Ficha 005

ANTIGA ESTACIÓN DE VIGO

Tipo

Estación de ff.cc.

Sector

Transporte

Uso actual

Monumento

Concello

Vigo

Parroquia

Vigo

Lugar

Estación

Enderezo

Praza da estación

Coord.

N 42º14'01'' O 8º42'52'' GPS: 42.2337 -8.7144

Inauguración oficial, 1881.
Inauguración oficial, 1881.

Estación engalanada, probablemente durante o segundo recibimento a Alfonso XII. Foto C.M.H. Probablemente ano 1881.

press to zoom
Aspecto final da fachada, 1983
Aspecto final da fachada, 1983

Aspecto da estación nos seus últimos tempos. Foto Alberto Sánchez. Ano 1983

press to zoom
Depósito en Redondela, 2013.
Depósito en Redondela, 2013.

Pedras do edificio principal, mal depositadas na parcela da estación de ff.cc. de Redondela. Foto Estela Reinoso. Circa 2013.

press to zoom

Historia

Fundación

1878

Feche

1988

Fundador

Compañia de ff.cc. MZOV

Edificio inicial, ca. 1879.
Edificio inicial, ca. 1879.

Vista do edificio da estación nunha fase primitiva, aínda sen cuberta sobre as plataformas. Gravado da "Ilustración Galega e Asturiana". Ano 1879.

press to zoom
Inauguración oficial, 1881.
Inauguración oficial, 1881.

Vista do edificio de pasaxeiros da estación engalanada, probablemente durante o segundo recibimento a Alfonso XII no ano 1881. Postal de Figueroa.

press to zoom
Dende a praza da estación, ca 1900.
Dende a praza da estación, ca 1900.

Vista da estación e a súa praza nun día común. Autor e data descoñecidos.

press to zoom
Tellados da estación, ca. 1900.
Tellados da estación, ca. 1900.

Vista da estación a comezos do século XX. Autor e data descoñecidos.

press to zoom
Edificio e praza da estación, 1918.
Edificio e praza da estación, 1918.

Vista da fachada do edificio principal e Praza da Estación. Postal de Diez y Rodriguez, Redondela. Ano 1918.

press to zoom
Praza da Estación, ca. 1910.
Praza da Estación, ca. 1910.

A controrna da praza da Estación totalmente urbanizada. Postal da ed. Guilera. Sen data.

press to zoom

Reseña

Antecedentes do ferrocarril a Vigo.

A chegada do ferrocarril a Vigo foi determinada por un complexo e prolongado proceso político, económico e técnico no que cabe sinalar os seguintes fitos principais *1. 

Primeiramente, a "Lei Xeral de Camiños de Ferro" de 1855, que dispuxo un sistema radial, no que se primaron as liñas que conectasen Madrid cos principais portos e fronteiras. Deste xeito, quedou prefigurado que a entrada do ferrocarril en Galicia fose polo sueste, dirección Madrid. Esta lei xerou tamén unha situación na que A Coruña e Vigo competían na condición de estación terminal da liña galega *2. Seguidamente, en 1857, unha Real Orde de Isabel II precisou que Vigo fose o punto final dunha liña que, vía Ourense e Zamora, entroncase en Media del Campo coa de Irún-Valladolid-Madrid. Isto deixaba inicialmente fóra á Coruña, pero axiña, en 1858, apróbase outra liña que dende Palencia chegaba ata Monforte, onde se bifurcaba en dous ramais, un a Lugo e Coruña, e outro á Ourense e Vigo. Finalmente, non sen antes moitas polémicas entre as localidades galegas (e tamén zamoranas), foi esta segunda liña bifurcada a que antes se executou, quedando postergado ata o ano 1927 o inicio da construción da liña Zamora-Ourense, e a súa conclusión a unha data tan tardía coma o ano 1957.

Construción e entrada en funcionamento do ferrocarril a Vigo.

Chegado aquel punto de definición das liñas galegas, en 1859, e a partir dos estudos previos dos ilustres enxeñeiros Mateo Sagasta e Eduardo Gutiérrez Calleja, o enxeñeiro Francisco Boguerín deseña o trazado dos 126 km entre Ourense e Vigo. Este estudo foi custeado conxuntamente por diversos capitalistas locais e o Concello de Vigo *3.

En 1861 realizase unha primeira poxa pública da concesión deste treito Ourense-Vigo que, tras varias tentativas desertas, acaba recaendo en marzo de 1863 na persoa de Juan Flórez Freire *4. Este político e empresario de orixe ferrolá obtivo a subvención estatal pertinente amais do apoio financeiro do Concello de Vigo e as deputacións de Ourense e Pontevedra. O 23 de xullo 1863 Juan Flórez inaugura as obras en Guixar (onde inicialmente estaba proxectado instalar a estación de Vigo), pero axiña quedan paralizadas por problemas empresariais. Será este o primeiro dunha sucesión de acontecementos que atrasaron en repetidas ocasións as obras e prazos de execución do ferrocarril a Vigo. 

Así, tras moitas vicisitudes, en 1864 a "Compañía de Medina del Campo a Zamora" (que daquela xa explotaba esta liña castelo leonesa) adquire a concesión da liña Vigo-Ourense. Juan Flórez é integrado na directiva desta compañía onde son socios outros ilustres políticos e enxeñeiros coma Rafael Beltrán de Lis, José Elduayen ou Antonio Canovas del Castillo. En 1865 a banca de Rafael Beltrán de Lis entra en suspensión de pagos, e volven paralizarse as obras entre Vigo e Ourense. A crise financeira xeral, e a da Cía. de Medina del Campo a Zamora en particular, lastraron o ritmo das expropiacións e construcións do ferrocarril a Vigo, obras que tan só colleron bo ritmo a partir de novembro de 1869 grazas á chegada de novas subvencións e anticipos estatais. A finais de 1872 xa está rematado o viaduto "Madrid" de Redondela e o trazado ata Salvaterra, pero en 1873 volven paralizarse unha vez máis as obras cando aínda faltaban numerosos viadutos e desmontes pola beira do Miño ata Ourense. 

A principios de 1876, para facilitar o transporte dos equipos da nova liña, constrúese sobre a rúa do Ramal (actual Colón) e a estrada a Benavente (actual Urzaiz) unha vía provisional entre o peirao e a estación de Vigo. O 28 de xuño de 1876 circula a primeira locomotora de probas entre Vigo e Redondela, máquina que seguidamente pasa a servir na construción do resto da vía. No verán de 1877 Alfonso XII, de visita en Galicia, fai un primeiro viaxe cerimonial entre Redondela e Vigo, cidade que o recibe nunha estación xa rematada. Por fin, o 17 de marzo de 1878 inaugúrase a estación viguesa co servizo regular a Guillarei (37 km) con paradas en Redondela e O Porriño; nese mesmo ano amplíase o servizo ata Caldelas e Salvaterra.

En 1879 unha sociedade catalá entra no capital da Cía. de Medina del Campo a Zamora, que é entón renomeada como "Ferro-carriles de Medina de Campo a Zamora e Ourense a Vigo" (a partir de agora MZOV). Xa baixo a dirección desta nova compañía, o 9 de xuño de 1881, ao entrar en funcionamento o treito entre Arbo e Ourense, establécese o primeiro servizo dende Vigo a Ourense. En 1884, a MZOV, despois de completar o viaduto "Pontevedra" en Redondela, incorpora a capital da provincia ao seus servizos dende Vigo. Pouco despois, o 15 de maio de 1885, entra en servizo a liña entre Ourense e Monforte; isto é, a conexión coa Meseta, Madrid e o resto da rede ferroviaria ibérica; por fin era posible realizar a viaxe Vigo-Madrid enteiramente en ferrocarril. Ao ano seguinte, o 25 de marzo de 1886 a que é inaugurada é a conexión coa rede de ferrocarril portuguesa mediante a ponte internacional Tui-Valença. Por último, en xuño de 1898 entra en funcionamento un pequeno ramal (apenas 2,6 km, entre San Lorenzo e o Areal), que viña a solucionar (dun xeito un tanto precario) aquela decisión de 1864, de ubicala estación de ferrocarril de Vigo 42 metros sobre nivel do mar. *5

O edificio principal da estación: cento dez anos de servizo e un final ignominioso.

Poderiamos aquí sinalar moitos outros fitos para contextualizar a importancia do ferrocarril para Vigo e súa bisbarra ao longo dos cento e dez anos en que a estación orixinal estivo en funcionamento, pero, como algúns dos máis significativos, apenas lembraremos os seguintes.

No referente ao edificio principal, cabe salientar a ampla reforma cometida cara 1923, na que se renovou a cuberta metálica sobre as vías e plataformas e tamén se ampliou a planta superior para oficinas e vivenda da dirección da estación *6

En canto á rede de ferrocarril local, é destacable a inauguración no ano 1963 dun novo ramal portuario que dende Chapela, e baixo túnel do monte da Guía, chegaba ata unha nova e amplísima estación de mercadorías habilitada no recheo de Guixar e o Areal *7. Por outra banda, tamén é destacable que ata o ano 1981 non foi electrificada a liña entre Vigo e Monforte, mentres que os treito Redondela-Coruña non o foi ata a súa conversión en alta velocidade (rematada en 2011); por último, a electrificación da conexión coa fronteira portuguesa deuse por fin en 2021.

Tamén son de importancia as mudanzas acontecidas na razón social da explotación da liña e estación de Vigo. No ano 1928, en resposta as continuadas deficiencias do servizo e dificultades económicas de varias empresas que operaban os ferrocarrís do oeste de España, a ditadura de Primo de Rivera decide crear a "Compañía Nacional de los Ferrocarriles del Oeste de España", na que, cunha participación maioritaria do estado, son integradas a MZOV e outra compañías. Non moito despois, en 1941, como consecuencia da intervención militar e destrución do conxunto dos ferrocarrís españois, o novo estado franquista crea o monopolio estatal para o ferrocarril de ancho ibérico, a "Red Nacional de Ferrocarriles Españoles" (RENFE). 

Foi en tempos da RENFE, no ano 1987 (sendo Ministro de Transportes Abel Caballero Álvarez), cando decídese substituír o edificio orixinal da estación de Vigo por un novo. Este novo edificio tería maior capacidade para viaxeiros e actividades comerciais, mentres que a demolición do antigo edificio, e recuado do novo uns 60 metros, permitiría deixar máis espazo para os automóbiles. A reacción ao plan de demolición de certos sectores da sociedade civil e intelectualidade foi case inmediata. Aínda que as obras da nova estación son realizadas pola Administración con celeridade (inícianse e remátanse no ano 1987), lógrase parar momentaneamente o plan de demolición, conservándose o corpo central do edificio principal. Pásase entón a unha longo período de indeterminación e elucubracións sobre o futuro do edificio da antiga estacións, no que, aparte de reutilizacións esporádicas (colexio lectoral, feiras de artesanía,...) , barállase a posibilidade de adicar o edificio a escola municipal de música ou a servizos auxiliares da Universidade de Vigo *8. Incluso en 1990 é incoado o expediente para a súa declaración coma BIC; pero o expediente caduca e a tal declaración BIC nunca se chegou a dar.

En 2001, ante a falla dun plan de protección, conservación e reutilización, a RENFE decide numeralas pedras da fachada e trasladalas a unha explanación na estación de Redondela, onde quedaron mal depositadas e custodiadas, acontecendo a rotura e roubo de pezas *9

Ironicamente, despois de máis de trinta anos de abandono, será o mesmo político que desafiuzou a antiga estación de Vigo, Abel Caballero (pero agora como Alcalde de Vigo), o que rescate do abandono as pedras de 1887 superviventes no depósito de Redondela para facer unha reconstrución da fachada principal da antiga estación incrustada no muro da Praza de Estación.

Procesos 

produtos

A pesar dos retardos na execución da obra e dificultades financeiras das empresas explotadoras, o éxito socioeconómico da liña de ferrocarril de Monforte a Vigo (e as súas variantes a Pontevedra e fronteira portuguesas) foi rotundo. Poderiamos facer aquí unha longa exposición dos diferentes servizos ferroviarios (para pasaxeiros, mercadorías e correos) e as tranformacións económicas, sociais e culturais que implicaron, pero limitaremonos a expor algún dos datos recopilados por Juan Peris Torner no referente ás primeiras décadas do ferrocarril a Vigo (os anos da MZOV) *10 e 11.

Estacións e apeadeiros (con punto quilométrico):

- Liña de Monforte a Vigo: Canabal (10), Areas -apeadeiro- (15), San Esteban (20), Os Peares (29), Barra do Miño (37), Ourense (46), Barbantes (60), Ribadavia (74), Felgueira (85), Frieira (96), Pousa (101), Arbo (109), As Neves (121), Salvaterra (128), Caldelas (136), Guillarei (141), Porriño (152), Redondela (167), O Porriño (152), Redondela (167), Vigo (178). 

- Liña Vigo a Pontevedra: Redondela (12), Arcade (20), Cargadoiro do Ulló (21), Figueirido (26), Pontevedra (31).

- Liña de Vigo á Valença: Redondela (13), O Porriño (26), Guillarei (37), Tui (40), Valença (45).

Por outra banda, para dar unha idea do tamaño e progresión desta rede de tres liñas galegas explotadas inicialmente pola MZOV, os seguintes datos de tráfico:

- Ano 1895: 491.098 pasaxeiros/as e 91.990 toneladas de mercadorías.

- Ano 1896: 518.570 pasaxeiros/as e 101.090 toneladas de mercadorías.

- Ano 1902: 627.464 pasaxeiros/as.

- Ano 1906: 793.467 pasaxeiros/as e 204.145 toneladas de mercadorías. 

Maquinaria conservada

Pendente de elaboración.

Materalia

Non se coñecen.

Arquitectura

Superficie parcela

111.000 m2 aprox.

3.200 m2, edificio principal.

Sup. ocupación

Peza quebrada.
Peza quebrada.

Elemento da balaustrada de celosía, partida a metade. Foto Estela Reinoso. Ano 2013.

press to zoom
Celosía desfeita.
Celosía desfeita.

A mesma peza da foto anterior en 2018, xa desfeita polos golpes e o paso do tempo. Foto Uxío Reinoso. Data, xaneiro 2018.

press to zoom
Panorámica do depósito.
Panorámica do depósito.

Aspecto xeral do desastroso depósito das pedras da estación de Vigo en Redondela, responsabilidade de ADIF. Foto Uxío Reinoso. Data, xaneiro 2018.

press to zoom
Lintel.
Lintel.

Lintel dun van dun dos corpos laterais. Foto Uxío Reinoso. Data, xaneiro 2018.

press to zoom
Perpiaños.
Perpiaños.

Perpiaños e outras pezas de cantería; abaixo a dereita aínda pervive unha numeración do despece. Foto Uxío Reinoso. Data, xaneiro 2018.

press to zoom
Pilastra xónica.
Pilastra xónica.

Pilastras da ampliación de 1923, tamén partidas polo deficiente depósito. Foto Uxío Reinoso. Data, xaneiro 2018.

press to zoom

Descritiva

Os dezaoito apeadeiros e estacións da liña Vigo-Ourense, deseñados nunha sobria linguaxe academicista polo enxeñeiro Francisco Javier Boguerín, foron obxecto dun programa arquitectónico conxunto, desenvolto de acordo a unha clasificación en catro categorías. A de Vigo foi a única considerada de primeira; a de Ourense de segunda; as de Redondela, O Porriño, Tui e Redondela eran de terceira e as restantes de cuarta. Esta clasificación correspondeuse cunha diferenciación no volume edificado e nos acabados arquitectónicos realizados. As estación de 1ª, 2º e 3ª tiñan todas un esquema de tres corpos, un central de dúas plantas e dous laterais de planta baixa, mentres que as de 4ª e os apeadeiros eran dunha única planta baixa. Os detalles ornamentais quedaron reservados para as estacións de Ourense e, sobre todo, a de Vigo. 

O edificio principal da estación de Vigo tiña a característica planta en "U" das estacións terminais. O corpo central do edificio central da Estación de Vigo era de 20 x 15 m aproximadamente e dúas coxías. A planta baixa aloxaba o vestíbulo e servizos de atención ao viaxeiro, mentres na primeira estaba a vivenda e oficina do xefe da estación e o resto do persoal. O acceso ao vestíbulo facíase por cinco portas de arco de medio punto, na primeira planta respectábase a orde de cinco vans, nesta ocasión de lintel abombado. Os dous corpos laterais tiñan unhas dimensións de aproximadamente 10 x 80 m. O corpo oeste acollía as oficinas e outras dependencias do servizo da estación, mentres que o leste, orixinalmente, era unha plataforma de embarque que acollía baixo cuberta dúas das cinco vías do servizo de pasaxeiros da estación *6

A fábrica de granito empregada nos lenzos (orixinalmente revestidos de cal) era de perpiaños de grandes dimensións na fachada principal e cachotería nas restantes. O granito só estaba á vista no caso das pezas máis pequenas, fina e moderadamente decoradas, que compuñan as xambas, linteis, pilastras, cornixas, ménsulas... ; así mesmo, o granito estaba á vista no zócolo que percorría a base de todo o edificio. Aínda sendo a de Vigo a única de 1ª categoría, realmente os detalles decorativos só son salientables na fachada principal. Entre eles destaca o balcón que abarca os tres vans centrais da primeira planta; este balcón esta protexido por unha falsa balaustrada, ou antepeito, composto por grandes pezas de máis de 1 m de lado, feitas cun nada común deseño de celosía en granito do país. Outro elemento decorativo rechamante é o glabete, ou falso frontón, que culmina a fachada principal, e na súa cima, un escudo coas dúas iniciais das cidades "irmandadas polo ferrocarril": Vigo e Ourense.

A cuberta do edificio principal foi dende a orixe de tellas planas. O espazo das plataformas tivo unha primeira cuberta en 1881; outra de ferro, zinc e cristal en 1891; e unha nova metálica en 1923 , que se conservou ata a demolición en 1987. Nesa mesma reforma de 1923, ampliouse a primeira planta sobre os corpos laterais, adquirindo as dimensións aproximadas de 40 x 15 m. 

Xa dende os primeiros momentos, a Estación de Vigo contaba cunha gran parcela na que había outras infraestruturas como peiraos e almacéns para o embarque de mercadorías diferenciadas, peixe, gando... ; na parte máis extrema, xa case chegando a Canadelo, instaláronse os talleres e depósito para locomotoras (posteriormente trasladados preto do Barrio das Flores, en Teis).

Planos

Fachada inicial.
Fachada inicial.

Alzado da fachada principal na súa fase inicial. Extraído do proxecto de "Remodelación da contorna da rúa Baixada a Estación, Vigo".

press to zoom
Fachada, ampliación de 1923.
Fachada, ampliación de 1923.

Alzado da fachada principal na súa composición trala ampliación de 1923. Extraído do proxecto de "Remodelación da contorna da rúa Baixada a Estación, Vigo".

press to zoom
Fachada, despece.
Fachada, despece.

Alzado co despece e numeración da cantería da fachada principal. Extraído do proxecto de "Remodelación da contorna da rúa Baixada a Estación, Vigo".

press to zoom

Estado de

conservación

Estado xeral: moi malo.

Ao final da súa vida útil, en 1987, a antiga estación presentaba un moi bo estado de conservación que lamentablemente non se soubo manter.

Conservábase a totalidade das estruturas e volumes orixinais do edificio principal, o corpo central e a ás laterais mantiñan a característica planta en forma de U; tamén pervivía a estrutura metálica da cuberta erixida en 1923 e a obra de cantería mantiña a feitura orixinal, apenas danada pola adicción dunha marquesiña metálica e outros elementos lixeiros. Iso si, o interior do edificio principal foi si reformado e renovado varias veces.

Coas obras da nova estación fíxose necesaria a demolición da cuberta principal e as secundarias que se estendian polas plataformas, pola contra a fachada principal recuperou o seu primitivo aspecto ao ser retirada a marquesiña e letreiros.

Actualmente o depósito das pezas de cantería é pésimo: está a intemperie, criando verdello dende o ano 2001, sen vixilancia e control algún, habitualmente outros materiais son depositados sobre as pedras. Diversas marcas e testemuñas fan evidente que moitas pezas foron subtraidas; algunhas pezas están quebradas e outras vense escunchadas; apenas nalgúns caso aprécianse as pintadas da numeración das pezas feita antes do traslado.

Todo isto fai moi difiícil a reconstrución xeral do edificio principal, se acaso podería realizarse unha recuperación dalgúns elementos.

(avaliado en inverno de 2018)

Cívica

Visitable

Accesible

Uso actual

Monumento e miradoiro.

Propiedade

Concello de Vigo.

Proteccion

histórico-cultural

- Incoado expediente BIC, pola Resolución do 6 de Outubro de 1990 da Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental da Xunta, procedimiento caducado 6 meses mais tarde.

- Elemento catalogado polo PXOM de Vigo de 2006, ficha A 25 (o PXOM de Vigo esta ilegalizado pola sentencia do 10/11/2015 do Tribunal Supremo).

Afectación urbanística

Non procede.

Proxectos de

reutilización

As pedras da fachada foron integradas no "Proxecto de remodelación da contorna da rúa Baixada á Estación, Vigo", actualmente en proceso de execución.

Coñecer máis 

* Rede ferroviaria da ría de Vigo.

* Estacións da liña Vigo-Ourense e a Pontevedrana ría de Vigo:

- Chapela.

- Redondela.

- Cesantes.

- Arcade.

* Viaduto "Madrid" de Redondela.

* Viaduto "Galicia" de Redondela.

* Ponte sobre o rio Verdugo.

* Antigo ramal ao porto.

* Cargadoiros de mineral:

 - de Coto Wagner.

- de Rande / do alemán.

* Rede de tranvías de Vigo, o Val Miñor e a Porriño.

* Estacións de tranvía.

- Coruxo.

- Canido.

- Panxón.

- Ramallosa.

Patrimonio

relacionado

Testemuñas

Non se coñecen.

Bibliografía

* 1: NARDIZ ORTIZ, Carlos. "Desarrollo histórico de la red ferroviaria del noroeste de España". En El ferrocarril en el noroeste de España (Coords. NARDIZ ORTIZ, CARLOS e BUGARÍN, M.R.). Servizo de publicacións da Universidade da Coruña. 1996. 

* 2: ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, José Mª. "Vigo en el siglo XIX. De la antigua villa a la ciudad moderna". En Vigo en su historia (coords. ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, José Mª e CUNQUEIRO, Álvaro). Ed. Caja de Ahorros de Vigo. 1979.

* 3: AGUILAR, Juan et al.. O ferrocarril Ourense-Vigo. Historia, cronoloxía, documentos e conexións. Edicións do Cumio. 2006.

* 4: OLAIZOLA, Juanjo. "145 años del ferrocarril de A Coruña a Lugo (II). Juan Flórez Freire". Na web Historias del tren. Consultado o 26-03-2021.

* 5: GARCÍA RAYA, Joaquín. "Cronología básica del ferrocarril español de vía ancha". En IV Congreso Historia Ferroviaria: Málaga, setembro de 2006.

* 6: GARRIDO RODRÍGUEZ, Xaime. Vigo; La ciudad que se perdió. Ed. Deputación Provincial. 2008.

* 7: ARCHIVO DEL PUERTO DE VIGO. "El enlace ferroviario del puerto por Guixar. Efemeride nº33, febrero de 2015.". Na páxina do Arquivo do Porto de Vigo, da web da Autoridade Portuaria de Vigo.

* 8: BARREIRO SOMOZA, José. "La estación del ferrocarril en la configuración de la temprana morfología urbana de la ciudad de Vigo". En Siglo y medio del ferrocarril en España, 1848-1998. Economía, industria y sociedad (coords. VIDAL OLIVARES, Javier et ali). Ed. Diputación Provincial de Alicante e Instituto Alicantino de Cultura Juan Gil-Albert. 1999.

* 9: FUENTES, JUANMA. "La vieja estación de tren se pudre en el suelo a pesar de ser un edificio protegido". En La Voz de Galicia, do 29-XI-2015. Consultado o 29-03-2021.

*10: PERIS TORNER, Juan. "Medina del Campo a Zamora y Orense a Vigo". Na páxina web Ferrocarriles de España. Consultado o 29-03-2021.

*11: PERIS TORNER, Juan. "Medina del Campo a Zamora y Orense a Vigo (linea FC)". Na páxina web Euroferroviarios.net. Consultado o 29-03-2021.

* SOUTO GONZÁLEZ, X. M. Vigo: cen anos de historia urbana (1880-1980). Edicións Xerais de Galicia. 1990.

* Ficha A25 do "Catálogo do Patrimonio do PXOM de Vigo". Ed. Consultora Galega. 2008.

Última actualización da ficha: 30-III-2021.