top of page
Ficha 001

BERNARDO ALFAGEME

Tipo

Buque arrastreiro

Sector

Pesca

Uso actual

Exposición

Concello

Vigo

Parroquia

Coia

Lugar

Av. de Castelao

Enderezo

Non procede

Coord.

N 42º13'05'' O 8º44'39'' GPS: 42.2183, -8.7442

Historia

Fundación

1944

Feche

1998

Fundador

Bernardo Alfageme S.A.

Reseña

As orixes, a familia Alfageme.

As raíces do arrastreiro "Bernardo Alfageme" poden remóntarse ao ano 1882, cando o comerciante zamorano Bernardo Alfageme Álvarez (que unha década antes casara coa filla dunha familia de salgadores asturianos) introdúcese na industria da transformación de peixe cunha pequena factoría de salga e escabeches na vila de Candás. Este experiencia, aínda que exitosa, foi breve, e axiña Bernardo Alfageme traspasou o fabriquín de Candás e adicouse a outros negocios así como á política. Non obstante, xa antes de o século XIX rematar, en 1898, Bernardo Alfageme volveu a industria do peixe, pero agora aínda con máis forza, cunha "Gran fábrica de conservas alimenticias, salga de peixes y exportación de frescos" ; instalada igualmente en Candás. Desta volta o éxito foi aínda máis rotundo, e nos anos seguintes Bernardo Alfageme ampliou o negocio conserveiro con outras instalacións en Candás. Paralelamente, preparouse tamén a sucesión, e no ano 1902, o fillo de Bernardo, Hermenigildo Alfageme Fernández é posto á fronte da sección de salgas e conservas de peixe do negocio familiar *1.

Foi precisamante Hermenigildo o encargado de darlle unha nova dimensión á empresa familiar coa sua progresiva instalación en Galicia, primeiro, cara 1903, cunha pequena e efímera salga en O Barqueiro (Mañón -A Coruña-), en 1910 na Punta de San Gregorio de Coia, e despois no Areal de Vigo, ata que en 1931 entra en funcionamento a "Miau" de Bouzas *1.

Ao abeiro da "Lei de crédito naval" de 1939, o "Bernardo Alfageme" comezou a construirse no astaleiro vigués “Hijos de J. Barreras” en 1942. En decembro de 1944 foi entregado a Antonio Alfageme del Busto. Este buque foi parte da aportación da empresa da marca “Miau” ao capital social de M.A.R. SA *2 e 3. 

Este “motopesqueiro” foi unha clara aposta dos Alfageme pola modernidade. Adoptábase con el un tipo de arrastre que precisaba menos medios que a parella ou o "bou" de costado: a "baca", moi extendida noutros portos (norte de Europa, Levante, Golfo de Biscaia,...) era daquela pouco frecuente entre os armadores galegos. Amais da novidade da arte da "baca", o casco de aceiro e motor diesel do "Bernardo Alfageme" supuña un aumento da capacidade e autonomía respecto os outros arrastreiros de vapor e madeira que xa tiña a empresa faenando nas costas galegas e portuguesas, e dun xeito un tanto precario no Gran Sol.

Estas primeiras mareas do Bernardo Alfageme foron nun Gran Sol con capturas ainda máis abundante do común, xa que a “veda” da II GM permitiu unha notable recuperación da biomasa. Anos despois, o "Bernardo Alfageme" tamén acudiu (no límite das súas capacidades) ao caladoiro de Terranova e ás costas de Marrocos, mentres que as súas derradeiras mareas forón no sur de Portugal, tendo base nos anos 90  no porto de Ayamonte 4*.

Ao longo da súa vida útil cambiou varias veces de man, ata que foi dado de baixa en 1998, adquirido polo astaleiro Santodomingo (despois Armón), é enviado ao despece en 1999. Comezou aquí unha campaña, liderada pola Asociación de Mariñeiros San Miguel de Bouzas, para salvalo e restauralo histórico buque como aula-museo. No ano 2000, o pleno do Concello de Vigo acepta a doazón desinteresada do buque por parte da empresa *5. Dende entón o histórico arrastreiro foi obxeto dun tortuoso programa de rehabilitación e reutilización, e ainda que se chegou a contemplar conservalo e facelo visitable a flote, finalmente, e cun custo final de perto de 1 millón euros, no ano 2015 foi varado polo Concello nunha rotonda da Avenida de Castelao 6*.

Procesos

e

produtos

Nos arrastreiros tipo "baca" o lance da aparello (que se garda na cuberta de proa) faise dende unha banda do barco (a de babor no caso do "Bernardo Alfageme"). Unha vez botada a rede no mar co pescante de proa, os extremos dos cables da rede son guiados pola banda ata ser pendurados das roldanas dos dous pescantes de popa. Armadas as portas, comeza a marcha, e coa axuda de torneiras e motóns lárgarse o cable por sendas banda. Cando a rede chega ao fondo, os cables son amarrados nos pescantes de proa e/ou a un gancho de remolque, e comeza entón o arrastre (de varias horas normalmente). Unha vez se sinta o "copo" da rede cheo, e sen parar a marcha, comeza o halado dos cables da rede mediante o maquinillo ou "guincho"; no último treito da halada o buque vira un pouco o rumbo, de tal xeito que a rede coa pesca teña tendencia a banda desexada. Entón o cable da banda oposta é guiado ata un montón de proa; fanse entón as últimas haladas do cables nos "winches" do maquinillo e coa axuda dos botalós que manexa a marineria a pesca é encostada ao buque. Finalmente ízase o copo, abrese para que a pesca sexa verquida sobre a cuberta de proa. Alí mesmo a pesca é selecionada (nalgúns casos exviscerada) e clasificado en caixas polos mariñeiros. As caixas son baixadas unha a unha polas escotillas á bodega/neveira, onde son cubertas de sal ou xeo e apiladas.

Dende 1928 "bous e parellas de arrastreiros galegos comezaron ir ao "Gran Sol", denominación extensiva que se aplicou a todos aqueles que faenaban máis aló do norte do paralelo 49º N e ao oeste do meridiano 9º O, incluíndose a meseta submarina de nome francés "Grande Sole", pero tamén outros moito máis distantes, das costas de Irlanda, Escocia e incluso camiño de Islandia.

Nos primeiros tempos os caladoiros mais practicados tiñan unha profundidade moderada, de 60-80 brazas (110-150 m), pero cos potentes bous e bacas diesel, fixéronse comúns practicar caladoiros de mais de 100 brazas (185 m), chegandose incluso nalgúns casos ata as 250 brazas(460 m).  

Naqueles caladoiros do "Gran Sol" galego, nas profundidades máis comúns (entre 70 e 180 brazas), abundaban as preciadas pescadas, cariocas, peixesapos e rapantes, e eran menos frecuentes os codiciados bacallaos e congrios; a estas profundidades eran tamén comúns as cigalas, ollomois, palometas negras, lirios, xardas e xurelos, amais de potas e polbos. A máis profunidade facíanse comúns as preciadas marucas e merluzas de maior tamaño, e outras especies menos interesantes comercialmente coma as palometas encarnadas ou as bertorellas. Dado o limitado espazo das neveiras, dos primeiros lances escollíanse as mellores pescadas (as veces descabezadas pra gañar espazo), bacallaos, marucas e peixesapo; nos últimos días, se había espazo, conserbávanse ollomois e rapantes (que aguantaban menos tempo), mentres que cigalas, polbos, potas e a maior parte dos peixes azuis eran normalmente devoltos o mar.

Nos seus anos en "Casa MAR", O Bernardo Alfageme formaba parte dun sexteto, onde catro faenaban e dous adicábanse ao traslado do peixe ao porto. 

Os portos prioritarios de desembarco dos "gransoleiros" eran A Coruña e Vigo, dende onde era comercializada por tren a toda España e, nas especies apropiadas, ás conserveiras galegas. Nalgúnhas ocasións, por emerxencia ou interese comercial ou práctico (cando se faenaba perto da costa), recalábase en portos das illas británicas, como o inglés de Castletown, o galés de Milford Haven, ou irlandeses da bahia de Bantry ou da illa de Valentia, dende onde era comercializada nos paises británicos 4*.

Maquinaria

conservada

Aparentemente conserva in situ os maquinillos, pescantes e outros elementos de cuberta orixinais; descoñécemos en que estado xa que o Bernardo Alfageme non é visitable na súa actual loclización.

O buque foi doado ao Concello de Vigo co seu motor e resto de elementos interiores, incluidos útiles da tripulación; pero durante a segunda restauración feita en 2005, no estaleiro Cardama, o interior foi baleirado, e o motor retirado para a súa suposta exposición posterior. Por fontes propias sabemos que en maio de 2020 os motores principal e auxilíar conservábanse nas dependencias do estaleiro Cardama en Bouzas (ver foto na sección de Arquitectura).

Materalia

Arquitectura

Superficie parcela

Non procede

Non procede

Sup. ocupación

Descritiva

O "Bernardo Alfegeme" foi un dos vinte arrastreiros da serie "Standard" de Barreras, e tivo como xemelgos os "Massó 16", "Massó 28", "Teresa Barreras" ou "Quique" entre outros.  

O casco foi feito según a patente "Maierform" en aceiro remachado de 15 mm (outros desta serie, debido a carestía da posguerra, foron feitos en madeira) *7.

As dimensións do "Bernardo Alfageme" son 27,5 m de eslora entre perpendiculares, uns 32 m de eslora total, 6 m de manga e 2,47 m de puntal. A pesar das suas modestas dimensións o “Bernardo Alfageme” podía albergar unha tripulación de 14 persoas. Tiña un arqueo TRB de 166,7 toneladas e 90,75 tn netas, que lle daban a capacidade para facerse ao mar con 65 tn de gasoil, 70 tn de xeo e sal, 3 tn de víveres e 17 tn de auga potábel. Nas súas neveiras podía almacenarse até 70 toneladas de peixe​ *2, 3, 9 e 10. 

O motor diesel, tamén feito nos talleres de motores de Barreras, seguía a patente da holandesa "Werkspoor", pero polas mesmas dificultades da posguerra, certas solucións adoptadas foron improvisacións dos talleres vigueses. O motor era de 6 cilindros, cunha potencia nominal de 330 HP a 430 rpm. Tiña outro motor "Werkspoor-Barreras" de 190 HP, para movelo maquinillo ou emerxencia.

Os arrastreiros da serie "Standar Barreras" teñen unha singular silueta. As modestas cuberta de habilitación e a ponte de mando atópanse bastante retiradas á popa, prácticamente na metade traseira; a mesma popa, relativamente exigua en espazo, ten unha borda baixa; en troques á proa é ampla e moi apuntada, coa borda e recrecida no seu extremo dianteiro. Así pois, estes antigos arrastreiros (sen ter un castelo de proa, como acostuman ter outros arrastreiros de altura, especialmete os máis modernos) teñen unha figura altiva e de "tallamar".

A sala de máquinas atopábase na parte central, baixo cuberta, ao igual que as adegas para xeo, sal e a pesca que ían na amplia proa, mentres que na exigua popa ían os depósitos de combustible e auga. 

Como quen dí, as persoas aloxábanse en pequenos intersticios dos espazos da función principal do barco. Trala ponte de mando había dous pequenos camarotes para o patrón de navegación e o patrón de pesca. O resto da tripulación non chegaba a ter camarote, para o seu descanso e gardalos seus obxetos persoais tiñan uns pequenos cubiculos, superpostos como liteiras, ao redor da cociña-comedor, na parte central da cuberta de habilitación. O aseo era un pequeno cuarto na parte traseira da habilitación, dándose a incómoda circustancia de que só había unha porta de acceso exterior, obrigando a tripulación a sair a intemperie para ir facer as súas necesidades.

O maquinillo non se atopa na popa como é no caso dos arrastreiros de rampa, senon que está na metade do buque, ao pé da ponte, por diante da cuberta de habilitación; este maquinillo ten no seus extremos sendos "winches", nos que (dado que son mais amplos que a caseta de habilitación) se enrolan os cables da rede, que son desplegados ainda máis alo da liña de borda por dous motóns que penduran duns pescantes plegables. Semella que o sistema de arrastre o "Bernardo Alfageme" mudou en diferentes momentos: nas fotos máis antigas non se aprecian na popa os pescantes plegables e o pórtico, que, unha vez instalados aqueles, debeu desempeñar unha función secundaria. No centro da cuberta de proa erixese un mastro cun amplo pescante co que botala rede e izala pesca á cuberta.

Planos

Non se coñece

Estado de

conservación

Estado xeral: malo.

Ante a falla dun estudo técnico oficial é público que nos permita coñecer os pormenores do seu tortuoso e custosísimo proceso de restauración, así como a imposibilidade da súa visita e simple inspección interior, convén valorar o seu estado funcional por enriba do aspecto exterior.

Probablemente despoxado da súa motorización, e varado nunha rotonda, o retorno do arrastreiro ao seu medio orixinario, o mar, semella prácticamente imposible, ou cando menos moi dificultosa e costosa. Así pois pódese decir que o "Bernardo Alfageme" está inutilizado e polo tanto nun mal estado de conservación.

Durante a segundo proceso de restauración baleiráronse os elementos interiores, incluido o motor; así mesmo a cuberta de madeira foi retirada e sustituida por unha metálica.

Descoñecemos o estado de conservación e funcionalidades dos elementos accesorios: maquinillos, timón, pescantes ...

Na última restauración engadíronse balizas, portas da rede arrastre e outros accesorios que non se corresponden cos históricos.

Igualmente se lle pintou unha bandeira de Vigo na cheminea que o arrastreiro boucense nunca tivo.

(avalidado en outono de 2017)

Cívica

Visitable

Só exteriormente

Uso actual

Decoración/Exposición nunha rotonda

Concello de Vigo

Propiedade

Proteccion histórico-cultural

Ningunha

Afectación urbanística

Non procede

Coñecer máis 

* Estaleiros:

- Barreras.

- Fábrica de motores de Barreras.

- Cardama.

- Santodomingo / Armón.

* Conserveira:

- Alfageme de Bouzas.

* Industria firgorífica:

- M.A.R. S.A (demolida).

* Efectos navais:

- Cordelería M.A.R. S.A (demolida).

Patrimonio

relacionado

* Testemuña de MANUEL ABEIJÓN, mariñeiro do Bernardo Alfageme, en: DEL OLMO, AMAIA; "Reflotar la historia", Faro de Vigo, 13-II-2000.

* Testemuña de ANTONIO ESTÉVEZ, técnico de motores navais, en: LUCA, G. "Alarma para salvar un arrastreiro de chapa remachada (1944) condenado ao desguace"A Nosa Terra, nº 922, ano XXIII (2000-2001).

* Reportaxes biográficos e testemuñas de armadores, empregados de terra e mariños das empresas e caldoiros relacionados co "Bernardo Alfageme": PIÑEIRO SAN MIGUEL, ESPERANZA e GÓMEZ BLANCO, Por todos los mares do mundo: El prodigio de la pesca en Vigo. Vigo: ed. Fundación Caixanova. 2009. Páxinas 83 e seguintes.

Testemuñas

Notas

* 1: RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ, MANUEL RAMÓN. "Los Alfageme. La saga de una gran marca: Conservas Miau", en Las familias de la conserva (Carmona Badía, Xan; Coord.). Pontevedra: Ed. Deputación de Pontevedra e ANFACO-CECOPESCA, 2011.

* 2: MUÑOZ ABELEDO, LUISA. "Gaspar Massó García", en Empresarios de Galicia (Carmona Badía, Xan; Coord.). A Coruña: CIEF. 2006.

* 3: CARMONA BADÍA, XAN. "José Barreras Massó", en Empresarios de Galicia (Carmona Badía, Xan; Coord.). A Coruña: CIEF. 2006.

* 4: EIROA DEL RÍO, FRANCISCO. Historia y desarrollo de la pesca de arrastre en Galicia. A Coruña: ed. Deputación Provincial da Coruña.1997.

* 5: EDITORIAL (2002). "SOS Bernardo Alfageme"; en "Apoupo; Boletín  informativo da Federación Galega de Cultura Marítima", nº 2. Páxina 3.

* 6: FUENTES, J e ANTÓN, S. "La rotonda del millón de euros", en La Voz de Galicia, 23-II-2015. Consultado o 17-12-2017.

* 7: MUSEO DO MAR DE GALICIA. "Plan de restauración e integración como elemento patrimonial e museográfico do M/P Bernardo Alfageme". 2006 (aprox.).

* 8:  EDITORIAL. "O último susto do Bernardo Alfageme...", na web da "Asoc. de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas". Consultado o 17-12-2017.

* 9:  CONCELLERÍA DE PATRIMONIO. O Bernardo Alfageme; Un buque insignia. Vigo: ed. Concello de Vigo. 2001. 

* 10:  Ficha 363  do Inventario da "Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa". Consultado o 15-XII-2017.

- A Víctor Fernández, da "Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas" por aportar informacións e documentos para realizar esta ficha; e tamén a el e ao resto da xente da Asociación San Miguel e outra xente do mar por loitar pola conservación do Bernardo Alfageme.

- A José Sosa pola información sobre Ayamonte.

Agradecementos

Última actualización da ficha: 10-X-2023.

bottom of page