Ficha 006

CONSERVAS SUEIRO

Tipo

Salga e conserveira

Sector

Pesca

Uso actual

Vivenda

Concello

Soutomaior

Parroquia

Arcade

Lugar

Peirao

Enderezo

R/ Peirao, 19

Coord.

N 42º20'23'' O 8º36'44''GPS: 42.3399, -8.6124

Conxunto orixinal
Vista aérea da finca e edificacións da salga e conserveira Sueiro ao pouco da súa fundación. Foto do Fondo de Soeane Franco, Museo do Mar. Circa 1950.
Edificio principal en 1970
Fachada do edificio principal, vista dende a entrada, fronte ao mar. Foto do arquivo de Ovidio Soto González. Circa 1970.
Estado actual
Aspecto do edificio principal na actualidade. Foto de Ovido Soto González. Ano 2014.

Historia

Fundación

1945

Feche

1978

Fundador

Ramón González Sueiro

O peirao de Arcade en 1950
Vista aéra de Arcade, en primeiro termo o peirao e teleférico da Fábrica de Carburos de Laforet. Foto do Fondo de Soeane Franco, Museo do Mar. Circa 1950.
Conservas Sueiro en 1950
Foto do Fondo de Soeane Franco, Museo do Mar. Circa 1950.
Parte traseira en 1960
Vista da fachada da nave anexa. Foto do Arquivo de Conservas Sueiro. Data aproximada 1960.
Vista xeral traseira
Foto do Arquivo de Conservas Sueiro. Data aproximada 1950.
Traballadoras empacando
As traballadoras na fase final da producción, empacando latas pequenas. Foto do Arquivo de Conservas Sueiro. Data aproximada 1960.
Antes do recheo
Vista da beiramar de Conservas Sueiro ao iniciarse o recheo. Fondo Seoane Franco, arquivo do Museo do Mar. Ano 1988.
mostrar máis

Reseña

Cando Ramón González Sueiro (nado en 1885 no lugar da Barca, concello de Pantón) chegou a Arcade no outono de 1940 para comerciar durante 4 meses con peixe e mariscos, acumulaba xa unha dilata experiencia de comerciante e pequeno industrial. Con tan só 17 anos, xunto coa sua esposa Consuelo Rodríguez Mosquera, montou unha casa con tenda e hospedaxe á beira da estación de San Pedro de Canabal. Tras un periplo americano, o casal voltou a Canabal en 1914, iniciando múltiples negocios: un serradoiro, unha carpintería e tonelería, unha panadería mecanizada, unha fábrica de lixiva, unha de galletas e caramelos, e por último, unha de gaseosas e refrescos. Durante a Guerra Civil, Ramón G. Sueiro levará co súa camioneta diferentes mercancias ao frente de Asturias. 1 e 2.

A primeira experiencia co peixe e marisco en Arcade debeu ser ben proveitosa, Ramón repite nas seguintes tempadas. En 1943 monta un posto no Mercado Central de Madrid como "Asentador de pescado y marisco"(que mantén ata 1951). En 1944 comeza a mercar e unir terreos entre a beira do mar e a estación de ff.cc. de Arcade, para seguidamente comezar a erixir unha casa para a súa residencia. cun amplo baixo e anellos para usos productivos .Para superar a estacionalidade derivada da veda do marisqueo, Ramón solicita concesións de distintos viveiros: en 1945 obtén a súa primeira concesión de 300 m2 en Punta Sobreiro, en Soutoxuste, que despois ampliara cara Punta Rotiveiro ata os 500 m2; en 1957 obtén outra concesión de viveiro de 400 m2 na area do porto de Arcade. 

Pola mesma, para superala estacionalidade, decíde facerse conserveiro, e comeza a adquirir equipos e maquinaria (de segunda man principalmente). Dada a intervención estatal no mercado de materias primas como o aceite e folla de lata (o "cupo"), e a presión dos conserveiros xa asentados, foille moi difícil obter a licenza gubernamental para iniciar legamente.

A que si obtivo en 1946, foi a licenza para a salga de peixe e envasado de ameixa ao natural en tarros de cristal. Na solicitude perante a Delegación Provincial de Industria, Ramón G. Sueiro indica que ten un capital social de 46.000 ptas. e un horizonte productivo de 180 tns de salga e 156 tns de ameixa; para semellante producción contaría cuha plantilla 5 homes e 15 mulleres, unha caldeira de vapor de 15 CV, 2 autoclaves, unha cerradora de vidro, vinte pías de salgar, 6 prensas e ferramentas varias. En 1948, a Fiscalía Provincial de Tasas investiga a Ramón G. Sueiro por elaboración ilegal de conservas en aceite.

No ano 1953, nunha carta ao Xefe da Delegación de Industria, Sueiro suplica que ainda que non se lle conceda "cupo" de aceite e folla de lata, se lle de permiso para elaborar "conservas de marisco e pescado, utilizando envase de madeira e vidro" xa que ten a maquinaria precisa pra facelo. A que si prosperou en 1954 foi a solicitude de concesión de 3 bateas para o engorde de mexilón no estreito de Rande. 

Tamén en 1954 obtén unha primeira autorización para fabricar, aproveitando os refugallos das industrias metalgráficas de Vigo, conservas en lata. En 1956, o seu xenro, Ovidio Soto Conde, solicita sen éxito unha concesión para ter un "viveiro flotante experimental para o cultivo de ostra". Finalmente en 1957 obtén licenza de cupo para a folla de lata que adquirirá a "La Artística" de Vigo. 

Esta licenza chegou ao final da vida profesional de Ramón G. Sueiro. Ainda que "Conservas Sueiro" xa era unha empresa consolidada, chegando a empregar a 50-60 persoas (3) ; ningún dos seus tres fillos varóns (que si manteñen os negocios familiares en Lugo), quixeron facerse cargo da conserveira. En 1961 (cando Ramón xa ten 76 anos) aluga a fábrica a Jaime Díaz Montenegro por 6 anos; que acaba cancelando o contrato anticipadamente en 1964. Deste xeito que Ramón G. Sueiro volta a dirixila, ata que en maio de 1965 atopa un novo arrendador na sociedade de José Rodríguez e Berta Pascual, que viñan de estar arrendando a instalación de Manuel Otero Lago en Vilavella, Redondela. .

Ramón G. Sueiron morre en 1969, e é a súa filla Leonor é a que herda a casa-factoría de Arcade. Trala marcha de "Rodríguez, Pascual & Cía." en 1974 (cando se mudan a súa actual localización no porto de Cesantes), Leonor e Ovidio atopan un nova arrendatario en Alipio Santiago Ferro, que baixo a denominación "Conservas Sampemar", emprega as instalacións como cocedoiro de marisco subcontratado por conserveiras de Vigo e Arousa. 

A quebra de Alipio en 1978 significou o fin da actividade industrial na pequena conserveira de Arcade; tamén nese mesmo ano caducaron as concesións das bateas. Non obstante os herdeiros de Ramón G. Sueiro siguen habitando nela, conservando a memoria e boa parte da materialidade das diferentes actividades e épocas desta singular conserveira. 

Procesos

e

productos

A primeira actividade de Ramón G. Sueiro, a trata de peixe, e sobre todo marisco fresco, baseouse nas facilidades que lle provía o enclave do Porto de Arcade, onde por unha banda se viñan desembarcando o marisco dos excelentes bancos da Enseada de San Simón, e por outra, estaba moi perto da estación de ff.cc. e da estrada N-550 para expedila áxilmente aos mercados. Non obstante, dende mediados do s. XX a ostra foi exquilmada na Ensenada de San Simón, e Sueiro houbo de recurrir as que lle traían por barco dende Bueu, e por estrada dende Cambados.

Ramón G. Sueiro, gracias as súas actividades anteriores, contaba cunha rede comercial e medios propios para a distribución. Amais a "Ostra de Arcade", que de sempre foi unha "marca" con sona no mercado nacional, debeulle abrir moitas portas e debeu facilitarlle conseguir novos clientes para todos os seus productos, principalmente en cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao e Zaragoza. 3

Para o suministro de mexilón, dende 1954, Ramón G. Sueiro contou coas 3 bateas propia. A primeira producía 12 tn/ano (encargada no astaleiro de Acuña, en S. Adrián de Cobres), e outras dúas 20 tn/ano. O peixe principal, no caso da salga e conserva hermética, era sobre todo de sardiña, ainda que tamén recorríase a bocarte, chinchos, xurelos e xardas. Estas especies eran adquiridas no porto de Arcade, e dende 1961 no mar, xa que foi autorizada a súa compra "a flote". Para ambas actividades, mercala sardiña e ir as bateas, Conservas Sueiro contaba cunha embarcación de 10 metros chamada "Primavera" e un peirao de rampla para desembarcar directamente á súa propiedade.

O procesamento da mercancía en fresco era ben sinxela. Ainda vivas, ostras, ameixas, navallas, croques,...,eran clasificadas manualmente polas empregadas en grande mesas de traballo según calidades e tamaños. Seguidamente embalábanse en caixas de madeira con cinchas metálicas e inmediantamente eran expedidas.

O primeiro traballo da salazón o facían as mulleres na mesa de traballo, onde limpaban, esvisceraban e abrían a metade os peixes antes de botalos nos píos con salmodia (auga de mar saturada con sal), onde ficaba durante unha ou dúas semanas. Pasado ese tempo, o pescado era escurrido, engadiaselles máis sal e eran cuidadosamente apilados nus barris de madeira, chamados tabales, para pasar a ser prensados. 2 e 4

Para o prensado Ramón G. Sueiro ideou un sistema orixinal e único: en lugar das prensas tradicionais de trabe e lastre, que ocupan moito espazo; o lugués adaptou prensas de viño de parafuso para comprimir as sardiñas nos tabales.

O proceso máis complexo era a conserva hermética; ainda que pequena en volume, "Conservas Sueiro" tiña unha gran variedade de preparacións: marisco e polbo cocido "al natural"; sardiñas, bocarte (anchoa), bonito,... en aceite; mexilóns, ameixas e outras especies en escabeche; croques en tomate,... 3

No caso da sardiña e peixes similares en aceite: De primeiras, as traballadoras, amais de abrir e esviscerar, tiñan que descabezar, e incluso nalgúnhas especies, filetear. Unha vez limpas, as pezas eran salpresadas e colocadas en grellas, que eran asimesmo estibadas nun carro que era introducido no autoclave para un primeiro cociñado. No caso das sardiñas ao "estilo Nantes", despois do autoclave a sardiña pasaba por unha fritura.

Unha vez cociñadas as pezas eran colocadas nas latas, e despois apiladas nunha mesas específicas (cubertas de chapa de zinc, para recoller o acite sobrante), engadiaselle o aceite (ou mollos). 

Da preparación dos mollos ocupábanse tamén as mulleres, mentres ca alimentación da caldeira e outras labores auxiliares o facía o encargado coa axuda dalgún outro home. Os mollos facíase nas pailas, unha especie de perolas semiesféricas, que se quecían mediante un circuito de vapor que proviña da caldeira central (tamén tiñan unha paila a lume). O mollo principal era o escabeche de aceite, cebola, allo, pemento, pirixel e loureiro. O pimentón viña de Murcia, e o aceite, cun sistema de barrís retornables, en barco dende Andalucía.

Unha vez fechadas nas sertidoras, as latas eran apiladas en cestas e un carro específico, e voltaban pasar polo autoclave para, con calor e presión provocalo seu feche hermético. Ainda que tamén se producían latas pequenas, de 1/4 kg, a maior parte da producción de Conservas Sueiro eran  grandes latones de 1, 1,6 e 2 Kg. 

Maquinaria

conservada

Caldeira de vapor
A caldeira de vapor, duns 20 cv. Foto de Ovidio Soto González; ano 2014.
Autoclave "Talleres León".
Autoclave fabricado nos "Talleres León" de Vigo. Ten unha capacidade aproximada de 3 m3, e unhas dimensións aproximadas de 2,5 x 1,6 x 1,6. Foto de Ovidio Soto González; ano 2014.
Interior autoclave
O autoclave coa porta aberta. No interior: carillo metálico e caixas de plástico nas que se colocaban as latas para o seu feche hermético. Foto de Uxío Reinoso Maset. Ano 2018.
mostrar máis

Materalia

Mesa de salgar
Mesa de salgar, feita de madeira. Duns 4 x 2 x 0,5 m. Foto Ovidio Soto González.
Bidóns de aceite
Bidóns metálicos de aceite, retornables, da casa "Ángel Camacho Alarcón", de Morón de la Frontera. Duns 60 cm de diametro e 1 m de altura aproximadamente. Anos 50-60 probablemente. Foto Ovidio Soto González.
Mesas de enceitar
Mesas para enceitalas latas. Estrutura de madeira e chapa de cinc. Anos 50. Foto Uxío Reinoso.
mostrar máis

Arquitectura

Superficie parcela

3.410 m2

Superficie construida

630 m2

Descriptiva

Ramón G. Sueiro mercou e uniu varias parcelas agrícolas, resultando unha gran parcela, en pequena pendente cara o mar, con forma de trapecio alongado no sentido L-O. A amplitude máxima da propiedade é duns 120 x 30 m. O límite oeste era un muro de contención sobre a beira do mar, ata que en 1988 fíxose o recheo. O resto da parcela foi perimetrado cun muro de feche; o lado Norte daba a camiño que leva ao peirao, o Sur a parcelas agrícolas, mentres que o extremo leste daba a un camiño que corría entre as factorias de "Ferrerias de Arcade" e "Carburos Laforet" e chegaba a estación de ff.cc. Toda a contorna, menos o lado sur, foi moi alterado nas últimas décadas polo recheo e a urbanización de bloques de vivendas.

Históricamente a casa-factoría contaba con 3 accesos. Na esquina noroccidental está a entrada principal, a que da a Rúa do Peirao. Na esquina oposta, houbo en tempos unha entrada traseira, que, mediante un camiño polo interior da propiedade, permitia a carga e descarga de camións directamente ás naves e almacén da conserveira. No 1947 constrúese un peirao de rampla, mediante o cal se desembarcaba a materia prima directamente ao patio de entrada. 

As construccións concéntranse na metade Oeste da propiedade; mentres que na metade Leste, era o espazo para o xardín da casa, o camiño interior, tres pozos e un depósito elevado de auga (que foi demolido).

Entre as construccións conservadas, pódense diferenciar os seguintes volumes:

O "edificio principal". En orixe consistía nunha casa de dous pisos de dúas plantas duns 16x12 m: a baixa adicada a labores producitivas, e a primeira a vivenda. Este edificio, rematado en 1945, foi proxectado polo arquitecto Alfredo Vila López. As fachadas son perpiaños de granito, en fiadas de 40 e 50 cm e de lonxitudes variables; as dúas primeiras fiadas son uns centimetros mais grosas, sobresaindo un tímido zócolo. Sen revestimento nen detalles decorativos algúns nos lenzos de granito apiconado; sendo as fiestras e portas discretas aberturas entre os perpiaños; o aspecto xeral é sobrio e de gran solidez. A fachada Oeste distínguese como a principal pola súa orientación cara o mar e o patio de entrada, e pola existencia dunha escaleira exterior (de fábrica de tixolo e formigón) que, mediante unha pequena terraza, da acceso a primeira planta da vivenda e ao despacho ubicado sobre o "anello". A cuberta orixinal era de tella do país a 3 augas, cun pinche na fachada sur.. A planta baixa , a productiva, ten unha altura considerable, uns 3,5 m; un único piar e viga trasnversal de formigón armado sustentaba un sobrado de madeira. Esta planta baixa albergou a zona "limpa" da conserveira, coas prensas da salga, as sertidoras e as mesas de empaque das latas. Este baixo ten unha porta para o persoal no lado oeste, cara o patio, mentres que, na esquina oposta había un portalón para vehículos, que coa adición das "naves", converteuse nun arco de tránsito entre ambos espazos da factoría.

O "anello", ubícase entre o "edificio principal" e o muro da beiramar, facendo de lindeiro sur coa parcela dunha antiga carpintería de ribeira. É un edificio alongado, duns 14 x 5 m, dúas plantas. Os muros exteriores son de perpiaño de granito, mentres a parede que da ao patio e os paramentos interiores son de tixolo revocado con formigón. Na planta baixa había 12 pías de salgar, unhas balsas para gardalo escochado e tamén un almacén para a sal. Na planta alta, recentemente demolida, tiña Ramón G. Sueiro a súa oficina amais de espazo para gardar algunhas ferramentas e outros obxetos.

As "naves". Adosadas pouco despois do remate "edificio principal". Son 3 naves de 14 metros de fondo e distintas anchuras. Os paramentos e os piares interiores foron feitos en tixolo, e estaban enlousadas ata unha altura duns 1,60 m. A cuberta era de madeira e tella do país.

 A nave máis grande é a norte, de 7 metros de ancho, sobresaindo uns 4 sobre a liña da fachada norte do "edificio principal", onde se abre un portalón cara o patio; era este o espazo onde ser descargaba e dispuña a materia prima; a esquina nooriental é o lugar da caldeira, de onde saia un circuito de calor que alimentaba os autoclaves, as pailas e as balsinas de cociñado; a cuberta desta nave é a unha auga, verquida cara o interior. A nave central ten 4,5 m de ancho e cuberta a dúas augas; ao longo da parede leste había varias pailas, e no centro unha mesa de traballo; no lado leste abríase un portalón (cegado pola adicción do almacén), mentres que no lado oposto mantivose a porta cara o baixo do "edificio principal".  A nave sur é de 6 m de ancho e ten unha cuberta a unha auga cara o interior; na esquina sudoriental abrese un portalón cara o camiño interior, e do lado oposto , outro cara o baixo do "edificio principal"; boa parte da parede sur está ocupada por 7 pías de salmoria cun depósito de auga incorporado; o centro desta nave é ocupado por unha inmensa mesa para salgalo peixe.

O "almacén". Adosado nos últimos tempos da conserveira para almacenar a mercancía. Ten unha dimensións de 13 x 9 m; no lado norte segue a liña das "naves", mentres que a fachada sur esta retranqueada uns 4 metros e nela abrese un portalón cara o camiño interior. En orixe era de cuberta de chapa ondulada a dúas augas. 

Planos

Distribución elementos
Croquis de Ovidio Soto González (neto de Ramón G. Sueiro) coa distribución orixinal da maquinaria e outros elementos productivos de "Conservas Sueiro"
Distribución funcional
Croquis de Ovidio Soto González (neto de Ramón G. Sueiro) coa distribución funcional dos espazos de "Conservas Sueiro".
Croquis prensa
Croquis de Ovidio Soto González coa disposición da prensa enxeñada polo seu avó Ramón G. Sueiro. Extraido de Manuel Lara Coira (op. cit.)
Mostrar mais

Estado de

conservación

Estado xeral: bo.

A maior parte dos elementos constructivos consérvanse en moi bo estado e están sendo obxeto de mantemento por parte dos herdeiros de Ramón G. Sueiro, que ainda habitan a antiga casa-factoría, e adican boa parte do espazo do baixo e as naves como depósito de conservación da maquinaria e outros obxetos de "Conservas Sueiro"Únicamente cabe sinalar algunhas desaparicións e transformacións de elementos secundarios.

Desapareceu unha pequena caseta, no lado norte do patio de entrada, que se emprega como vestiario e comer do persoal; a segunda planta do anello tamén desapareceu, así como o depósito de auga elevado que había na parte leste da parcela. Por outra banda, o recheo fixo desaparecer a rampla que baixaba ao mar dende o lindeiro oeste.

Entre as alteracións a máis significativa é a reforma do "edificio principal", na que se engadiu unha planta baixo cuberta, transformado a cuberta de 3 a 4 augas; no baixo fixeronse varias divisións e habilitouse unha escaleira interior para usos habitacionais; as carpinterias de fiestras e portas foron renovadas. Por outra banda, nas "naves" central e norte cambiáronse as cubertas orixinais de estructura de madeira por unhas metálicas, fixéronse algunhas paredes de separación entre as naves, e revocouse por riba da maior parte do enlousado; a cheminea férrica que había na esquina nororiental, sobre a caldeira, apodreceu e foi retirada. A nave sur si que mantén a cuberta e paramentos orixinais. O exterior da planta baixa do "anello" tamén se conserva no estado orixinal, incluso coas carpinterias de madeira dos anos 50.

Mención aparte merecen a maquinaria, equipos, documentos e enseres cuidadosamente conservados e nalgúns casos restaurados e en estado de funcionamento; entre os que destacan unha caldeira de vapor en bo estado, un gran autoclave en moi bo estado, así como 4 maquinas sertidoras de diferentes épocas, unha trituradora e unha rebordadora de lata restauradas, 5 pailas , unha carreira en excelente estado de conservación, mesas de traballo, balsinas, ferramenta de todo tipo, ...  un pequeno gran museo que merecía estar a disposición pública.

(evaluado en inverno de 2018)

Dende a entrada
O baixo do edificio principal era a "zona limpa" da producción (sertidoras, mesa de empaque, prensas,...). Foto Ovidio Soto González.
Edificios principal e auxiliar
Á dereita o edificio auxiliar; na pranta baixa estaba o alfolí (almacén da sal) e pías de salga almacén; na 1ª a oficina. Foto Ovidio Soto González.
Traseira
Vista traseira, co camiño de saida, o almacén, e detras de el a antiga fachada das naves. Foto de Uxío Reinoso Maset.
Esquina suroccidental
Esquina suroccidental de Conservas Sueiro, visto dende o recheo. Adosado ao muro, unha casetiña que en tempos foi un estaleiro de ribeira. Foto Uxío Reinoso Maset.
Nave norte
A máis ampla das naves, a norte; onde se recibía a materia prima, e onde estaban a caldeira e autoclaves (no mesmo sitio que agora). Foto de Uxío Reinoso Maset.
Entrada as naves
Vista oposta da nave norte, coa entrada de descarga do peixe. Á dereita, repousan as trabes da cuberta orixinal. Foto de Uxío Reinoso Maset.
mostrar máis

Cívica

Visitable

Programada

Uso actual

Residencial

Herdeiros de Ramón González Sueiro

Propiedade

Proteccion histórico-cultural

Ningunha

Afectación 

urbanística

- A totalidade da parcela é "Solo Urbano Non Consolidado". Incluída na "AR-A-5, Peirao 2" (ver plano).

- Está planeado abrir unha rúa, que derribando as naves, crearía dúas couzadas : 

- A metade oeste da parcela, incluida o "edificio principal", son calificado como "Equipamento Público".

- A metade leste é calificada como "Edificación intensiva de vivenda plurifamiliar en quinteiro ou ringleira.

Non se coñecen

Proxectos de

reutilización

Coñecer máis 

* Industrias suministradoras de Conservas Sueiro.

* La Artística.

* Talleres Alonarti.

* Cordelerias Mar.

* Estaleiro de Acuña.

* Virutadoras del Noroeste.

* Conservas JOB / Rodríguez, Pascual & Cía, en Cesantes.

Patrimonio

relacionado

Entrevistas persoais de Uxío Reinoso Maset con Xósé Ramón Oviodio Soto González, neto de Ramón González Sueiro, no inverno 2017-2018 (sen documentar). 1 

Testemuñas

Bibliografía

* LARA COIRA, MANUEL. Pegadas da industrialización en Galicia; A Enseada de San Simón. A Coruña: ed. Ézaro e Buxa. 2016. 2

ROMÁN LOSADA, ALBERTE. Sal, Sardiñas e Peiraos; Achega ao patrimonio marítimo na Ensenada de San Simón. Redondela: Edita Asociación Cultural Alén Nós. 2009. 3

* GARCÍA, TONI. "Construccións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva";  en "Ardentía; Revista Galega da Cultura Marítima e Fluvial", nº3, páx 35. 2006. 4

Ficha 266 do Inventario da "Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa"  www.asociacionbuxa.com. Consultado o 15-I-2018.

* Ficha 66 do "Invetario de recursos turísticos da Enseada de San Simón". Feito por "A Citania" para o proxecto "MARISMA" do Concello de Redondela. 2010. 

A Xósé Ramón Ovidio Soto González por aportar informacións e documentos para realizar esta ficha, e tamén por conservar e amosar o patrimonio de Conservas Sueiro.

Agradecementos