Ficha 007

SALTO DE ARANZA

Tipo

Hidroeléctrica

Sector

Enerxía

Uso actual

Baldío

Concello

Pontecaldelas

Parroquia

A Insua

Lugar

Moledo

Enderezo

Non procede

Coord.

N 42º20'32'' O 8º32'14'' GPS: 42.3424, -8.5374

Central nos anos 20
Fotografía de "Catálogo de Vigo: Vigo a través de un siglo", publicado en 1922-23.
Central aspecto actual
Estado actual da pequena central, extremo suroccidental. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018
Canle de derivación
Vista dende o treito final da canle de derivación. Foto Uxío Reinoso. Data: abril 2018

Historia

Fundación

1901

Feche

1964 ?

Fundador

Electra Pop. de Redondela

Reseña

A orixe da central hidroléctrica de Aranza enmárcase no inicio da segunda fase da electrificación de Galicia, na que proliferan os "saltos de auga",  tanto para substituir o iluminación por gas ou complementar as térmicas nos servizos urbanos xa instalados (Pontevedra 1888, Vigo 1896,...), asi como para novas instalacións urbanas (Lugo 1894, Ponteareas 1895,...) ou novas industrias de gran consumo enerxético (Xubia 1892, Segade-Caldas de Reis 1899, Ézaro 1903,...).

O 17 de Abril do 1901, o empresario hosteleiro arousán Daniel Poyán e o procurador José Ramón Lorenzo obteñen concesión para aproveitar un caudal de 3.500 l/s do río Oitavén, no lugar dos Incios, entre as aldeas de Aranza de Soutomaior, e Moledo de Ponte Caldelas, para producir electricidade para a fabricación "de productos químicos metalúrxicos e pastas de papel". Estes mesmos empresarios, xa obtiveran concesión no 1899 de igual caudal no río Verdugo, no lugar de Monte Castelo, para xerar electridade para unha fábrica que se ubicaría na Veiguiña Longa (Soutomaior). Xa antes de obter a concesión do Salto de Aranza (en marzo do 1901), José Ramón Lorenzo adxudicárase en subasta a iluminación pública de Redondela. 2

Para levar a cabo esta explotación, no mesmo abril do 1901, fúndase a Electra Popular de Redondela SA, con sede en Vilagarcía e un capital social de 110.000 pesetas (3). A mais dos mesmos Daniel Poyán e José Ramón Lorenzo, conformaron a sociedade o enxeñeiro Tulio Domenech (que traballaba para Laureano Salgado), o comerciante Dámaso Parrado e o empregado Ventura Vilas (4).O deseño da pequena central hidroeléctrica foi do mesmo Tulio Domenech. Semella que a entrada en servizo da central e da iluminación pública en Redondela deuse en novembro de 1901. 

Eran estes anos de efervescencia no sector eléctrico galego. Cando xa se iniciara a actividade da EPR,  Laureano Salgado (da Sociedad General Gallega de Electricidad)xunto con outros empresarios do sector como Ramón Laforet (da Sociedad Electrica Gallega Laforet) e o propio José Ramón Lorenzo (accionista da EPR e tamén da SGGE), promoven a creación dunha nova empresa eléctrica para abastecer á comarca viguesa mediante o Salto de Aranza e o proxectado no Inferno (no Verdugo, denunciado en 1900 por Laureano Salgado). 5

A daquela xa evidente incapacidade de "La Lionesa" (adxudicataria da iluminación pública de Vigo dende 1883) para suministrar electricidade a crecente poboación e industria de Vigo, xunto co horizonte (que daquela semellaba inmediato) do tranvía eléctrico, fan que axiña se involucren nesta nova empresa o accionariado da EPR, capitalistas locais como Jenaro de la Fuente, e casas de banca galegas como a Riestra & Cía., Hijos de Olimpio Pérez  e Simeón García. 

Electra Popular de Vigo y Redondela SA é inscrita en 1903 no Rexistro Mercantil cun capital social de 2.000.000 de ptas.; figurando como a súa sede Caldas de Reis e o seu presidente Laureano Salgado.

En realidade a empresa xa exista de facto antes de escriturarse: a liña de alta tensión ata Vigo xa fora tendida no verán do 1902; e en outubro do 1902 o mesmo Laureano Salgado xa tiña pedido autorización para extender unha liña telefónica entre Aranza, Redondela e Vigo. En 1903 a EPVR inicía o suministro en Vigo e Lavadores. En xullo do 1906 é inaugurado o Salto do Inferno (proxectado polo mesmo Tulio Domenech). Dende 1914, o suministro dos tranvías eléctricos de Vigo converten a EPRV nunha das empresas máis rentables e potentes do sector eléctrico galego.

Despois desta fase de efervescencia na que abundan iniciativas de pequena e mediana escala, iniciase un proceso de concentración empresarial a nivel galego. En 1917 a EPRV  absorve a sección viguesa de "La lionesa", atinxindo así o monopolio en Vigo. No 1923 fusiónanse a SGGE, a EPRV e a Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago: esta nova sociedade (que mantén o nome da SGGE) axiña vai absorvendo outras empresas como a Cooperativa Santiaguesa, no 1926; a Hulla Blanca (O Morrazo), no 1929; Eléctrica de Ourense, no 1930;... 6

Trala guerra civil, no 1943, a SGCE é refundada e ampliada baixo o nome de Fuerzas Eléctricas do Noroeste SA. De seguido, a FENOSA constroe unha nova xeración de centrais (encoros no Miño e Sil princialmente) e conecta o sistema eléctrico galego a rede española, iniciando a fase "exportadora" da electricidade galega. 6

Nesta xeira, o pequeno e primitivo Salto de Aranza perdera calquer importancia, incluso para o suministro local. En xuño do 1966, no marco do novo encoro de Eiras, o Concello de Vigo adquire a empresa Ceni SL a "concesión do Salto de Aranza", para así liberar "3.225 l/s"  e destinalos ao suministro de auga potable.

Nota: descoñecemos se o fin productivo do Salto de Aranza produciuse nesas datas, con posteridade ou incluso xa antes.

No 1904
Foto da reportaxe sobre o salto de Aranza do Vida Gallega do 14-02-1904.
No 1922
Foto do anuncio da constructora "Granja, Lago & Cía." no "Catálogo de Vigo". Notese a caida de auga que reborda da canle, o poste do tendido eléctrico asi como a pontella de madeira que cruza Oitavén.
Anuncio de "Granja, Lago & Cía"
Anuncio no "Catálogo de Vigo" editado por PPKO en 1922-1923. Do que se infire que "Granja, Lago & Cía" foron os constructores do salto.
mostrar máis

Procesos

e

produtos

Inicialmente, a distribución da electricidade xerada nos Salto de Aranza (aproximadamente uns 450-600 kw*) foi dirixida a iluminación pública de Redondela, onde é de supor que axiña "engancharia" a algúns clientes particulares. 

Cando en 1903 a EPRV comeza a ofrecer o seu suministro no centro de Vigo e Guixar (daquela pertencente ao Concello de Lavadores) terá que competir co forte posición de "La Lionesa" (a Sociedad de Alumbrado, Gas y Calefacción de La Coruña y Vigo, con sede na cidade francesa), que amais de telo contrato da iluminación pública (a gas dende 1883, e de electricidade dende 1896; mediante unha central térmica de gas que xeraba uns 80 kw), xa tiña unha boa carteira de clientes particulares de gas e electricidade, nomeadamente a industria conserveira. Pola súa banda a EPRV, contaba con maior potencia e economía do Salto de Aranza, E ainda que en 1905 "La Lionesa" pon servizo a central de Dorna (no Lérez, de 540 kw) para poder ampliar os seus clientes en Vigo, axiña, en 1906, a EPRV chega aos 1210kw coa entrada en funcionamento do Salto do Inferno. En 1907 ambas compañías chegan a un acordo para repartirse os mercados. Finalmente, en 1917 a EPRV adquire a "La Lionesa".

Pola súa banda a EPRV realizou un gran esforzo inversor en extendela rede a novos barrios e localidades da súa área (Soutomaior, Redondela, Vigo e Lavadores) e atopar grandes clientes entre o resto de industrias que non fose conserveiras, entre os que destaca o sector naval (Barreras de Coia 1917). Na extensión da rede destaca a tendido da liña de alta tensión ata Porriño en decembro do 1908. vila da que tamén terá a adxudicación da iluminación pública.

De todos xeitos, a partir de 1914, o maior e mellor cliente da EPRV será a compañía de "Tranvías Electricos de Vigo" (para a cal foi preciso instalar unha central térmica de reserva em García Berbón), co cal se asinou un convenio de suministro electrico cunha tensión de 15.000 voltios e un prezo de 0,0812 pts/kwh (fronte aos 0,75 ptas./kWh de media dos servizos domésticos).  En 1918 suma ao negocio o suministro do "Tranvía de Mondaríz a Vigo" (que só chegou a Porriño). 7 e 8

As continuas e espectacular extensións de liñas e servizos dos tranvías, xunto co do resto da cidade, axiña fixeron insuficientes a potencia da que dispuña a ERPV. En 1920 a EPRV xa era a maior compañía eléctrica galega por facturación e número de abonados, 8.618 abonados para iluminación e 353 de forza (tranvía e industrias).

En 1927, coa entrada en funcionamento da central do Tambre (de 10.800 kW) e a construcción dunha liña de 66.000 voltios dende a central noiesa ata Vigo, a producción do Salto de Aranza pasaría as ser moi residual no consumo eléctrico da antigua área da EPRV. No ano 1948 a entrada en funcionamento do encoro de As Conchas, no Limia, de 29.000 kva e unha liña de 132.000 voltios, abastará por fin a demanda da comarca viguesa. 7

* Cálculo de elaboración propia en base a un desnivel de 20 metros e os valores extremos de pérdidas. Kw = densidade (1 kg/m3) x 9,81 x rendimento turbina (entre 0,75 e 0.94) x rendimento xerador (0.92/0.97) x rendimento acoplamento turbina-alternador (0.92/0.99) x caudal (3,5 m3/s) x desnivel (20 m)

Maquinaria conservada

Non se coñece

Materalia

Non se coñecen

Arquitectura

Superficie parcela

Non procede

78 m2 (central)

Sup. construida

Descriptiva

O Salto de Aranza é un tipo de central de "auga fluinte" (popularmente chamados "saltos"). Atópase no treito final da Fraga do Oitaven (un canón de case 200 m de fondo), entre a poza da Retorta, onde se fai a toma, e o edificio da central, en Moledo, hai uns 20 metros de desnivel, e uns 700 m de curso do río. Todas as instalacións atópanse na beira norte, no parroquia pontecaldense da Insua. 

- A represa fíxose aproveitando unha poza natural que se da ao pe do monte da Retorta, xusto antes dunha fervenza de varios metros de alto. A obra da represa debeu ser de moi pequena entidade, hoxe en día apenas se aprecian algunhas pedras cementadas, algún que outro furado e unha viga de ferro deitada no leito do río. Neste mesmo lugar, pero da beira sur, hai unha levada e un muiño tradicional.

- A toma da auga esta ubicada uns 20 m ao leste da actual caida da fervenza, ao pé mesmo da parede do canón. Consiste nunha "porta" duns 2,2 m de alto e 0,80 m de ancho, aberta entre dous macheiros feitos en sillares de granito asentados nas rochas do lugar. En tempos, a comporta estaría colocada dentro dunha laña duns 6 cm que ainda hoxe percorre a face interior dos macheiros e o chan.

- A canle de derivación transcorre pola abrupta ladeira do canón ao longo duns 700 m. Ainda non nos foi posible inspeccionar todo o percurso directamente, según semella na imaxe hipsométrica, o treito central da canle esta pronunciadamente "metida" na ladeira, adáptandose aos entrantes e saintes da paraxe. No treito inicial, na poza da Retorta, a canle está maiormente labrada na pedra, incluso chegando a converterse nun túnel que atravesa a rocha. No treito final, amais de desmontes e labrados na rocha, a canle esta feita de canteria diversa: o muro de contención da ladeira esta feito de cachotería, mentres que no lado do cantil, o muro (de 50 cm de ancho) está feito de sillares irregulares, en moitos puntos apoiado en taludes de varios metros e con contrafortes. Xusto antes de chegar a cámara de carga hai un alivadoiro de 75 cm cunha laña de 6 cm para a comporta; neste punto a canle ten un ancho de 1,5 m e uns 0,75 de fondo.

- A cámara de carga esta feita de perpiaños de granito, mide 2x2 m de planta por 1,3 m de fondo. No interior ainda se aprecian restos do revestimento de cemento, e semella que en tempos tivo unha tapadeira metálica. A cara exterior, a que da ao cantil, é un talude de contención duns 60º no que hai dous ocos de forma de trapecio invertido polo que en tempos sairian duas tubaxes. A 1ª xa debeu ser cegada con cachotería durante a vida da central, mentres na 2ª si que se aprecia a sección cilíndrica, duns 80 cm, e traxectoria oblícua. 

- Da tubaxe apenas quedan vestixios, tan só nalgúns puntos aprécianse ferro oxidado aderido ao cemento e o percurso de dúas gabias que baixan ata a central. 

- O edificio da central ubícase xusto nos lindeiros dos campos da aldea de Moledo e o monte comunal de Regodobargo. O pequeno edificio, dunha planta duns 13x6 metros, e desenrolo L-O (paralelo ao río), atópase encaixonado entre a abrupta ladeira e os penedos do río. Sobre un zócolo feito de sillares e cachotes irregulares, levántase airosamente o edificio feito enteiramente en cantería de granito.

Os muros menores están feitos con perpiaños de tamaño variable (de 25 cm de espesor) asentados en seco; o muro oeste ten 3 vans: unha ampla porta de 3,5x1,5 m, unha pequena fiestra de 1x1,5 m ao lado esquerdo, e un óculo dun 1 m no centro do pinche; o leste conta con dúas fiestras de 1x1,5 m. No lado sur, unha porta (de 1 x 3 m) e cinco alongadas fiestras (de 1 x 2,3 m) abertas entre estreitos piares de sillares (de 60x55 cm), converten a fachada principal (a que mira o sol e ao curso do río) nunha "galería pétrea". En tempos, o acceso a porta facíase mediante un corredor exterior; probablemente fora de ferro e placa formigón (apréciase duas liña de furados no zócolo e a imposta). Por último, o muro norte, feito en canteria grosa e irregular, é de contención da ladeira; cego por completo, a única abertura é entrada da tubaxe forzada, de traxectoria oblicua e diamentro duns 80 cm.

O interior é totalmente diáfano. Nas paredes aprécianse gran número de buracos e ancoraxes para os equipos electromecánicos. No chan, entre o actual solo vexetal, sobresaen 3 senlleiras pezas de cantería: no extremo oeste, ao pé da entrada da 2ª tubaxe, sobresae a boca de descarga; enfronte apréciase unha gran laxe (de 2,2 x 1,4 m), con pernos metálicos, que debeu servir de base a turbina-xerador; no lado oposto, enfronte a entrada da 1ª tubaxe (a cegada) sobresae outra peza (de 1,7 x 1,2 m), na que se fixo un esvaziado semiesférico no que se afondaron outras formas de encaixe.

Apenas quedan indicios da cuberta a dous augas, que probablemente fose de estructura de madeira e tella plana (polo chan atopamos restos de tella plana marca "La Caeyra-Pontevedra")

- A canle de descarga , está ubicada no centro da fachada sur e é mínima, xa que a central apenas dista uns 3-4 metros do río.

Planos

Ortofoto
Imaxe aérea, onde marcamos a posición da toma (A), a canle de derivación e a central (C). Foto do Plan Nacional de Fotografía Aérea do 2014; extraído de "Información Xeográfica de Galica".
Hipsométrico
Imaxe hipsométrica sombreada, na que marcamos a posición da toma (A) e a central (C); apréciase o desmonte continuo da canle de derivación entre ambos puntos. Imaxe extraída de "Información Xeográfica de Galicia".
Mostrar mais

Estado de

conservación

Estado xeral: moi malo.  

O Salto de Aranza léva décadas abandonado. Únicamente, nos últimos anos, se ten feito algunha que outro desbroce da contorna e muros da central lindeiros ao sendeiro empregado por bañistas e pescadores. Paradóxicamente, os periódicos incendios forestais que afectan a paraxe (amais de deixar a vista as pedras), deben de liberar os muros da presión das raices e polas das as mimosas, hedras e outras prantas.

Non obstante o abandono, a calidade da cantería das estructuras principais (edificio da central, cámara de carga, canle de derivación e toma) manteñen solidamente en pé muros, piares e dinteis. Apenas cabe sinalar algúns desplazamentos de sillares e caida de cachotes nos muros de contención da canle de derivación.

Por outra banda, décadas de intemperie nun ambiente moi húmido, e os frecuentes incendios, reduciron á nada moitos outros elementos accesorios feitos en ferro (comportas, tubaxes,..), formigon armado (corredor, celosías das fiestras,...) ou madeira (cuberta, pontella,...), sendo únicamente recoñecibles os ocos que deixaron na pedra.

En resumo, hai moitos elementos accesorios desparecidos ou deteriorados, pero apenas hai derrubes e a maioria das estructuras consérvanse con bo nivel de solidez; polo tanto non cabe falar de ruina total e si pensar en intervencións de restauración e rehabilitación.

(evaluado en primavera de 2018)

Edificio central
Fachada sur do edifico da central vista dende a beira do río. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018
Galería sur
Fachada sur vista dende o interior, a porta e alongadas fiestras converten praácticamente esta fachada nunha galería ao río Oitavén. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018.
Entrada
Entrada principal na fachada oeste. Apréciense as ancoraxes do tendido eléctrico arredor do óculo. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018.
Interior
Vista interior do edificio da central, mirando ao norleste. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018.
Ancoraxes
Detalle das ancoraxes para o tendido eléctrico. Foto Uxío Reinoso. Abril de 2018.
Fachada
Fachada leste, parcialmente soterrada baixo a ladeira. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018.
mostrar máis

Cívica

Visitable

Accesible

Uso actual

Baldío, a zona é de baño e pesca.

O edificio da central está repartido entre unha veiga particular de Moledo e o Monte Veciñal en Man Común de Regodobargo, nunha zona de servidume de paso fluvial. A canle de derivación está no MVMC de Regodobargo. Ao igual que a toma, que tamén ten servidume de paso.

A concesión hidroeléctrica dos Incios expirou por caducidade o 4 de maio 2001. 

Propiedade

Proteccion

histórico-cultural

Ningunha

Afectación 

urbanística

- O Concello de Ponte Caldelas non ten ainda Plan Xeral de Ordenación Municipal, ríxese pola Norma Subsidiaria de Planeamento, aprobada en 1993.

- Todas instalacións do Salto de Aranza están en "solo non urbanizable; sen especial protección".

Non se coñecen

Proxectos de

reutilización

Coñecer máis 

* Centrais hidroeléctricas:

- Salto do Inferno (Soutomaior)

- Salto da Freixa (Pontecaldelas)

- Salto do Pego Negro (Gondomar)

* Estación eléctrica do Troncal (Vigo)

Patrimonio

relacionado

Non se coñecen

Testemuñas

Bibliografía

* NADAL, JORDI e CARMONA BADÍA, XOÁN. El empeño industrial de Galicia; 250 anos de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. 2005. 1

* MIGUELES, JUAN. . "As antigas empresas". Na páxina web Anecdotario Redondelán. Consultado o 25-04-2018. 2

* ABREU SERNÁNDEZ, L. FERNANDA. Iniciativas Empresariales en Vigo entre 1866 y 1940. Vigo: Servizo de publicacións da Universidade de Vigo. 2002. 3

* CARMONA BADIA, XOÁN. La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955). Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. 2016. 4

* SOTELO, RAÚL. "Laureano Salgado", en Empresarios de Galicia, volume II (coord. Carmona Badía, Xoán). A Coruña: CIEF. 2009. 5

* BURÉS MIGUÉNS, Mª TERESA. "Pedro Barrié de la Maza", en Empresarios de Galicia, (coord. Carmona Badía, Xoán). A Coruña: CIEF. 2006. 6

* CARMONA BADIA, XOÁN. "Una pequeña empresa se hace grande, la Sociedad General Gallega de Electricidad y los orígenes de FENOSA", en Revista de Historia Industrial, nº 58. 2015. 7

* GIRÁLDEZ LOMBA, ANTONIO. Recordando los tranvías de Vigo. Vigo: Editorial da Deputación de Pontevedra. 2005 . 8

Central aspecto actual

Estado actual da pequena central, extremo suroccidental. Foto Uxío Reinoso. Data: xaneiro 2018