nunha cota inferior ao resto dos espazos da planta baixa.
Estado de
conservación
Estado Salinas: regular.
Como xa dixemos, as bancas das salinas do Ulló foron repetidamente derrubadas, reconstruídas e modificadas no século XVIII (antes e despois da actividade mineira), e tamén no XIX. Nestas reconstrucións reaproveitouse o material derruído, e fixéronse aperturas e feches de diversas comportas. De tal xeito que é practicamente imposible definir un "estado orixinal" das estruturas salineiras.
Amais, a partir de 2008 iniciouse un programa de "Recuperación Ambiental da contorna das Salinas e Marisma de Vilaboa", no que os diques reparáronse con cachotería de formigón, e máis exactamente:
- Na banca sur, fíxose a reconstrución de antigos pasos de auga en granito, debido a que se atopan tapiados. Polo que se proxecta a desmontaxe da cachotería, a preparación dos estribos mediante sillería, a reconstrución dos piares intermedios labrados e a colocación da lousa de paso entre os apoios.
- na banca oeste, acometeuse a reconstrución de varios tramos de muro e a reparación e/ou reposición de varios treitos do muro/peto de protección e a reposición do cordón posterior de terras.
Pola súa banda, a banca de Portamuíños foi profundamente alterada nos anos 80 para facer unha estrada por riba dela.
Na xunqueira do Ulló aínda aprécianse as gabias e algúns treitos dos muros das canles que deberon pertencer á Salina San José, pero tamén hai que ter en conta a forte alteración que significou a obra da estrada de carruaxes que se fixo a finais do s. XIX.
Estado casas da granxa: moi malo.
O conxunto de edificacións da casas da granxa presenta un moi mal estado de conservación.
Perderon a práctica totalidade da obra de carpintería; teitos, divisións e sobrados de madeira desapareceron por completo, e unicamente fica o resto dalgunha fiestra (e nalgúns casos conservan o enreixado metálico).
A obra de cantería (dunha calidade excelente) aínda se atopa nun aceptable estado de conservación. Os muros formeiros mantéñense sólidos, coa altura orixinal e sen apenas derrubes; tanto os de cachotería que hai nas cortes e o muro de feche, como os de parede dobre das casas. Entre as casas, o único derrube significativo é o da escaleira da casa do caseiro, onde tamén hai un desprazamento dos perpiaños das divisións, así como a caída e desprazamento de varias pezas de gran tamaño da cornixa. Non obstante, para conservala cantería é precisa unha intervención urxente, cando menos para retirar a presión da vexetación, xa que, amais das hedras, hai árbores de gran porte dentro das estancias e pegadas ao muros. Do cuberto unicamente fica en pé un dos sete piares de pedra.
Tamén hai que considerar como alteracións extemporáneas algunhas das divisións e cambios na distribución (apertura e feche de ocos, tabiques de tixolo, reboques de cemento,...) feitos para aumentar o número e calidade dos fogares ao longo da primeira metade do s. XX.
(avaliado en inverno do 2018)
Cívica
Visita
Libre
Uso actual
Espazo renaturalizado, zona de paseo e lecer.
- A totalidade da superficie das antigas salinas é Dominio Público Marítimo-Terrestre.
- As casas e terras da antiga granxa pertencen a un gran número de propietarios/as, a maioría veciños/as de Vilaboa.
Propiedade
Protección
histórico-cultural
- Tanto a "Salina Ulló" como o "Muíño de mareas ou Bancas de Casó" están incluídos no Catálogo do Plan Básico Autonómico.
- Amais, todo o conxunto pertence á "Rede Natura 2000".
Afectación
urbanística
A totalidade da superficie da finca da granxa das salinas é "Solo non urbanizable", de tipo "normal" ou de "protección especial" (ver plano).
- As bancas das salinas, así como os sendeiros da finca da granxa, xa foron integrados nunha rede de sendeiros turísticos.
- O Concello de Vilaboa está estudando a posibilidade de iniciar a consolidación e aseguramento das construcións da granxa.
Proxectos de
reutilización
Coñecer máis
Patrimonio
relacionado
Lembranzas e noticias de José Alberto Agulla Bará, veciño de Vilaboa e membro da "Asociación As Salinas do Ulló". *8
Testemuñas
Bibliografía
*1: LARA COIRA, MANUEL. Pegadas da industrialización en Galicia; A Enseada de San Simón. A Coruña: ed. Ézaro e Buxa. 2016.
*2: JUEGA, JUAN. "Salinas Locales, 1", en "Faro de Vigo (ed. Pontevedra)". 18-V-2013. Consultado o 4-VII-2018.
*3: CASTIÑEIRAS GUERRA, MANUEL. Vilaboa do Morrazo. Pontevedra: edición do autor. 1979.
*4: ROMÁN LOSADA, ALBERTE. Sal, Sardiñas e Peiraos; Achega ao patrimonio marítimo na Ensenada de San Simón. Redondela: Edita Asociación Cultural Alén Nós. 2009.
*5: CALO LOURIDO, FRANCISCO. "Notas para o estudo do sal en Galicia. Peripecias dunhas salinas"; en "Portugalia", n.º 17-18, páxs. 211-218. 1996-7.
*6: BARBANZÁN IGLESIAS, ANA. "La expulsión de los jesuitas de Pontevedra a través de los fondos bibliográficos del Museo de Pontevedra", en www.museo.depo.gal.
*7: "Salina de Ulló. Un rincón de naturaleza e historia" . Na web de "Bicicleteando". Consultado o 13-VII-2018.
* COSTAS GOBERNA, FERNANDO JAVIER e HIDALGO CUÑARRO, JOSÉ MANUEL. Las salinas de Vigo. Aproximación al estudio de las salinas de la desembocadura del río Lagares (Vigo). Ed. Instituto de Estudios Vigueses.
* Ficha 167 do Inventario da "Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa www.asociacionbuxa.com. Consultado o 14-VII-2018.
* Ficha 53 do "Invetario de recursos turísticos da Enseada de San Simón". Feito por "A Citania" para o proxecto "MARISMA" do Concello de Redondela. 2010.
Á asociación "As Salinas do Ulló" e ao Concello de Vilaboa polas fotografías e informacións aportadas para a elaboración desta ficha.
Agradecementos