Solicitamos ao Concello de Vigo e a Xunta de Galicia a protección integral da Alfageme de Bouzas

Os valores propios da antiga conserveira e as circustancias urbanísticas actuais obrigan a cidade de Vigo e a cidadanía galega a ser especialmente cauta e atenta co presente e futuro da Alfageme de Bouzas.

Por elo, Vigo Industrial, recentemente constituida como asociación cultural, ven de presentar sendas instancias oficiais perante o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia, para que no exercicio das súas competencia, estas declaren a catalogación, e consecuente protección, do conxunto de inmobles que compoñen o conxunto histórico-cultural deste importantísimo e valiosísimo elemento do noso Patrimonio Industrial. 

O obxetivo común de ambas adminstración públicas e cidadanía, debería ser a conservación e reutilización deste conxunto histórico de inmobles, para o seu uso e disfrute da vila de Bouzas , cidade de Vigo e resto da sociedade.

Apuntes históricos.

  • A familia Alfageme (que xa tiña conserveiras en diferentes puntos de Asturias e Galicia), encabezados por Hermenigildo Alfageme Fernández, chega a Vigo entre 1906 e 1909. Nos seus primeiros anos en Vigo explotaron diferentes fábricas arrendadas nas zonas do Areal, Guixar e San Gregorio-Bouzas.

  • No ano 1920, os Alfageme adquiren o campo de fútbol do Fortuna de Bouzas e comezan a instalar un almacén e serradoiro de madeiras Cara o 1927 xa teñen construído neste campo unhas amplas naves para as madeiras; anos despois esas naves para a madeiras converteranse en almacén da conserveira.

  • No ano 1928, os Alfageme encárganlle ao arquitecto Manuel Gómez Román o deseño dun gran edificio de granito, aceiro e vidro para conserveira ao carón daquelas instalacións madeireiras.

  • No ano 1935, o edificio da nova conserveira xa está a pleno funcionamento.

  • En setembro de 1936, pai e fillo de Hermenigildo son asasinados no Xixón republicano, e seguidamente os Alfageme deciden vender as súas instalacións en Asturias e centralizar a súa empresa en Vigo.

  • No ano 1939, encárgaselle a Manuel Gómez Román a ampliación da conserveira cunha nova nave que fusionase as antigas naves do serradoiro co edificio principal da conserveira; tal e como aínda se conserva agora.

  • Entre 1939 e 1946, dentro da parcela da fábrica eríxese a vivenda familiar dos Alfageme-Del Busto.

  • .No ano 1946, a empresa Alfageme pasa a ser SA., e Antonio Alfageme del Busto colle a dirección da fábrica de Bouzas.

  • No ano 1967, e ante certas dificultades financeiras, é necesaria unha recapitalización por parte do irmán e socio de Antonio, Braulio Alfageme del Busto, que coloca ao seu fillo Braulio Alfageme de Riva na co-dirección da conserveira.

  • Nas décadas seguintes, conservas Alfageme consolídase coma unha das maiores industrias conserveiras de España, e a súa marca de bandeira, “Miau”, creada en 1914, quizais sexa a máis popular das marcas españolas; tamén foron marcas históricas e moi populares de conservas Alfageme, “La Barretina”, “Eureka” ou “La providencia”.

  • Braulio Alfageme de Riva, mantívose na dirección ata que falece no 1991.

  • No ano 1995, ante novas dificultades financeira a empresa Bernardo Alfageme SL comeza un proceso de restruturación, e o BBVA adquire o 40% do accionariado e seguidamente fecha a fábrica de Alxeciras.

Proceso especulativo e urbanístico 

  • A comezos de 2006 a Alfageme entra nun proceso especulativo e barállase o traslado da actividade Bouzas para unha nova factoría no polígono de Valadares, mentres que na parcela de Bouzas o Concello de Vigo permitiría a demolición total dos inmobles para facer 45.000 m2 de nova construción.

  • En febreiro do 2006 a familia Alfageme véndelle a empresa ao suposto grupo conserveiro “Inversiones Louredo”, empresa que obtén axudas da Conselleria de Pesca da Xunta para un plan reidustrializador que nunca chegase implementar.

  • En decembro do 2006 Inversiones Louredo vende a empresa Bernardo Alfageme (daquela outra vez SA) á inmobiliaria “Promociones Promalar”.

  • No ano 2008, apróbase o PXOM de Vigo, e nel determínase que por unha banda o edificio principal da conserveira é un elemento a conservar catalogado coa categoría de AMBIENTAL (só se obriga a conservar as pedras e carpintería da súa fachada), e por outra defínese unha “Área de Planeamento Remitido-Alfageme” para urbanizar o resto da parcela.

  • No ano 2009, desenvólvese “Área de Planeamento Remitido-Alfageme” e detallase que serían demolidos todos os edificios da Alfagame excepto o edificio principal (que sería destinado a “Museo da Conserva”), e que no espazo baleirado edificaríanse varias torres de vivendas de ata 9 pisos de altura e unha superficie total construída de 42.000 m2.

  • En abril de 2010, despois de moitas dificultades e impagos as súas traballadoras, B.A.S.A. quebra e deixa sen emprego ás 150 traballadoras que aínda ficaban nas 4 fábricas que mantiñan parte da súa actividade (Bouzas, Vilagarcía, Ribadumia e o Grove)

  • En maio de 2011, despois de xa ter quebrado moitas das súas filiais, a que entra en concurso de acredores é “Promociones Prolamar”.

  • En maio de 2015 a parcela e inmobles da Alfageme de Bouzas saen a poxa xudicial, que tras quedar deserta, son adxudicados aos bancos acredores Abanca, Banco Popular e a súa filial, o Banco de Galicia.

  • En novembro de 2015 o PXOM do 2008 é anulado por sentenza xudicial. En consecuencia, tamén é anulada as disposicións da “Área de Planeamento Remitido-Alfageme”, e a conserveira recupera a calificación de solo industrial vixente no PXOU do 1993. Non obstante, en virtude do artigo 31.4 da lei de Patrimonio Cultural de Galicia, a catalogación e protección da fachada do edificio principal da Alfageme seguen en vigor.

  • No 2017, o Banco Santander absorve o Banco Popular e as súas filiais. Cara 2018, a propiedade do inmoble de Alfageme reagruparase do seguinte xeito, 49% Abanca e o 51% restante da promotora Aliseda (que así mesmo está participada nun 51% polo fondo de inversións americano Blackwater e un 49% polo Banco Santander). Nese intre o Concello de Vigo abre a porta a recalificar os terreos mediante unha modificación do PXOU do 1993.

  • A finais de 2019 a propiedade coloca un cartel de “suelo en venta” no inmoble da Alfageme en Bouzas.

 

Portada do catálogo de produtos de conservas Bernardo Alfageme do ano 1935. (f.1)

Cartel publicitario de Miau que se atopaba nas escaleiras de acceso as oficinas e actualmente exposto no museo ANFACO. (f.2)

Proba de impresión dun paquete de conservas La Providencia. anos 40-50. (f.3)

A Alfageme de Bouzas dende a entrada: á dereita o edificio principal, no centro a nave ampliada no ano 1938, á esquerda a videnda familiar e detrás o depósito de auga, apreciese tamén os adoquinado e farois do xardín, elementos que tamén deberían conservarse  (f.4)

A solicitude perante o Concello de Vigo:

En vista de que o Concello de Vigo está a elaborar un novo PXOM, o pasado mércores 8 de abril, a nosa asociación presentou por rexistro electrónico dúas instancias dirixidas ao sr. Alcalde de Vigo e sr. Xerente Municipal de urbanismo sendos escritos, nos cuais se expuñan os valores intrínsecos da antiga conserveira Alfageme “que obrigan a cidade de Vigo a ser especialmente atenta e cautelosa co futuro deste elemento do noso Patrimonio Industrial”, e solicitamos que:

“...no “catálogo de elementos a conservar do novo PXOM” en elaboración, esténdase a protección e recoñecemento do valor histórico-cultural a totalidade da parcela e inmobles da antiga conserveira.

De tal xeito, consideramos que:

1º) debe elevarse o nivel de protección do edificio principal da fábrica “ambiental” a “integral”, estendendo a obriga de conservación que tiñan aos elementos externos aos internos, como son a estrutura da cuberta, escaleira e sobrado feitos en ferro; as carpinterías de madeira e vidro das oficinas e arquivo; os enlousados e mármores dos aseos e o laboratorio,...; os mobles e elementos de oficina que se conservan; as tubaxes e outras instalacións industriais que perviven,...

2º) catalogar e protexer individual e especificamente o resto de elementos que compoñen este complexo industrial, cos niveis de “integral”, ou cando menos “estrutural”, como son:

a) os dous almacéns do porto de Vigo que en tempo foron concedidos a Alfageme e agora o foron os estaleiros Cardama e Freire.

b) a rúa que transcorre entre ambos almacéns cara o mar e o peirao transversal e rampla que se adentra no mar.

c) a nave ampliada no ano 1939 (obra tamén de Manuel Gómez Román), coa súa estrutura metálica, a escalinata, e a cinta transportadora móbil (tipo “finguer”)

d) as naves do antigo almacén (de 1920), coa súa estrutura de madeira

e) a vivenda familiar, cos seus elementos interno máis notables, como a escaleira e súa vidreira, parqué, enlousados,....

f) o edificio da cantina, cociña e vestiarios, coas súas divisións internas, e o edificio parello que serviu de taller.

g) o depósito de auga

h) a marquesiña do aparcadoiro

i) a entrada á parcela e a garita do vixiante

l) o empedrado das vías internas

m) o xardín, co súas árbores, hórreo, farois,...

3º) En cada un destes elementos só deben permitirse novos usos que sexan acordes coa conservación e aproveitamento público do mesmos, como poden ser: centro educativo, instalacións deportivas, mercado, albergue, museo, ... É preciso pois, cambialo uso do inmoble de “Industrial” a “Equipamento” da cidade.

4º)Especificamente, o xardín e vías internas deberían converterse nun espazo público aberto que se incorpore ao tecido urbano do barrio. Para iso, sería preciso facer un estudo urbanístico para detectar novos usos e necesidades do barrio.

Así mesmo, expresamos a ambos cargos públicos a disposición da nosa asociación a colaborar “neste e outros asuntos relacionados co noso Patrimonio Industrial”.

Copia das solicitudes dirixidas ao sr. Alcalde e sr. Xerente Municipal de Urbanismo.

A solicitude perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Aconteceu, que o domingo 12 de abril o Faro de Vigo filtrou a noticia de que o “Concello ten remitido á Xunta o borrador do futuro Plan Xeral para iniciar a tramitación ambiental”.

Esta circunstancia deixa un tanto fora de lugar a nosa solicitude dirixida pola nosa asociación o 8 de abril, xa que de ser efectivamente incoada a tramitación do PXOM de Vigo, abrirase un prazo de exposición pública e alegacións ao mesmo.

Non obstante, o fondo da cuestión “a protección e conservación integral da fábrica de Alfageme en Bouzas” transcende a propio proceso de tramitación do plan urbanístico vigués, polo cal, o 13 de abril, Vigo Industrial presentou solicitude para que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, :

  • se interese polas determinacións do novo PXOM de Vigo que afecten a Alfageme de Bouzas,

  • actúe para que os diferentes elementos desta gran factoría sexa correctamente comprendidos no proceso de aprobación do PXOM,

  • de ser preciso, e dacordo co artigo 26.1 da lei 5/2016, incoe expediente para a inclusión de todos eses elementos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia independentemente do procedemento e avatares do novo PXOM de Vigo.

Esta solicitude perante a Xunta de Galicia, igual que as presentadas perante Alcalde e Sr. Xerente Municipal de Urbanismo, foi acompañada da noso ofrecemento de colaboración e por un plano informativo elaborado por Vigo Industrial no que se identifican o conxunto de inmobles que compoñen o complexo industrial da conserveira Alfageme de Bouzas.

Todos este elementos deberían ser conservados conxunta e integralmente para manter o valor histórico-cultural deste importantísimo e valiosísimo elemento do noso Patrimonio Industrial, quizais o mellor conservado da súa tipoloxía, non só de Vigo e Galicia se non tamén de Europa enteira.

Copia solicitude presentada perante á Dir. Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia.

Escaleiras que, no edificio principal, comincan oficinas e arquivo. (f.5)

Plano identificatvio dalguns dos elementos a conservar

A) almacéns do porto de Vigo

B) a rúa e o peirao tranversal e rampla

C) a nave ampliada no ano 1939

D) as naves do antigo almacén

dos anos 20 do s. XX

E) a vivenda familiar

F) os edificios da cantina, cociña e vestiarios, e o do taller

H) a marquesiña do aparcadoiro

Asociación cultural Vigo Industrial.

Vigo, 16 de abril do 2020.

Créditos das fotos do artigo

(f.1) Colección de Vigo Industrial.

(f.2) Foto Uxío Reinoso. Ano 2018

(f.3) Colección de Vigo Industrial.

(f.4) Foto Uxío Reinoso. Ano 2018.

(f.5) Foto Uxío Reinoso. Ano 2012.

Galería de fotos dalgúns elementos

Interior edificio principal
Interior da nave ampliada no ano 1939
Interior da nave ampliada no ano 1939
Interior do antigo almacén e serradoiro de madeiras
Naves portuarias
Interior nave portuaria
Depósito de auga
Cantina
Exterior taller
Cerchas
Estrutura metálica
Interior do antigo almacén e serradoiro de madeiras

Foto José Chas, ano 2018