Ficha 010
CETARIA VELLA
Tipo
Cetaria de langosta
Sector
Pesca
Uso actual
Talaso
Concello
Baiona
Parroquia
Baiona
Lugar
Monte Real
Enderezo
Av. Jesús Valverde
Coord.
N 42º07'31'' O 8º50'48'' GPS: 42.1254, -8.8468
Historia
Fundación
1915 ?
Feche
Década do 1960
Fundador
Enrique Pascual y del Río
Boda do fillo de Enrique Pascual
Boda do fillo de Enrique Pascual con Mª Mercedes del Río, celebrada o 14-05-1929. A dereita, tapándose a cara, o pai e padriño. O fillo, foi un destacado dirixente falanxista a nivel provincial. Foto de Pacheco en "Vida Gallega" do 15-05-1929.Aérea 1956
Vista aérea do "voo americano" de 1956. Nótese que ao norte da "cetaria vella", semella haber outra de menores dimensións.Aérea, 1970
Foto de agosto do 1970. Fondo de "Fotografía aérea y terrestre SL", do Arquivo de Galicia.Reseña
Dende finais do século XIX, a captura e comercialización de langostas e lumbrigantes converteuse nunha das máis puxantes e lucrativas actividades pesqueiras de Europa e Norte América. Se ben, xa de sempre, estes grandes crustáceos (ao igual ca ostra), eran prezado "prato de bispo"; o crecemento económico e os avances no transporte da revolución industrial, ampliaron o espectro social e número de comensais e de cociñas e restaurantes (incluso a moitos quilómetros no interior) que podían ofrecer "langosta viva".
Semella que os primeiros en practicala pesca industrial da langosta en Galicia foron os franceses. Que tras esquilmar os fondos rochosos das augas internacionais do Golfo de Biscaia e Mar Cantábrico, na década de 1880 chegan as costas atlánticas galegas. Así o conta o Petit Journal de París no 1886: "A langosta diminuíu en Fisterra e o Norte de España,... Este ano, unha verdadeira frota de pescadores franceses e españois dirixíronse cara a baía de Vigo...É tal a súa abundancia alí, que se colleron en menos de catro meses, soamente para os portos de desembarco e para os mercados franceses, máis de 34.000 langostas. Crese, segundo datos oficiais, que a cifra ascenderá a 100.000 ao fin da tempada... A pesca fíxose dende Corcubión ata a fronteira de Portugal; pero o centro máis importante de operacións é Baiona".
Quizais a razón pola cal Baiona converteuse no centro de operacións da pesca da langosta, sexa a súa situación xeoestratéxica, preto dos caladoiros (no exterior da ría) e así como da infraestrutura portuaria e nodo de transporte terrestre da cidade de Vigo. Tampouco debe desconsiderarse a importancia do consumo local: en Baiona, Nigrán e Gondomar abundaban os pazos e estaban a aparecer novos tipos de residencias vacacionais de elites galegas e doutras partes de España.
Sexa como for, nestas datas en Baiona comezan a especializarse tratantes de langosta (2), multiplícanse as descargas destes crustáceos e documentamos a fundación dos primeiro viveiros ou cetarias; algunhas veces un tanto improvisadas, como a "balsa da compañía explotadora dos tesouros de Rande" que se converteu en viveiro flotante en 1886. Tamén eran "viveiros flotantes" os 3 que no 1889 obteñen licenza do Concello de Baiona. A máis antiga cetaria de terra do Concello de Baiona semella que é a "cetaria vella", que obtivo licenza en 1911 a nome do veciño de Vigo, Enrique Pascual y del Río.
Enrique Pascual del Río (casado con Concepción Souto Cuero, en 1897, en Baiona), foi un avogado e político conservador que tivo un importantísimo papel no desenvolvemento dalgunhas das máis importantes empresas viguesas de comezos do século XX, así como na política local; chegando a ser concelleiro de Vigo, comisario de obras e "festexos e cultos", e vocal municipal na Caixa de Aforros.
No eido empresarial, foi membro do Consello de Administración Banco de Vigo no seu momento fundacional; chegando a ser no devalo de 1903 presidente (primeiro da man de Emilio Montenegro e José Curbera, e despois en solitario), e despois (no 1905) vicepresidente do mesmo. Dende esta posición tamén ocupou postos de responsabilidade nas fundacións empresariais do banco vigués, como a xerencia da "S.A. para o Abastecemento de Aguas a Vigo" (no 1905), e a presidencia da compañía viguesa de seguros "La Alborada". 3
Resulta difícil saber por que, e como, chegou Enrique Pascual a solicitar, en novembro do 1911, na Comandancia de Mariña de Vigo que "se lle conceda unha porción de costa consistente nun rectángulo de 30 metros de longo por 10 de ancho na praia de Monte Real y parte Este, no distrito de Baiona, co fin de construír unha cetaria". Non temos noticia de que Enrique Pascual tivese algunha outra empresa ou relación estreita co mundo do mar e a pesca; unicamente, cabe pensar que Enrique Pascual, un home cunha intensísima vida social (obras de caridade, teatro, deportes,... e sobre todo, vodas), se introducise no negocio da langosta en base a súa experiencia organizando e participando en veladas e banquetes da alta sociedade viguesa (nomeadamente, os que se celebraban no seu domicilio, as "Torres de Penedo"; actual colexio Labor, na rúa Camelias), e que quizais decidise poder ofrecer aos seus socios, clientes, compañeiros de partido e amigos, langostas e lumbrigantes da súa propia "colleita".
Sexa como for, si que semella que foi unha actividade secundaría para el, xa que a pesar de que debía contar con grandes influencias, capacidade organizativa e recursos financeiros, a construción da cetaria de Monte Real, demorouse 4 anos, xa que en maio do 1915 a Administración ten que concederlle "un novo prazo improrrogable de cinco meses, para a terminación dos traballos de dita cetaria".
Descoñecemos que aconteceu despois, se efectivamente a cetaria chegou a funcionar, e en caso de que así fora se foi Enrique Pascual o que iniciou a explotación, cal foi a razón e evolución empresarial, e canto durou. Pola súa banda, semella que a fortuna de Enrique Pascual correu paralela ao do Banco de Vigo, que quebrou en 1925: a comezos do 1933, Enrique Pascual perde o seu preito contra a Comisión Xestora do Banco de Vigo pola liquidación do mesmo; e en setembro dese mesmo ano, o xulgado de Vigo executa o embargo da casa e finca das "Torres de Penedo" a favor da Caixa de Aforros de Vigo, por causa de un empréstito hipotecario de 350.000 ptas. concedido en 1930.
Segundo a memoria de Mª Teresa Puerta Romalde (filla de Serapio Puerta) (1), a súa familia obtivo a concesión desta desta cetaria (que eles chamaron a "de madeira") arredor do ano 1954, entre tanto non remataban as obras e posta en funcionamento da nova na Punta do Boi ("a de pedra" para eles, coñecida comunmente como a "de Serapio"); e que nesas datas, a "cetaria vella" levaba tempo abandonada, e que incluso cre que aquela estrutura tivera unha orixe distinta á de cetaria, e que en calquera caso, foi preciso unha reconstrución fonda e dotala dunha cuberta de madeira para poder conservala mercancía correctamente.
A familia Puerta-Romalde mantivo a explotación da "cetaria vella" ata comezos dos anos 60, xa que as repetidas destrucións da cuberta de madeira pola accións dos temporais fixo preferible concentrala explotación na nova, "a de pedra", e ademais coincidiu cunha etapa complicada para a familia pola enfermidade de Parkinson que comezou a padecer o pai, Serapio.
Dende entón a "cetaria vella" permaneceu en inactividade, ata que a comezos do ano 2013, o Concello de Baiona, inicia o proxecto "Poseidón" para converter, mediante unha fonda intervención arquitectónica, a antiga cetaria nun "talaso-spa". Nunha primeira fase, no ano 2014 a antiga cetaria é inaugurada cos usos de solarium e piscina de baño (4); nunha segunda fase, acometida no 2016-18, fanse algunhas remodelacións para completar o uso balneario con equipamento de chorros de auga e introducións dos tratamentos de pel con algas (5).
Procesos
e
produtos
Unha reportaxe de "Almanaque Gallego" de Bos Aires de 1908, danos unha imaxe xeral dos primeiros tempos da pesca industrial da langosta (1880-1936), o crustáceo capturábase "...en costa aberta, fora das rías e sen chegar a alta mar; é dicir, arredor das rías abertas...(en) Rinlo, Foz, Mois, Burela, S. Cibrao e Bares,..., Cariño, O da Coruña (punta Langosteira...), Caión, Razo, Malpica, Corme, Laxe, Sabadelle, Fisterra, Muros, O Son, Corrubedo, O de Baiona (punta Langosteiros, fronte o mosteiro de Sª Mª de Oia), ata a parte inmediata da Guarda, a unha ou dous millas de terra...Pescase en redes, dunhas 30 brazas de largo, unha de ancho e mallas de media cuarta, con flotadores de cortiza nunha liña superior de corda e chumbos ... As embarcacións, con este aparello, están dous ou tres días na mar... A época mellor é dende setembro, que termina a veda protectora da cría; e sobre todo en setembro, outubro e novembro, a abundancia é grande. Os mariñeiros venden as langostas, recen sacadas do mar, aos traficantes... O traficante pasa a langosta ao mercado se hai consumo local...pero, polo xeral, almacenase a langosta, conforme vaise comprando, na cetaria. É un espazo tomado á mar, amurallado, de metro e medio de alto, cuberto por unha rexa de madeira ou ferro, e aínda medio metro mais de parede... Cando hai que botar o recoller algunha langosta, achegase a persoa encargada -que non está alí ordinariamente-, abre un portelo e apoiándose en barrotes entra a realizar o seu cometido,...O mar trae os alimentos indispensables: só algunhas veces bótanse cestas de sardiñas...(acudindo tamén) camaróns, que son froito substancioso para a langosta...Todos os días, á baixa mar, sitúase un garda dentro e abre a comporta que ten a cetaria, de ferro, con marco de cortiza...que impide a saída da langosta e permite o paso de camaróns e outros medios nutritivos á (seguinte) entrada do mar...Do traficante que o merca ao mariñeiro, pasa ao comerciante que a expende ao consumidor. Grandes cantidades envíanse de Galicia a Madrid e outros puntos do interior e aínda da costa mediterránea...Va la langosta atada, sen outro embalaxe; y viva chega a Madrid, e viva bótase a cocer...nas épocas de máis calor, fai falla mandalas en xeo... A maior parte, sen embargo vai ao estranxeiro...Van barcos alxibe a Burdeos, a Havre, (e) outros portos do norte de Francia, de Bélxica, de Holanda e aínda Alemaña..provindo aos mercados de París e outras capitais de Europa." Semella, que nestes primeiros tempos esta exportación aos portos europeos facíase en "pequenos barcos de cabotaxe...chamados viveiros", sendo esta a derradeira frota comercial das que houbera no que noutrora fora o importante porto de Baiona (2).
Como referencia para tempos mais modernos, temos o caso da familia Puerta-Romalde. Mª Teresa Puerta Romalde cóntanos que a veda era de setembro a maio; os crustáceos eran comprados aos pescadores na praia da Ribeira de Baiona, e sobre todo na Guarda, e metíanse en cestos de ata 50 kg e trasladadas a pé polo sendeiro de Monte Real, tan só cando o volume da mercancía permitía o gasto, fretábase un barco para descargalos cestos directamente na cuberta. As langostas eran alimentadas con mexillóns e estrelas de mar, amais dos nutrientes que lles podían chegar mediante a acción das mareas. 1
Maquinaria conservada
Non se coñece
Materalia
Arquitectura
Superficie parcela
Non procede
380 m2 (aprox.)
Sup. ocupación
Descriptiva
A "cetaria vella" atopase no lado oeste da monte-castelo de Monte Real ou Monte do Boi; moi preto da Torre da Tenaza e do espigón do porto, polo seu lado exterior. O lugar esta abrigado do mar de fondo, pero non tanto dos ventos e temporais do Norte; resultando un lugar fortemente batido, cousa que favorece a nutrición dos crustáceos, pero que tamén causou a repetida destrución da cubertas de madeiras que houbo de reconstruirlle repetidas veces Serapio Puerta.
Descoñecemos as características orixinais da "cetaria vella", unicamente sabemos que en 1911 o que se proxectou foi "un rectángulo de 30 metros de longo por 10 de ancho".
A estrutura que conservamos hoxe consiste nun rectanguloide duns 37-39 metros de longo por 10 de ancho disposto apuntado cara o NNO. Analizando a forma e composición da muralla perimetral aprécianse dúas feituras: no terzo e extremo N tratase dun muro, de máis dun metro de ancho, feito en cachotería de pezas de moi diverso tamaño asentado sobre cemento; mentres que no treito central e extremo S tratase dun muro de encofrado de formigón e cachotería mediana, recto cara o exterior e levemente ataluzado cara o interior. Todo parece indicar que este sector S da cetaria é unha construción e/ou reconstrución feita por Serapio Puerta arredor de 1954; mentres que o extremo N probablemente pertenza a unha fase anterior. Como dixemos, Mª Teresa Romalde dubida que antes da reconstrución feita pola súa familia aquilo fose unha cetaria de langosta. Para máis desconcerto, 30 metros cara o noroeste atopamos os restos dun muro duns 15 metros de longo que ben pode ter pertencido a outra cetaria, tal e como semella que hai na foto aérea do voo americano de 1956 (pero que tampouco se corresponde co proxectado en 1911).
Por outra banda, o lado Oeste da cetaria é unha combinación de muro de cachotería grande asentada en formigón e treitos de desmonte labrado na rocha do lugar. Actualmente o fondo e case totalmente areoso, e a piscina resulta dunha profundidade de entre 1,5 e 1,8 metros.
Cando menos, nos tempo dos Puerta-Romalde (1954-1965 aprox.), a cetaria estaba dividida en varias piscinas por muros transversais feitos de encofrado de formigón e cachotes. Aínda hoxe en día, no secto sur da muralla lateral pervive a testemuña do arrinque dunha destas divisións transversais. Como dixemos, nesta xeira a cetaria tiña unha cuberta, que segundo testemuña de Mª Teresa Puerta Romalde, consistía nun enreixado de madeira coas súas portelas para sacalos crustáceos.
Tamén queda no muro do lado exterior os restos dunhas tubaxes para a circulación da auga dende o exterior.
Estado de
conservación
Estado xeral: bo.
O proceso de rehabilitación iniciado en 2013 significou a consolidación da muralla perimetral, pero tamén pequenas reformas e adiccións "superficiais" que alteraron moderadamente a apreciación da estrutura e a súa contorna inmediata.
O muralla no extremo N foi parcialmente desmontada e volta a montar. Amais, nese e noutros treitos atopamos tamén pezas e adoquíns de granito rosa de Porriño que non semellan orixinais (probablemente colocados en 1995, cando se interviu en todo o paseo do arredor de Monte Real, e tamén na cetaria de Serapio) .
Dentro da habilitación como talaso-spa, para que os bañistas poidan descer ao interior da piscina fíxose unha escaleira de chanzos dunha soa peza de granito de gran fino; así como outra de semellante características, para descer ao mar polo exterior do muro do lado Sur. Co mesmo tipo de pezas de granito fino fíxose unha plataforma onde van instalados os 5 aspersores metálicos da hidroterapia (3 canóns e 2 cortinas). Baixo estes aspersores, no interior da piscina, construironse tamén dúas amplas plataformas de aceiro e madeira.
Amais, para o doado acceso e estancia dos bañistas fixéronse dúas amplas plataformas (unha delas elevada) de estrutura de vigas de aceiro cun piso de travesas de madeira de piñeiro.
Nos arredores tamén colocaron bancos de bloques de granito soltos e outro banc corrido de formigón. En diferentes puntos do conxunto instaláronse varandas metalicas para aseguralo transito e evitalas caidas a distinto nivel.
Sopesando o positivo da consolidación da estrutura, e o negativo das múltiples alteracións e superposicións de materiais, e considerando que estas alteracións son pequenas e máis ben superposicións e non destrucións: calificamos o estado xeral de conservación como relativamente "bo".
(evaluado en iverno de 2019)
Antes da rehabilitación
Vista do interior da "cetaria vella" arredor do 2013, antes de comezalos traballo de conversión en uso balneario. Foto: Concello de Baiona.Transformación
Vista do interior da cetaria despois da primeira fase de rehabilitación como "talaso-spa", e durante os traballos da segunda. Foto: Uxío Reinoso Maset, outono 2018.Estado actual
Vista dende o interior da piscina. Apreciese o resto do muro de separación das antigas balsas da langosta. Foto Uxío Reinoso Maset, febreiro 2019.Muralla exterior
Foto na que se aprecia os dous tipos de muros que compoñen o perimetro da "cetaria vella". Foto Uxío Reinoso Maset, febreiro 2019.Cívica
Visitable
Accesible
Uso actual
Talaso-spa, piscina, solarium,...
A totalidade da cetaria, incluida a plataforma do solarium, está incluida no Dominio Público Marítimo Terrestre.
Propiedade
Proteccion
histórico-cultural
O espazo está declarado polo PXOM de Baiona de 2014 como "área de cautela arqueolóxica" asociado ao Castelo de Monterreal.
Afectación urbanística
Ningunha, non é edificable nin urbanizable
Xa se realizaron as dúas fases reahabilitación e reutilización do espazo com talaso-spa, dentro do proxecto "Poseidón", do Concello de Baiona coa colaboración dos GALP e a Deputación de Pontevedra.
Proxectos de
reutilización
Coñecer máis
* Cetarias de langosta:
- "de Serapio" (Baiona)
- de Baredo.
- Restos da toma de auga da cetaria "de terra", da rúa Marques de Quintanar
- do "Lago dos nenos" (Cíes-Coia)
* Fundacións vinculadas a Enrique Pascual.
- Depósitos de auga do Castro.
* Instalacións da familia Puerta-Oviedo.
- PescaPuerta 1 (Vigo)
- PescaPuerta 2 (Vigo)
Patrimonio
relacionado
Entrevista telefónica con Mª Teresa Puerta Romalde, feita o 22-11-2018. 1
Testemuñas
Bibliografía
* DE SANTIAGO, JOSÉ e NOGUEIRA, ULPIANO. Bayona: antigua y moderna. Madrid: Imprenta del Asilo de Huérfanos del Sagrado Corazón de Jesús. 1902. 2
* CARMONA BADÍA, XOÁN MUÑOZ. "José Ramón Curbera Fernández", en Empresarios de Galicia (Carmona Badía, Xan; Coord.). A Coruña: CIEF. 2006. 3
* TORRES, MÓNICA. "Baiona recupera su cetárea como solario en la playa". En La Voz de Galicia, do 25-02-2014. Consulatdo o 18-12-2018. 4
* TORRES, MÓNICA. "Baiona abrirá este verano el primer talaso natural de Galicia al aire libre". En La Voz de Galicia, do 10-05-2018. Consultado o 18-12-2018. 5
* FRANCO, ÓSCAR, Ficha da "Cetaria de Monte Boi" en www.patrimongalego.net. Consultado o 19-12-2018.
* Triptico do CONCELLO DE BAIONA, "Poseidón: Recuperación da antiga cetaria del paseo de Monte Boi". Circa 2014.
A Maria Tesera Puerta Romalde e ao Concello de Baiona, nomeadamente ao Arquivo Municipal e á Oficina de Emprego e Desenvolvemento Local, polas fotografías, documentos e informacións aportadas para a elaboración desta ficha.
Agradecementos