top of page

Suxestións na Avaliación Ambiental Estratéxica do PERI Beiramar-Alfageme

O proxecto divulgativo do Patrimonio Industrial da ría de Vigo, Vigo Industrial presentou tres "suxestión" no trámite de "Avaliación Ambiental Estratéxica" do "Plan Especial de Reforma Interior SUNC 232 Beiramar-Alfageme, Vigo" co obxecto principal de protexer e conservar tres elementos do conxunto histórico de conservas Alfageme de Bouzas:
1- As naves do serradoiro e almacén de madeira.
2- O depósito elevado de auga.
3- O xardín anexo a vivenda dos donos.

 Antecedentes.

Lamentablemente o Concello de Vigo non atendeu totalmente as nosas peticións e ao sentido común, e en ningún momento da tramitación do novo PXOM de Vigo apostou pola conservación e reutilización integral do complexo Alfageme de Bouzas.

Neste longo trámite, o Concello de Vigo sempre apostou por diferentes solucións mixtas, nas que xogou a combinar en diferentes fórmulas as partes adicadas a equipamento público e a aproveitamento lucrativo, así como o volume de elementos a conservar polo seu valor cultural e os que podían ser demolidos para dar paso a novas edificacións. 

Na Aprobación Inicial, dentro da parcela principal do complexo industrial, residencial e portuario da familia Alfageme en Bouzas (que tamén inclúe as naves portuarias, de dominio público), foron protexidos catro edificios: o principal, a nave anexa, a vivenda dos donos e as naves do antigo almacén e serradoiro da madeira e as súas ampliacións; todos eles con nivel "Estructural". En datos numéricos, esta protección dada inicialmente significaría a protección de aproximamente o 90% da superficie ocupada e o 0% da superficie libre da parcela principal. 

Durante a exposición pública desta versión inicial, Vigo Industrial presentou alegación pola conservación integral do conxunto (incluídas as dúas naves portuarias) así como outras medidas para a pronta conservación e rehabilitación do conxunto histórico da Alfageme de Bouzas. Nesta alegación, pediamos amais que se especificase que a protección tamén comprendía elementos "menores" do conxunto como o depósito elevado de auga, o cruceiro, o hórreo... asi como os espazos libres (xardín e vías internas).

Na versión da Aprobación Provisional (despois Definitiva) atendéronse parcialmente as nosas peticións, aínda que tamén foron parcialmente subvertidas. Na parte positiva hai que considerar que no Catálogo de bens culturais deuse protección específica ao sector leste do xardín, o hórreo, o cruceiro e a garita do control de accesos e o muro de feche; pero na negativa hai que lamentar que agora se excluíse de calquer protección á nave máis occidental das "naves da madeira", así como o extremo norte das outras tres; pero amais, nesta versión definitiva tamén se reduciu o nivel de protección da parte aínda protexida destas tres naves. Así pois, en datos numéricos, a protección dada definitivamente abrague o 60% da superficie ocupada e o 35% do espazo libre da parcela principal. Pero compre sinalar que a reducción a nivel "Ambiental" da protección das parte restante da "naves da madeira" posibilita que (se a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia o permite) os promotores realicen a demolición e reemplazo das mesmas.

A razón deste extraña mudanza no Catálogo de bens de interes cultural da Aprobación Definitiva hai que buscalas noutras partes da fórmula urbanística, concretamente na parte dos intereses inmobiliarios.

Na Aprobación Inicial a parcela principal da Alfageme dividíase en tres ámbitos distintos de Solo Urbano Non Consolidado, organizados de tal xeito que os propietarios podían dispoñer da metade oeste da parcela para adicala totalmente a aproveitamento lucrativo (cunha edificabilidade de 6.356 m2, aínda que conservando as "naves da madeira", daquela con protección "Estructural"), mentres que a metade leste pasaría de máns públicas se algún día algún outro promotor daba sacado adiante o grandísimo e complicado PERI do SUNC 237 Camiño Barciela-Esturáns-Tomás Alonso.

Tal e como pedimos na alegación, afortunadamente na Aprobación Provisional desbotouse esta fórmula con tres ámbitos urbanísticos que propablemente significaría unha intervención en dúas fases, cunha pronta nova edificación lucrativa na metade oeste e unha lenta e tortuosa rehabilitación pública da metade leste. 

Sen embargo, a fórmula dada na Aprobación Definitiva tampouco se pode considerar idónea, principalmente porque outorgou unha grandísima edificabilidade lucrativa (17.978 m2) e tamén porque implicou a exclusión ou reducción da protección dada as "naves da madeira" e outros elementos de interese cultural dese sector occidental (xardín, "naves da madeira", depósito elevado, edificio de servizos múltiples...) para que esta parte do solar quedase case expedita para a nova construcción residencial e comercial. Esto é, na versión definitiva do PXOM o Concello de Vigo fíxo unha catalogación dos elementos do complexo atendendo os intereses dos promotores (Abanca SA, Aliseda SA e Inversiones Inmobiliarias Canvives SA ) e non ao seu interese cultural ou utilidade pública. 

Non obstante, coa aprobación definitiva desta fórmula tan acorde cos intereses dos propietarios da parcela non estaba todo perdido para aqueles que queremos a pronta conservación e rehabilitación do conxunto histórico da Alfageme de Bouzas. Máis alo do PXOM, moitos aspectos urbanísticos e culturais aínda poden redefinirse no desenvolvemento deste PERI Alfageme. Así, a Lei do Solo de Galicia permite modificar as disposicións do PXOM para a "eliminación de usos non desexables ou a incorporación doutros necesarios" (art. 65.1); e máis concretamente, o Regulamento do Solo de Galicia especifica que "usos non desexables" son tamén aqueles que supoñan un risco para o "patrimonio histórico-artístico" (art. 157.1 ).

Pero aínda máis especificamente, hai que sinalar que durante a exposición pública do PXOM, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia emitiu un informe vinculante que implicou que na ficha definitiva do PXOM deste PERI SUNC-232 Beiramar-Alfageme se incluise no apartado "Outras Determinacións" un "Criterio ambiental e de integración" moi importante: "Deberase realizar un estudo específico para identificar o resto de elementos e construcións que deben manterse, fachadas do local de vestiarios e outros que se detecten". Esto é, durante desenvolvemento deste PERI aínda cabe a posibilidade de revisar o Catálogo de bens culturais deste ámbito asi como tamén a edificabilidade e aproveitamentos da parcela principal do complexo Alfageme.

108 alfageme naves casa.jpg

Ficha do Catálogo na Aprobación Inicial do PXOM para o sector oeste da Alfageme.

107 alfageme principal.jpg

Ficha do Catálogo na Aprobación Inicial do PXOM para o sector oeste da Alfageme.

IC.00.002 FÁBRICA DE CONSERVAS ALFAGEME.jpg

Ficha do Catálogo na Aprobación Provisional do PXOM para o conxunto da Alfageme.

 A proposta dos promotores.

O pasado 30 de setembro o Concello de Vigo presentou perante a Consellería de Medio Ambiente solicitude para realizar a Avaliación Ambiental Estratéxica do devandito PERI, acompañada, como é de lei, polo Borrador do plan.

Este Borrador confirmaba a falcatruada municipal previa, a caprichosa catalogación de bens culturais deste ámbito acontecida na Aprobación Provisional do PXOM correspondíanse cun plan predefinido polos promotores urbanísticos, polo cal eles obtiñan unha enorme aproveitamento lucrativo a cambio de ceder ao público o edificio principal, a vivenda dos donos e maior parte do espazo libre. Nos case 18.000 m2 de aproveitamento lucrativo apenas hai concesións aos bens de interese histórico e cultural: únicamente serían conservados e reaproveitados con uso terciario os 730 m2 da "nave taller", construida a carón do edificio principal en 1939. As "naves da madeira" e as súas ampliacións serían totalmente demolidas (incluso a parte protexida con nivel "Ambiental") para dar paso a dous bloques de vivenda, un patio interior semicuberto e unha pequena cesión duns 350 m2 para crear unha pequena praza pública na esquina noroccidental da parcela.

A pesar do innegable valor do conxunto histórico, e da devandita determinación incluida na ficha do PXOM deste PERI, o Borrador do plan presentado non realiza correctamente o "estudo específico" esixido pola DXPC. Pola contra, os promotores presentaron unha “Memoria: Catálogo de bens do patrimonio” moi deficientedeficiente historiográficamente, incurrindo en múltiples erros de identificación, datación e relacións dos diferentes edificios e outros elementos do conxunto; esquecendose nesta “Memoria” publicacións de referencia no asunto como o libro "Alfageme. Historia e memoria".

Por isto, como dixemos Vigo Industrial presentou tres "suxestión" no trámite de "Avaliación Ambiental Estratéxica" do "Plan Especial de Reforma Interior SUNC 232 Beiramar-Alfageme, Vigo" co obxecto principal de protexer e conservar tres elementos do conxunto histórico de conservas Alfageme de Bouzas: as naves do serradoiro e almacén de madeira, o depósito elevado de auga, o xardín anexo a vivenda dos donos.

SUNC 232_firmado.png

Ficha do SUNC 232 na Aprobación Provisional da Revisión do PXOM.

estructura viaria e alineacion.jpg

Plano de "Estructura viaria e alineacións" da "Área de Ordenación Detallada A-3-21 Alfageme" do PXOM de Vigo do ano 2008. Obsérvense os volumes e a alturas máxima permitidas. (Ver "Anexo Xustificativo..." e planos)

P9100168.JPG

Interior das "naves de madeira", primeiros edificios construídos no complexo da Alfageme de Bouzas no ano 1927. As determinacións do novo PXOM permiten o "reemplazo" de todos os elementos deste edificio. Foto: U. Reinoso, 2017.

Do texto: (CC BY-NC 4.0) Daniel Uxío Reinoso Maset. 
Das fotos: (CC BY-NC 4.0) dos autores sinalados.

Vigo, 14 de novembro de 2025.

Citas e notas

*1: CARMONA, XAN; IGLESIAS, XOSÉ RAMÓN e LÓPEZ, MARIÑA. Alfageme. Historia e memoria. Ed. Instituto de Estudios Vigueses. Vigo. 2020. 

bottom of page